domingo, 15 de septiembre de 2013

MADRID 2020


E chegou outra hostia máis para quenes esperaban o contrario ao que sucedeu. Sí, señores, Madrid tampouco será a cidade organizadora dos Xogos Olímpicos do 2020. Unha pena para algúns. Non para min.
Aquelo de "á terceira vai a vencida" non funcionou aquí… pero pensándoo ben, que funciona ben aquí? Poucas cousas.

Madrid Veinte Veinte (como dicían eles en modo "cool") foi outra merdallada que deixa arredor de dez millóns de euros gastados en preparativos e unha imaxe deplorable do pobo madrileño (os berros de "hijos de puta, hijos de puta" segundo se soubo que Tokyo ganara son suficientes para sancionar á capital do estado de por vida).
Non quero incidir na penosa situación da educación pública madrileña, nin da sanidade pública, nin na súa enorme deuda, nin no tristísimo nivel de inglés da ridícula alcaldesa Ana Botella ou de Marianico Rajoy, nin na situación actual do país que se desangra a cada segundo, nin nas bobas bágoas de algúns… non quero... paso.

O que me apetece é seguir animando a esta xente a presentarse a todo o que poidan. Que se presenten ás Olimpiadas de 2024, e se o reglamento non o permite, non importa, que o fagan igual, por participar aínda que sexa, que vaian de oíntes. Que se presenten a todos os Xogos de Inverno que haxa. Que vaian ao casting de Gran Hermano. Que entren en Mujeres Y Hombres Y Viceversa e arrasen, que incumplan todas as normas da programa e que fodan todo o que lles deixen. Que fagan parques temáticos sobre a candidatura en todos os países do mundo. Que se presenten nas eleccións municipais de todos os concellos, países, entidades deportivas e asociacións de veciños. Que se independicen do estado e formen o seu propio. Que creen unha aerolínea de baixo coste. Que fabriquen bebida enerxética. Que saquen a súa propia marca de condóns. Que formen unha relixión. Que se vaian á puta merda. Que volvan. Que invirtan diñeiro en Goma 2. Que obriguen á toda a Comunidade de Madrid á vestir con chándales que leven o seu logo. Que se convirtan en hippies, e logo en yuppies e finalmente en yippies. Que asalten as casas dos membros do COI. Que refloten o asunto dos Indignados. Que compren un espazo da TDT e programen 24 horas as tres galas perdidas. Que se vendan a sí mesmos en feiras de ganado. Que preparen "a morte" os 100 metros lisos para Brasil. Que acudan en coro ao Festival de Benidorm. Ou que repartan "love" en post its pola Gran Vía.

Iso sí, Alejandro Blanco que marche, por favor. Pero por que motivo se meteu neste lío? Un actor coma el… co ben que estaba en Hollywood… co ben que o fixera como o alcaide do cárcere de "Cadena Perpetua". Volve para aló!

domingo, 8 de septiembre de 2013

NEUENGAMME


O son das miñas pisadas contra aquelas pedras grises do chan trouxéronme á cabeza o sentimento de miles de xudeos, agachados, ao escoitar ese mesmo son pero procedente de botas nazis.

domingo, 1 de septiembre de 2013

BANDAZOS


Odio á miña exmuller. Era mala como a fame. Tíñame totalmente amargado. Non me deixaba quedar cos amigos, todo lle parecía mal. Estaba todo o santo día mirándose ao espello, pintando as unllas, os beizos, probando roupa. Non paraba de falar polo seu teléfono móbil… nin de mandar "mensajitos" do carallo. Dicíame que estaba engordando, que me estaba deixando ir e que ela facía o contrario, que se encontraba estupenda. Menuda chorrada! Se tiña un pandeiro que non collía polas portas… Ademais non lle gustaban as miñas camisas de cadros, nin o meu peiteado. Nunca estivo dacordo en que usara zapatillas de deporte cos pantalóns vaqueiros, prefiría os zapatos. Non deixa que vexa aos meus fillos, cada vez alónxaos máis de min. Zorra! Súa nai sempre se opuxo ao noso casamento. É coma ela, unha goberneira! E aínda encima non cociñaba ben… só sabía facer fajitas de merda e sushi… moi moderna ela! Sempre me andaba co conto de que eu non tiña inquedanzas, que non me preocupaba de temas importantes, que para min só existía o meu Real Madrid. E que ía facer eu? Non ver os partidos da Champions? Víbora! Que ben fixen separándome…











