domingo, 26 de mayo de 2013

AQUÍ, ONDE VIVO


O venres da fin de semana pasada, despois dunha comida na casa coa miña moza e unha amiga, decidimos achegarnos ao Festival do Norte de Vilagarcía de Arousa (no que eu antes nunca estivera, por certo).

No cartel dese día, Pedrito Diablo y Los Cadaveras, Tórtel, Jane Joyd, Sr. Chinarro, Guadalupe Plata, The Primitives, Xoel López, La Habitación Roja, Triángulo de Amor Bizarro, Dorian, Miqui Puig dj e Faber.

Por partes. Tiña moitas ganas de ver, sobre todo, a Jane Joyd, Tórtel e Guadalupe Plata. Pois non me deu tempo de experimentar aos dous primeiros, cando cheguei (tarde) estaba a piques de comezar Sr. Chinarro. Putada! Cando asimilaba o acontecido atopeime con tres amigos que facía tempo que non vía. Ledicia! O sevillano e compaña empezaban o concerto (cun case cheo) no medio de serios problemas de son que perduraron ao longo da actuación. Mal! No descanso e cambio de palco, puxémonos ao día, unhas fotos e cousas do estilo. Turno de Guadalupe Plata. Non houbo queixa! Trío divertido de blues psicodélico, directo e con querencia por sons clásicos afroamericanos. Os seguintes? The Primitives. Quenes? O mesmo me preguntei eu. Son unha banda de Coventry formada en 1985 que teñen un deses hitazos que todos coñecemos ("Crash"). Pese a que a sensación de que non lograba prestar a atención necesaria ao escenario me invadía, recoñezo que tiñan máis caracter que a maioría dos que por alí pasaron. Charlas e os primeiros efectos das cervexas entrando pola porta no grupo. (Suspiro). Pouco despois, Xoel López. Non é que sexa algo que me interese moito, mais a verdade é que foi interesante a viaxe que me provocou pola memoria, subindo no coche do meu compañeiro de piso camiño do Campus de Elviña, con Deluxe no radio-cd. La Habitación Roja, outros que non atraen a miña atención pero que teñen letras interesantes segundo me fixo ver un compañeiro. A atención seguíame fallando por desinterese e por conversas que nunca remataban. E chegaron Triángulo de Amor Bizarro. Ben! Coma sempre! No seu estilo vocal críptico e musicalmente ruidista. Isa Cea é atractiva tocando, bastante. Pasaron e arrasaron. Visitas ao mexadoiros. (Alivio). Pechaban a sesión nese escenario Dorian, ou o que para min é o mesmo, ninguén. Incluso a suorosa e consecuentemente cheirenta "A cualquier otra parte" soou como unha cona arañada por un gato. Tocou comer unha hamburguesa dun posto portugués (?) de comida rápida (fast food para os que non entenden galego). Moi rica! Volta ao palco onde tocara o señor Antonio Luque por non irnos para a casa sen ración de pinchadiscos. Erro moi grande! Agardaba por nós Miqui Puig dj, do que non tiña ningunha referencia anterior e do que non esperaba nada. Pero o que alí fixo foi peor que nada. Moveuse por terreos de fango e merda de gaivota nunha "cousa" entre a caricatura, a vergoña allea e a estafa consentida. Silencios entre canción e canción, xestos televisivos máis pasados de moda que as bragas marróns, horterismo e mal gusto, botonciños e trebellos que non emitían efecto ningún… como diría aqueloutro, "unha mieeeeeeeeerda!". Miqui Peido dj. Creo que miña sobriña de nove anos aos pratos, coas teclas de "play" e "stop" faría pasalo mellor ao persoal (polo menos pincharía Vampire Weekend, Terbutalina, SBTRKT ou Haim). E co noxo entre os osos fomos para o piso dunha das amigas. Gracias!

En conclusión, a nivel musical un día de festival moi xustiño e no que se refire á parte humana, boa compaña, charlas interesantes e ganas de repetir. 

