martes, 31 de julio de 2012

A MIÑA FAMILIA RUSA


Mentres a miña sobriña Candela e máis eu xogamos un sábado pola mañá na miña cama, chégame un sms ao móbil que está sobre a mesiña de noite. 

CANDELA: Que foi eso? O móbil?
EU: Sí… deixa que vou mirar quen é… Ah! Un mensaje!
CANDELA: E de quen é?
EU: Non sei si cho poido dicir…
CANDELA: Por que?
EU: Porque é un secreto que temos na familia e que aínda non cho contamos…
CANDELA: Cal é o secreto?
EU: Prométesme que non llo vas dicir a naide?
CANDELA: Sí!
EU: A ver, tú sabes que abuela, cando era nova, foi ximnasta olímpica, non?

(Pon cara rara).

EU: Pois resulta que viveu en Rusia porque alí estaban as mellores ximnastas do mundo, estaba ela, Nadia Comaneci e todas estas… as mellores… Abuela entrenaba moito, día e noite, moitas horas, e pasou alí moitos anos, ganou moitas medallas, case todas de plata… e conoceu a outro atleta, Sergei, un home moi guapo e moi forte, estaban enamorados e tiveron unha filla, Yvanna, que é medio irmá de mamá, de Angélica e miña.

(A súa cara é aínda máis rara pero presta atención).

EU: E nada, que me mandou ahora un mensaje pa dicirme que, ao mellor, ven comer hoxe…
CANDELA: Hoxe?
EU: Sí!
CANDELA: Aquí? A Foz?
EU: Sí, teño que diriclle a abuela que vai vir…
CANDELA: E abuelo sábeo?
EU: Sí que o sabe pero, xa sabes, ponse un pouco celoso cando escoita falar de Sergei…
CANDELA: Xa…
EU: É que abuelo peleouse con Sergei unha vez que a veu ver a España, a Madrid, cando abuela era bailarina do ballet nacional…
CANDELA: Foi bailarina de ballet?
EU: Claro! Das mellores tamén. Tiñas que ver o ben que lle quedaban as mallas no escenario…
CANDELA: Pero eu nunca vin a abuela con mallas…
EU: Porque solo as poñía pa bailar Candela… e ahora xa é maior e prefire as faldas...
CANDELA: E por que nunca fala desa filla?
EU: Porque vive en Moscú con seu pai e porque quere que abuela volva pa Rusia e nos deixe a nosoutros aquí.
CANDELA: É mala…
EU: Non é mala… quere estar con súa mai.
CANDELA: E abuela a quen prefiere?
EU: Non sei… creo que aos de Foz, a nosoutros, aínda que a veces ten pena por ter deixado a súa vida aló… Xa ves! Seguramente hoxe conozas a túa tía Yvanna…
CANDELA: Pois eu non quero conocela.
EU: É moi guapa, xa verás!
CANDELA: Dame igual…
EU: Mira que si abuela nos deixa e volve para aló…
CANDELA: Non nos vai deixar…
EU: Non sei que che diga, creo que aínda sinte algo polo seu Sergei…
CANDELA: Voulle preguntar…

(Candela érguese da cama e vai ata a cociña falar coa súa avóa do asunto).

lunes, 23 de julio de 2012

UNIÓN

É mellor pensar no que une que no que separa...
É favorable fixarse nas cousas en común que nas diferenzas...
Que todo sexa como nunca foi...

domingo, 15 de julio de 2012

BLOODY DAYS...


Do primeiro que quero falar, pode que sexa o máis importante, é da baixa calidade dos políticos actuais. Onde quedan os tempos nos que non facían falta discursos escritos en papel? Onde quedan as palabras sen guionizar? Onde queda a capacidade dialéctica? Onde quedan as ideas propias? Que foi da maxia da improvisación? Do poder do corazón? Que foi dos políticos que movían masas? Dos que eran cribles? Pois todo isto é historia. Vivimos, agora, nunha época de capitalismo salvaxe, mentiras, textos escritos desde rúas madrileñas, poderes extraños, corruptelas laberínticas, 'enchufismo' ridículo, baixeza moral, pobreza intelectual e, o máis triste, indiferenza popular. Eu diría "Máis facer política e menos vivir dela".

Moi ben se debe estar no sofá da casa, co mando da tele na man, saltando dunha canle a outra e engordando a ignorancia e o desprezo. 