… Que collóns ía facer ben! Estaba que te cagas con ela. Pero que boa estaba! Era guapísima, tiña unha pel tan suave… e vaia tetas ben postas! Por que a deixei de lado? Por que a descoidei? Son o tipo máis burro do planeta. Teño corenta anos e sigo pensando como un de vinte, sempre coas miñas bobadas, coas miñas inseguridades. Puto día que deixei de dicirlle que a quería! Que fago eu só? Se non sei nin fritir un ovo… Nunca tiven a suficiente paciencia con ela. O colmo foi cando en vez de ir cear con ela, no noso aniversario, fun ver a Cristiano Ronaldo e compaña cando viñeron xogar a Riazor. E na volta aínda me multaron por exceso de velocidade. Son tonto, tonto de verdade. Que longos se me fan os días sen ela… Cada vez que saio polas noites acabo collendo unhas merdas… e xa non sei nin ligar. Ai, miña Carmiña… por que me deixaches?

domingo, 25 de agosto de 2013

LIBERDADE



"As cadeas da escravitude soamente atan as mans: é a mente o que fai ao home libre ou escravo". Franz Grillparzer.

"Non pido riquezas, nin esperanzas, nin amor, nin un amigo que me comprenda; todo o que pido é o ceo sobre min e un camiño aos meus pés". Robert Louis Stevenson.

"É máis fácil apoderarse do comandante en xefe dun exército que quitarlle a un miserable a súa liberdade". Confucio.

"Non existe a liberdade, senón a búsqueda da liberdade, e esa búsqueda é a que nos fai libres". Carlos Fuentes.

"¿Cal é o primeiro deber do home? A resposta é moi breve: ser un mesmo". Henrik Johan Ibsen.

"Só é digno de liberdade quen sabe conquistala cada día". Goethe.

"É un estraño propósito perseguir o poder e perder a liberdade". Francis Bacon.

"Un non debe nunca consentir arrastrarse cando sinte o impulso de voar". Helen Keller.

"Só o que sabe é libre e máis libre o que máis sabe. Non proclamedes a liberdade de voar, senón dade ás". Miguel de Unamuno.

"A desobediencia é o verdadeiro fundamento da liberdade. Os obedientes deben ser escravos". Henry David Thoreau.

"Se che dan un papel pautado, escribe por detrás". Juan Ramón Jiménez.

"Se non estás preparado para morrer por ela, saca a palabra 'liberdade' do teu vocabulario". Malcolm X.

"O único home que é realmente libre é aquel que pode rexeitar un convite a comer sen dar unha escusa". Jules Renard.

"O que se encadea a unha alegría, destrúe unha vida libre; pero o que bica a alegría no seu voo, vive o amencer da eternidade". William Blake.

"Desde a infancia ensínannos; primeiro a crer o que nos din as autoridades, os curas, os pais… E logo a razoar sobre o que crimos. A liberdade de pensamento é ao revés, o primeiro é razoar e logo creremos o que nos pareceu bien do que razoamos". José Luís Sampedro.




domingo, 18 de agosto de 2013

PUTAS!



Somos putas!

Putas
mal fodidas que non se queixan.
Putas
que non cobran polos seus servizos.
Putas
mamadoras, coa cara sen lavar.
Putas 
que reciben polo cú toda a furia do xefe.
Putas 
cansadas, sen forza para expresar.
Putas 
fedorentas que ninguén quere tocar.
Putas
estradas por un país sen nome.
Putas
escravas do poder.
Putas 
mutiladas de corazón e mente.
Putas 
silenciadas co boureo urbano.
Putas
estranxeiras en calquer lugar.
Putas
que matan aos seus fillos cun futuro incerto.
Putas
pasivas que se bañan na crueldade que reciben.
Putas
analfabetas.
Putas
sen dentes... polas hostias.
Putas
borrachas de información que non avanza.
Putas
sen anel de esmeralda.
Putas
porcas por tanto sometemento.
Putas
ao fin, que son usadas e abandoadas en polígonos de miseria.

domingo, 11 de agosto de 2013

O PRESENTE NON EXISTE



Se o PASADO é o tempo que xa sucedeu e que, nunha liña cronolóxica, xa quedou atrás, e o FUTURO é aquelo que está por vir, aquelo que aínda non aconteceu… que diaños é o PRESENTE? Existe acaso?

Analicemos o pasado. 
Hai quen cre que "todo pasado foi mellor". É unha visión claramente pesimista (aínda que pode que tamén a máis realista visto hacia onde camiñamos co capitalismo como bandeira). Por outra parte, están os que pensan que o pasado "debe lembrarse para rescatar o positivo e non caer nos mesmos erros". Segundo isto, o pasado sería a base sobre a que se constrúe o presente e se planifica o futuro, nunha interpretación moito máis constructiva, dinámica, pero postiva de mais tendo en conta iso de que tropezamos cincocentas veces na mesma pedra, de que a natureza do ser humano deixa bastante que desexar (na liña de Maquiavelo ou Hobbes) ou de que o todo, a sociedade, nos moldean en función dos seus intereses (véxase Sartre ou Durkheim). Unha terceira postura fai referencia a que o pasado só existe na mente das persoas, polo que o único definitvamente real é o presente.
Para rematar, a física di que o pasado dun acontecemento "X" está formado pola totalidade dos puntos da dimensión espazo-temporal que poden ter influencia no que sucede en "X".