En canto ao título deste post, preguntarédesvos (se hai algún lector por ahí…) a que ven iso de "Aquí, onde vivo". Moi doado. Explícome. Pareceume realmente mal (e non é por ser pesado) que ningunha das bandas galegas que vin fixera alusión ningunha ao día no que estábamos, o Día das Letras Galegas, das nosas, das dos galegos. Nin unha soa referencia. Nin unha soa versión dunha peza galega… poñamos de Andrés do Barro, por exemplo. É tan difícil preparar algo dúas semanas antes? Musicar a Rosalía? Ou a Lois Pereiro? Ou a Vidal Bolaño? Non debe ser interesante, mola máis ser portada da Rockdelux (non cabe dúbida) ou facer unha caravana americana (que ollo, mólame a idea). Pero é que nin unha soa palabra en galego tampouco, nin por parte da organización nin pola destas bandas de aquí. O único "Boas noites!" que escoitei foi o de Jorge Martí e Pau Roca de La Habitación Roja. Gracias!

Uns días despois, durante a semana, lin en algures que Elba Fernández, líder de Jane Joyd, adicara o seu recital ás Letras. Non poido quererte máis señorita Joyd! I love you! A nosa Sufjan Stevens-Soledad Vélez-Bon Iver particular…

Un único xesto que me fai crer que segue habendo músicos comprometidos coa nosa cultura (e aqueles outros que se comprometen parece que son ignorados polos organizadores).

Que pena de país!

domingo, 19 de mayo de 2013

RETROVISOR



Saíu da rotonda sen respetar os carrís e na recta seguinte revolucionou o coche na terceira e cuarta marcha para adiantar a un par de Seat, Ibiza e Toledo. Chegou a unha zona de obras e aminorou a velocidade pasando a formar parte dunha considerable fila de autos que lle fixo lembrar Port Aventura. Dirixiu a mirada ao retrovisor e viu, nun dos coches que acababa de ultrapasar, no gris, no Ibiza gris, xusto detrás, a unha rapaza guapa, co cabelo recollido e gafas de sol. Outra rotonda e tráfico máis fluído coincidindo co inicio do segundo track do "Un gramo de fé" de Pony Bravo: "Noche de setas".

"Noche de setas / noche de setas / pánico en el bungalow / noche de setas / con una cantidad menor, habría sido mucho mejor / una mala noche de setas la tiene cualquiera".

Á altura da zona de risco pola habitual posición do rádar da Garda Civil, os coches volven á aproximarse e a moza pega o fuciño no seu cú, moi próximo. Provocación ou conducción agresiva? Seguramente sexa o mesmo. Pasado o risco, aparece un dobre carril para osixenar e a atractiva xove pasa cun apuro que presume un posible retraso a un hipotético posto de traballo quen sabe onde. Cando unha muller conduce rápido e ben pensamos nunha autonomía, nunha independencia, nun espíritu libre que a case todos nos pon cachondos. El preme o acelerador nun intento de continuar sabendo dela, de sentila preto. Parece que agora é a moza quen o mira polo espello central… pese ás gafas escuras. Xoán -que así se chama o rapaz- aproveita  a ausencia do sentido contrario para volver a poñérselle por diante elegantemente, sen forzar a máquina, con delicadeza.

Xa na marxe dereita da estrada emprega o retrovisor para recibir máis información. Boca pequena, nariz agudo, lixeiro movemento de cabeza ao ritmo dunha música que non é capaz de imaxinar desde o seu Alfa Romeo. Pode que Vetusta Morla… ou Love of Lesbian…  só espera que non sexa Camela…

Polos lados van deixando atrás prados de herba e atallos do Camiño de Santiago. Nenos e nenas, con mochilas xigantes, que agardan o bus escolar en paradas que tamén agardan un mantemento que nunca chega. Sinais de tráfico que entran na mente inconscientemente escoltan ás persoas en ruta como amigos pasaxeiros.

El deixa voar a súa imaxinación e descubre que o pescozo da moza é suave, ole ben, fresco. Pousa os beizos nel e percórreo hacia arriba, ata prantarse ao nivel da boca. Sente o seu bafo e venlle o quente. Iso sí é real.