Parece ser que a indignación non esta xustificada hoxe en día. Para moitos unha persoa que demostra a súa disconformidade con determinadas políticas, é como un pesado, é como alguén que non para de queixarse e que rapidamente se lle pon unha etiqueta para pouco menos que ser ridiculizado en público. Esa é a estratexia do cómodo, do que non a rasca, do que non ten conciencia de nada, do que ten como única preocupación o seu campo de un metro á redonda. Pero que mal deberían durmir polas noites os palmeiros (se tiveran conciencia)! Os palmeiros son os mesmos que se rían dos que limpábamos as costas galegas nos tempos da catástrofe do Prestige. Son os mesmos que enterran aos sindicatos e acuden a eles cando os botan dos seus traballos. Son os mesmos que polo interese persoal fan o que sexa. Son os mesmos que chaman folgazáns aos que acudimos ás greves. Son os mesmos que os seus hábitos de lectura non van máis alá do MARCA. Son os críticos da crítica, 

Entendo, por simple lóxica, ás persoas que se mollan, a favor ou en contra, dacordo ou en desacordo… e incluso ás persoas que se plantexan as cousas e non o teñen totalmente claro… pero esa indiferenza canalla, medosa, soberbia e inculta é noxenta. 

Eu estou nas antípodas políticas do actual goberno español e en contra de moitas medidas adoptadas polo goberno anterior pero tamén é certo que para que a miña postura exista, ten que existir tamén a contraria, a deles. Son basicamente, unha persoa de esquerdas, que non é máis que unha persoa que quere que as cotas de igualdade no mundo sexan as maiores e ese obxectivo ten varios camiños, non só un e, claro está, non é o actual, que favorece o aumento da distancia entre unhas persoas e outras creando clases de humanos, divisións xerárquicas en función do diñeiro.

E precisamente isto é o que se pretende con toda esta batería de recortes dos dereitos dos cidadáns, acabar cos avances da igualdade (atención ás dependencias, equiparación de salarios, matrimonio gay, axudas sociais, becas…) e avanzar na diferenza… porque iso é o que quere a dereita, que sigan existindo as clases sociais, ricos e pobres, señores e servos. Agora, o que queira seguir enganándose, é libre de facelo.


Moi triste ver como os congresistas do PP aplaudían as reformas desta semana, de pé, nos seus escaños, coa súa raia ao lado, como se Mariano Rajoy lle acabase de meter un gol ao equipo rival… e tal cal a comparación. Que dicir da diputada Fabra berrando "Que se jodan!" referíndose aos recortes aos parados? Indignante!

Xa sei que nós, o resto do país, somos xente que minte, xente indigna, rebeldes, a plebe, pero non sabía que os dirixentes do PP tamén mintían… ao final son coma nós… porque ata o de agora mentiron en todo, non?

E eu que pensaba que nesta altura estes artistas xa terían todo solucionado… co listos que son… co guapos que son… e aquí estamos co cú máis chantado na merda.

Para rematar, dúas comparacións. 

A primeira, evidente pero non por eso menos significativa. Non me gusta ir en contra da felicidade dos españois, nin moito menos, pero resulta canto menos vergoñento ver como miles de persoas (e moitos miles) saen á rúa moitas horas baixo temperaturas de trinta e pico graos para recibir a vinte tíos que gañan moitos millóns de euros por xogar a un deporte que debe moito á facenda pública e ao mesmo tempo, á xente non lle interesa sair á rúa para defender as súas conquistas históricas en todos os eidos da vida. 

A segunda, a nivel de medios de comunicación. O pasado martes, percibín a diferenza antonímica das liñas informativas da TVE e do TDT Party. Nomeado o pouco experimentado pero ben adoctrinado novo diretor xeral da canle pública (Julio Somoano) en detrimento do grande Fran Llorente, a 1 preparou dous excelentes especiais para a noite e como despedida: un sobre a loita mineira (despois da ruptura estatal dun acordo europeo) e outro sobre o poder do pobo representado nos veciños de Belvitge que conseguiron coa súa forza o que se propuxeron. Á mesma hora, na canle do toro cagando (porque caga sobre nós, non?) e na de Veo, poñían os seus programas nocturnos de "tertulia y vino", onde non paraban de falar mal dos funcionarios (ese amplo colectivo onde caben profesores, médicos, administrativos, policías, persoal de limpeza, transporte…), criminalizándoos a eles e a todos os sectores aos que afectan as novas medidas, é dicir, achaiaban o terreo a Marianico e compaña.

Calquera sabe que para facer bo zume necesítanse froitas boas… ben, pois neste país o que se está facendo é zume de pobre, exprímese ao que non ten recursos ata deixalo nos ósos mentres os grandes gozan dos excesos. 

Canto imbécil hai solto que se cre lúcido...

domingo, 8 de julio de 2012

PEIZÁS...


Máis area mollada que seca.
Pedras, rochas, pouca xente.
Verde.
Cambios estacionais.
Tortilla, bistecs empanados e un vaso de leite frío.
Ceo despexado… con algunha nube.
Brisa. Salitre.
Margaridas no prado.
Persoas correndo, persoas en bici.
O son das fondas… algunha voz.
Coches en primeira marcha.
Madeira gastada.
Conchas, xógaras e bíteres.
Marrón, verde, azul… algún barco ao fondo.
Paseos pola beira.
Vellos coñecidos.
Un verán que non chega.
A liña do horizonte… sempre alí...