Imos agora co futuro.
Falamos dunha hipótese, dunha conxectura que pode ser calculada, especulada, teorizada ou anticipada dacordo aos datos dos que dispoñemos nun momento determinado (aínda que nunca se pode pronosticar con exactitude). Onde podemos ver isto? Na meteoroloxía (cos seus indicios, que Pemán se encargaba de obviar co seu 'ovo fritido' de "nubes e claros con posibilidade de chuvias"), na astroloxía, na ciencia (cos métodos probabilísticos), nas relixións (cos profetas anunciando sucesos), na economía (jajajajajajaja…), no cine ("Back To The Future", "Blade Runner", "Metrópolis", "Star Wars", "Wall.E", "Matrix", "Solaris" ou "Gattaca") e no mundo da moda (lembrades ao desfasado de Paco Rabanne?).

Chegamos, entón, ao presente, o punto que quería. De que estamos a falar cando nos referimos ao presente? Que quere dicir a chorrada esa que moita xente se tatúa de "Carpe Diem"? Xa sei que literalmente é "atrapa o día" e que actualmente se usa no sentido de "goza do momento", mais que significa en realidade?
Canto dura o presente? Un día? Medio? Unha hora? Un minuto? Un segundo? Menos aínda? Por exemplo, no preciso momento no que abrimos os ollos despois de pechalos (é dicir, o movemento producido polas pálpebras) estamos nun presente cun pasado case imperceptible de pechado. Sí, verdade? Outro exemplo, final igualado de partido de baloncesto, Michael Jordan amaga con penetrar a canasta, párase e fai o movemento que indica un lanzamento lonxano. Esta postura de tiro é o presente, o pasado fórmao o engano ao defensa rival e o futuro… pois o futuro está claro neste caso… victoria dos Bulls!
A gramática lávase as mans e non se mete en polémicas. Fala do presente en varios termos. O actual (no mesmo momento, "hoy escribió"), o habitual (indica sucesividade, "os domingos como fóra"), o atemporal (que expresa sentencia), o histórico (accións que xa sucederon, "Nietzsche morre en…"), o que ten valor de futuro (plans) e o imperativo (ordes). Toma logo! Aquí temos de todo, pasado, presente e futuro.

Pero… en serio, que é o presente? Moitos filósofos indican que é a única variable das tres que existe. Eu penso que é a única que non… ou se me apurades, existe algunha?

Probade a sentir o presente! Veña! A ver… agora! Bueno, xa non. Agora! Un momento… xa pasou! Outra vez. Aaaaaagora! Non, xa non. Agora! Escapou de novo. Imposible collelo, é rapidísimo, imperceptible!

En fin, déixovos que AMENCEU un boísimo día de sol e TEÑO ganas de tomar unha cervexa nunha terraza… non se FASTIDIARÁ o día ou?


domingo, 4 de agosto de 2013

ESPÉRAME EN EL CIELO



Xosé, coa barba gris revolta e o cabelo recén cortado, miraba pola fiestra como pasaban os coches dos mozos xoves a toda velocidade. As persoas camiñaban pendentes dos seus teléfonos móbiles de últimísima xeración, con maletíns e mochilas. Xosé tiña un rostro neutro. Nin rastro dunha tristeza vital nin de motivos para estar ledo. Vivía coa incapacidade de lembrar, con esa falta de memoria coa que moitos se preguntarían "E por que vivir, entón?". Non recoñecía a casa na que estaba, nin o seu cuarto sequera, só sabía que alí espertaba. Non gardaba a imaxe daquel Opel Kadett branco que o acompañara nos seis anos que estivera na Alemaña. Nin a súa moto Ossa vermella de 125. Nin por asomo sabía quenes foran os seus mellores amigos, o Ramón, o Tomé e o Sixto, os tres compañeiros de traballo nun antigo taller de reparación de barcos que tampouco lembraba e do que só lle quedara en herdanza unha triste pensión e unhas mans desfeitas. Non coñecía aos seus fillos, Teresa e Manuel, cando os recibía cada mañá e tarde respectivamente para axudarlle coas labores diarias. Nin pista dos duros anos de franquismo ao que el tanto se opuxera. Nada acerca dos seus sobriños e netos. Non lembraba a Aurora, a súa muller defunta, o tan namorado que estaba dela, os seus ollos verdes, a súa cintura estreita, nin o ben que cociñaba. 

Escoitaba a antiga radio ITT de encima da mesiña de noite en todo momento e sorría coa vista perdida cada vez que soaba "Espérame en el cielo" de Los Panchos.