Logo de dez minutos seguen nas mesmas posicións, primeiro e segundo, a medio segundo o un do outro… como Vettel e Alonso.

En calquera desvío perderanse de vista e esa relativamente longa e agradable coincidencia de traxectos caerá no esquecemento. Xoán, mentres fixa os seus ollos no retrovisor, ergue a man e fai o signo surfer (dedo pequeno e gordo extendidos e os demais recollidos) levando a man á orella ao xeito de teléfono. Parece que a destinataria non se dá por aludida e repite o xesto tres veces cada vez con máis enerxía. Un momento… sí, parece que se rí… sí, estase a rir. Volve a facerlle o xesto e solta o volante por un intre mostrando a palma das mans hacia arriba nun xesto que ela interpreta como un "e ben?". Repite, unha vez máis o xesto telefónico. Ela ri e amosa uns dentes fermosos. 

Ao pouco, recibe un seis, cinco dedos dunha man, un da outra. Cinco e un son seis, o primeiro número das terminais móbiles. Continúa cun nove, un tres, outro nove, catro, nove, seis, seis e un. 693949661. Descrifrado! Saca o teléfono do bolso do pantalón e, despois de mirar que non hai coches de verde preto, marca a serie numérica. Mira o retrovisor. Primeiro tono. Ela non se move. Fai algo no volante. Mans libres. 

(Escóitase música… efectivamente, "Club de fans de John Boy"!).
- Ola? -di Xoán.
(Sorriso nervoso ao outro lado…). 
- Ola!

domingo, 12 de mayo de 2013

FÚTBOL. ÉTICA E ESTÉTICA


Máis alá do fútbol, do éxito conseguido neste deporte e do mellor ou peor xogador que fosen, apetéceme lembrar a unha serie de futbolistas que por diversos motivos me chamaban a atención.



O primeiro deles é Fernando Couto. Portugués defensa central da selección (na que chegou a ser capitán), ex-xogador do Porto, Parma, Barça e Lazio. 
Duro como un muro de formigón, contundente nos despexes, con grande potencia no salto, era un seguro de vida contra os habilidosos dianteiros rivais.
Desde moi pequeno, desde a primeira vez que o vin xogar, sentín admiración por el. Primeiro, pola súa excelente melena á altura do ombreiro. Segundo, polo seu orixe (sempre sentín a Portugal como un país irmán). E despois, polo seu caracter fóra e dentro do terreo de xogo. 
Nalgunha caixa da miña habitación de Foz gardo o Sport que anunciaba a súa fichaxe. Aínda lembro a súa chegada á cidade condal, con aquel abrigo longo de paño escuro, coas greñas ao vento. Era, para min, unha incorporación de moitísimo valor para o meu clube, o azulgrana. A fichaxe dun home, dun tipo forte, de pelo en peito. Couto! "Couto" era o nome que eu elixira para poñer na camiseta do F.C. Barcelona que nunca compraría.



Sócrates é outro dos xogadores que, aínda non lembrando velo xogar, me fascinou… e aquí tamén pesa moito a estética. Tamén a súa ideoloxía de esquerdas (para que vos vou enganar…) que tan ben retrata o xornalista Quique Peinado no seu libro "Futbolistas de izquierdas".
O seu nome é unha forma de abreviar o normal: Sócrates Brasileiro Sampaio de Souza Vieira de Oliveira (que nin a telenovela máis tola podería ter inventado).
Foi un dos mellores mediocampistas da historia, foi o inventor do tacón e, ademais, era médico de carreira, algo pouco habitual na élite futbolística.
Aínda que xogou a maior parte da súa carreira no Corinthians (equipo dos seus amores que gañou o campionato ligueiro carioca o mesmo domingo que morreu… como el mesmo desexara), tamén estivo na Fiorentina, no Flamengo e no Santos.
Das súas pintas pouco se pode dicir que non se vexa… simplemente impresionante… esa barba, esa trombaza, esa delgadez, esa elegancia… un auténtico crack!



Agora é o turno do galés Vincent Peter Jones, máis coñecido como Vinnie Jones, un tipo duro dentro e fóra do campo. Como xogador, na posición de  centrocampista, destacou pola súa agresividade e capacidade intimidatoria, chegando case sempre a empregar métodos violentos. Estivo en varios equipos como o Wimbledon FC, o Leeds United, o Sheffield United e incluso o Chelsea.
O director de cine inglés fixouse nel para interpretar a gangsters tanto en "Lock, Stock and Two Smoking Barrels" ou "Snatch". Tamén interpretou a Juggernaut en "X-Men: The Last Stand".
Fortes entradas (como a que xubilou anticipadamente ao xogador do Tottenham Gary Stevens), agarrada da colloada rival (como exemplo a que lle fixo a Paul Gascoigne), frases con pedigrí (a que lle adicou tamén a Gascoigne: "Chámome Vinnie Jones, son xitano, gano moito diñeiro. Vouche  arrancar a orella cos dentes e logo vouna escupir na herba. ¡Estás só, gordo, só comigo!") ou marcaxes asfixiantes son as súas marcas de identidade.
Actualmente vive en Los Angeles e o seu currículo de antecedentes penais non é pequeno (ameazas no 98, agresión a un veciño no 99, ameazas e inxurias a diferentes pasaxeiros dun avión no 2003, agresión nunha pelexa de bar en 2008, danos tras perder unha disputa co actor Tamer Hassan en 2010). 
O fillo que toda nai desexaría ter...



Sigo con Paul Breitner, ex-xogador do Bayern Munich e do Real Madrid, con quenes consiguiu numerosos títulos. Alcumado "O Afro do Fútbol", "O Abisinio", "O Kaiser Vermello" ou "O Maoísta", este defensa alemán internacional da década dos setenta, destaca polo seu excelente look.
Cinco bundesligas, dúas copas alemás, unha copa de Europa, dúas ligas, unha copa do rei, un mundial e unha eurocopa son os seus principais logros.
Ao retirarse, exerceu a presidencia do Bayern, comentou partidos para medios televisivos e actualmente é olleador do clube bávaro.
Ese afro do home branco, eses ollos de rato, esa barba de longo ideal, a roupa Adidas de antes (que axuda!), esa fortaleza física e mental en 1'76 metros de altura, esa rebeldía, a xenialidade, a controversia… o xogador que tivo os collóns cadrados para tirar un penalti (sen estar entre os posibles lanzadores) nunha final de mundial que ninguén quería tirar ("Tirei o penalti porque escoitei de neno que así nacían os heroes").
Un home home, sen espazo para as ambigüidades, sen Gutiadas...



E agora, unha lenda viva como Mágico González. Jorge Alberto González Barillas naceu en San Salvador en 1958 e foi elixido pola IFFHS como o mellor xogador da historia do seu país natal.
É o menor de oito irmáns. A súa carreira profesional dividiuse entre o ANTEL, o Clube Deportivo FAS, o Cádiz, o Atlético de Madrid, Los Angeles Aztecas ou o paris St. Germain entre outros.
Din que o seu caracter bohemio e a súa indisciplina impediron que dera o salto a clubes de maior envergadura. Durmía moitísimo (chegando a ter un empregado do clube para espertalo), saía polas noites de maneira consecutiva (ata altas horas da madrugada) e tiña costumes alonxadas do hábito deportivo. Neste respecto, el dixo nunha ocasión: "Reconozo que non son un santo, que me gusta a noite e que as ganas de troula non mas quita nin miña nai. Sei que son un irresponsable e un mal profesional, e pode que estea desaproveitando a oportunidade da miña vida. Seino, pero teño unha tontería no coco: non me gusta tomarme o fútbol como un traballo. Si o fixera non sería eu. Só xogo por divertirme".
Con todo, o seu rendimento na cancha era sobresaínte.
En 1989 foi denunciado por intento de violación, cuestión que se solucionou co pago á denunciante de 4000 pesetas.
Tras o seu retiro, foi taxista, asistente técnico da selección salvadoreña ou segundo adestrador en Houston.



Seguinte. Carlos Valderrama, "El Pibe Valderrama" e o seu compañeiro de viaxe: un afro loiro de dimensións xigantes. Considerado un dos mellores xogadores sudamericanos de todos os tempos, foi un dos membros daquela magnífica xeración colombiana que contaba tamén con Asprilla, Higuita, Rincón ou Valencia.
Debutou no Liceo Celedón e desde ese momento pasou por otros clubes como Millonarios, Deportivo Cali, América, Montpellier Herault, Real Valladolid, Independiente de Medellín Junior de Barranquilla, Tampa Bay Mutiny, Miami Fusion e Colorado Rapids. Todo un periplo mundial.
O 1 de Febreiro de 2004 é a data do seu retiro oficial no Estadio Metropolitano (a onde asistiron 56000 espectadores entre os que estaban Maradona, Francescoli, Chilavert ou Carlos Vives).
No 2012 portou a chama olímpica de Londres polo condado de Berkshire.
Participou en diversos programas de televisión colombianos e incluso no filme "El Paso 2" no que facía del mesmo. 
Pero o principal motivo que o trae a esta lista é o seu pelo. Como citei antes, o seu afro foi obxeto de comedia e de eloxio, sobre todo, despois de que nun partido contra o Real Madrid, Míchel lle agarrara as pelotas nun saque de esquina sen que o colombiano caera na provocación. A partires dese momento, Míchel tivo que aguantar en moitos campos, ducias de siareiros con afros loiros.



Non fai moito falaban na tele sobre o mellor xogador de todos os tempos do Manchester United. Entre eles estaba George Best. Para moitos será un descoñecido porque non o vístedes xogar, mais a súa grandeza pervive no tempo.
Naceu en Irlanda do Norte no 46 e xogou once anos no clube inglés. Comezou xogando a rugby despois de levar premios polos seus estudos.
Os seus pais morreron novos por enfermidade e alcoholismo. Tivo catro irmás. 
Ademais do seu currículo e grandeza como xogador, está aquí pola lucidez e extravagancia das súas mellores frases, entre as que destaca a seguinte: "Gastei moito diñeiro en licor, mulleres e carros de carreira. O resto desperdicieino".
Dixo tamén cousas como "En 1969 deixei as mulleres e a bebida, pero foron os peores vinte minutos da miña vida”, "Fai anos dixen que se me daban a elexir entre marcar un golazo ao Liverpool ou deitarme con Miss Mundo ía ter unha difícil elección. Afortunadamente, tiven a oportunidade de facer ambas cousas”, "Se eu nacese feo, nunca terías oído falar de Pelé" ou "Non me chega nin aos cordóns da botella" (sobre Paul Gascoigne).
Morreu o 25 de Novembro de 2005.



E para poñer punto e final a esta lembranza, Gerd Müller, "Torpedo" Müller, un dos mellores dianteiros da historia (ao que Leo Messi lle batiu un récord de goles fai pouco despois de corenta anos).
Este alemán é o máximo goleador da selección alemá (68) e da bundesliga (365). No total da súa carreira como profesional marcou 582. Bota de Ouro en 1970 e 1972, Balón de Ouro en 1970, gañou a Eurocopa do 72, a Copa Mundial no 74, tres Copas de Europa de clubes consecutivas, 
Xunto a Beckenbauer e Maier ascendeu ao Bayern Munich á primeira división  e desde ese momento todo foron éxitos.
Era intelixente, oportunista e devastador. Vivía na área e tiña unha excelente visión para a colocación. Eficaz cos pés e boísimo no xogo aéreo. A súa velocidade, a forza e o seu centro de gravidade baixo provocaba que metese goles en circunstancias pouco previsibles. Era un coitelo para os rivais.

Isto é todo amigos/as!






domingo, 5 de mayo de 2013

CON SENTIDO INTERROGATIVO


Estes días vin un anuncio nunha axencia de viaxes que me deixou medio bobo durante uns minutos: "EXCURSIÓN A IKEA Y MARINEDA CITY". Sucedeu desta maneira na que un vai andando e le letreiros e cartelaría inconscientemente, deixando que os ollos vaian examinando o entorno sen aviso nin permiso. Tiven que pararme uns segundos para cerciorarme de que non era un espellismo, de que era algo real, un exemplo máis de hacia onde camiña a nosa sociedade… aínda que esta sexa un xeito de constatalo un tanto cómico e surrealista, sen deixar de lado todo o que hai detrás.

Neste sentido, preciso facerlle ao mundo unha serie de cuestións retóricas.

Que significa isto? A que andamos?

O Parque Natural do Xurés non era un destino o suficientemente bo? Nin as Illas Ons? Nin as Cíes? Nin Combarro ou Ribadavia? Que hai dos Cañóns do Sil? E das Fraguas do Eume? (Ai! Para! Que as queimaron…) E a Illa de Arousa? A Praia das Catedrais? Compostela? A Costa da Morte e os seus faros? A muralla romana de Lugo? Mondoñedo? As Rías Altas? A Ribeira Sacra non chega?

Nesta excursión comercial haberá guía? En caso afirmativo… De que falará? Das camas para nenos Gulliver? Dos cambiadores Sundvik? Dos espellos Figgjo? Do sillón Skogaby? Das macetas para prantas Gräset? Dos armarios zapateiros Ställ? Ou pola contra da tenda Bershka? Amichi? Calzedonia? Sport Zone? Do centro de beleza Marco Aldany? De A loja do gato preto? De Fotoprix? De Centroxogo? Ou dos recunchos de telefonía móbil?

Levarán un bus supletorio para acumular todas as compras dos participantes na viaxe? Ou un trailer? Ou chegará cun Renault Scénic?

A este tipo de mulleres que acudirán á chamada sempre lles gustaron as pollas grandes. E aos homes as tetas grandes. Para que pensar por rutas polos pequenos comercios se están pechados? Sería como visitar a cidade baixo a auga do Portomarín antigo… Pois iso, ao grande…

Que é o seguinte? Visitas aos esqueletes do boom inmobiliario? Ás piscinas municipais? Aos aeroportos sen pasaxeiros? 

Que tal unha viaxe ao noso interior? Que tal se nos pegamos un garbeo por nós mesmos? Pola nosa mente? Sí? Haberá algo ahí dentro? Algo de corazón? De razón? De sentido? Dubídoo moito!

domingo, 28 de abril de 2013

ESCRACHE, POR FAVOR.


Xa fai tempo que estou moi farto dese argumento dalgúns tertulianos dos programas de televisión e de radio que intentan agochar o "cambio", ou mellor dito impedilo, con ese rollo das boas formas. Refírense a todo o que teña que ver coa presión da cidadanía sobre os poderes fácticos deste país, a todo o que ten que ver con facer a democracia máis participativa, é dicir, en realidade, opóñense á democracia real, á verdadeira, e apostan por unha que se restrinxe ao voto cada catro anos e que debe agardar a que os que mandan se decidan a escoitar.

Merda para eles! Repito: Merda para eles!

Xa está ben de pamplinas! Xa está ben de bailarlle a auga aos que nos esmagan!

Todo o día con ese conto de que as formas fan perder a razón… pero quen foi o pailán que inventou semellante bobada? A razón tense ou non se ten independentemente das formas. Aquí un exemplo. O termo escrache naceu en Arxentina en 1995, cando a agrupación de dereitos humanos HIJOS se reunían nas portas dos domicilios de determinadas persoas que eran xenocidas do Proceso de Reorganización Nacional (a dictadura militar que tivo lugar desde o ano 76 ao 83) e que foran indultados por Carlos Menem. Eran persoas libres que decidiron, ante a pasividade e ignorancia institucional, tomar as rendas e presionar a uns asasinos. Sen máis, sen violencia, simplemente unha medida para dar a coñecer a situación á opinión pública e para colocar un tema "morto" na primeira liña da actualidade nacional.

Na actualidade, en España, estamos a vivir algo parecido pero cun fin diferente que é evitar que as persoas se queden sen fogar. A realidade déixanos, cada día, situacións nas que familias enteiras se ven cunha man diante e outra detrás ao ver como uns bancos (auspiciados por un goberno) lles quitan a súa primeira e única vivenda. Imaxinade. Que lles queda a esas persoas? As pontes? A rúa? Penoso! Inhumano!

Co tema das preferentes pasa algo parecido. Os afectados, moi ben organizados por certo, adícanse a irrumpir nos plenos locais esixindo unha solución por parte dos representantes políticos (que prometeron en campaña electoral que ían solucionar o problema) ante unha   estafa de dimensións escandalosas.

Cal é o problema entón? Moi doado, que as institucións prefiren ternos atados en corto e que non levantemos a voz ante as inxustizas. Nada máis e nada menos. Así de clariño volo digo.

Todo o Exército Guerrilleiro PPopular (EGPP) sae para declarar ante os medios que esta situación é inaceptable. Sen ir máis lonxe, María Dolores (e dolores é o que me produce a min oíla) de Cospedal, declarou hai uns días que as actuacións da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) son "nazismo puro" e reflexo dun "espíritu totalitario e sectario". Permitídime, agora, perder a razón coas formas (como dirían eles) e preguntarme a nivel retórico "Cando vai chegar o día que a esta señora lle metan unha polla na boca en plena intervención ante as cámaras?" Xa vedes, eu son así, un maleducado. Pero non é culpa miña, son unha víctima, unha víctima da LOXSE. 
Por se fora pouco, outro galo entra no corral. É Felipe González Márquez, Felipe, expresidente do goberno, ilustre orador, persoa culta, formada, que desde fai tempo, deixou a bandeira do socialismo no rocho para poñerse ao servizo do capital máis cruel. "Por que un neno ten que aguantar presión na porta da súa casa?" dixo cheo da razón que cre lle dan as canas que peitea. Inconcebible! Sempre digo que é moi significativo o momento que un escolle para falar e os argumentos e opinións que un esgrime. Quero dicir, que se un persoeiro está todo o día falando e dice cousas sobre todos os temas, podería ser comprensible que dixese isto, entendendo tamén a posición dos realmente afectados, dos débiles. Mais non é o caso. Felipe falou e falou isto. Eu se teño que escoller de que lado poñerme téñoo claro, pero tamén é certo que eu sí son de esquerdas e non me trago a "moto" socialdemócrata que, incluso ve o centro, moi á súa man esquerda.

Eu dígolle a González o que un día lle dixo o noxento Aznar: "Vayas(é) señor González!" Déixenos en paz dunha voz e céntrese nos bonsais, nas xoias e nas esculturas… ou neses múltiples asesoramentos a Gas Natural ou Fenosa por cantidades vergoñentas.

A min que carallo me importa que o bebé de Soraya non durma dun tirón! Que carallo me importa que che chamen ladrón a González Pons! Que carallo me importa que un dirixente PPopular sexa increpado nunha cafetaría co lema "Sí se pode"! Que carallo me importa que Gayoso (exdirixente de Novagalicia Banco) se teña que ir dun restaurante pola presión da xente! Que carallo me importa que lle berren a Cristina Cifuentes na rúa! Que carallo me importa que lle caia encima unha tonelada de bosta á diputada e filla de Fabra (a de "Que se jodan!")! Que se fodan eles! Que agardan de nós logo? Que agardan dos afectados? Que lles aplaudan? Se non poden coa presión que o deixen e que chegue un cos collóns cadrados.

Que hai dos nenos que se quedan sen fogar? E dos seus pais? Que hai das persoas que perderon todos os seus aforros polas xogadas fumarentas dos bancos? Que hai de que un banco nos desahucie de vivendas que non podemos pagar e ao mesmo tempo sexan rescatados cos diñeiros recaudados en impostos dos cidadáns? Que hai do afundimento do sector público que tanto deberías defender que se está vendo mutilado pola pasta inxectada ás entidades que nos meteron nesta crise? Dime González, que hai deles?

Isto é incrible! ídevos coas vosas formas a tomar polo cú másteres do universo "comebolsas"! 

Eu non trago! Eu non trago co voso conto de nunca acabar!

Para min, nestes momentos, só vale unha frase, unha frase que anima á rebelión, á rebelión pacífica pero agresiva, claro. Unhas palabras que lin no estado de Facebook da sempre xusta e reivindicativa banda de jazz galego Abe Rábade: "OS CAMBIOS SOCIAIS PRODÚCENSE CANDO O MEDO CAMBIA DE BANDO".

Nada máis e… adiante!

domingo, 21 de abril de 2013

"MENOS MAL QUE NOS QUEDA PORTUGAL"


A última vez que estivera en Porto fora o Outubro pasado e regresei esta pasada fin de semana. Aínda que poida parecer unha esaxeración, nestes seis meses transcurridos, notei unha notable diferenza en canto á situación da cidade e, moito me temo, que en canto á totalidade do país tamén.

"Menos mal que nos queda Portugal" foi o terceiro álbume de estudo de Siniestro Total. Foi, igualmente, unha frase que se fixo extensible ao refraneiro popular e que significaba "nonseique" en "nonseiquesentido". Ademais, foron as palabras que me dixo Pedro Branco, dependente da interesante tenda de discos Porto Calling cando fixen referencia ao meu orixe galego e ao noso pasado común. A realidade é que non, que Portugal xa non está… ou mellor dito, está sen estar.

Quero facer varias reflexións sobre certas ideas (ou pensamentos) que tiven e que compartín nesta viaxe a Porto, unha cidade que me encanta, cosmopolita, moderna e clásica a un tempo, unha cidade de contrastes, un paraíso gastronómico, artístico e cultural, un lugar onde as súas xentes actúan de anfitrións sen igual, actúan como irmáns cos que tes moitas cousas en común. 

Comezo. Cando ía no coche para abaixo, a poucos quilómetros da entrada na pequena urbe, un letreiro luminoso indicaba que moderáramos a velocidade xa que había un animal na estrada. "Carallo! Passos Coelho!" - pensei. Avanzamos e non atopamos nada. Imaxino que sería un desexo máis que unha realidade, un soño, unha ilusión.

Xa asentados na White Box House, cando puxen o pé fóra en Via Santa Catarina, semellaba que todo seguía igual… pero non, ao avanzar as horas e os días percibín que todo cambiara. Na rúa, moita máis pobreza (e non é que antes non houbera…) que antes, máis persoas durmindo tirada no chan, máis persoas pedindo diñeiro e comida, máis persoas drogadas camiñando sen rumbo, máis desigualdade. Continúan a verse cochazos aparcados onde cadra, xente de aparente situación acomodada e incluso de clase alta, mais ao seu carón, xurde a miseria máis extrema. Circunstancia bastante triste que ten moito que ver coa inaplacable política de recortes sociais e económicos das clases máis desfavorecidos (ese concepto de zume de pobre…).

Outra cuestión a ter en conta, un tanto molesta nas condicións que se nos presentaron, foi que tivemos que pagar en metálico no noventa por cento dos lugares que consumimos. Soamente un restaurante, a guest house e a tenda Porto Calling nos permitiron efectuar o pago con tarxeta. Con respecto a isto, quero deixar claro que me parece correcto que se intente facer boicot ás entidades bancarias, pero gustaríame que se fose claro e que o fixesen público, canto menos no boca a boca. En lugar disto, escusas tontas como que non vai a liña por falta de cobertura, que non teñen aparatiño, que non atenden neste sistema cantidades inferiores a trinta euros ou directamente un silencio demasiado incómodo.

Dá pena ver unha praza como a dos Aliados con tantos edificios en ruinas, caendo, cos cristais rotos e convertindo un aspecto decadente que podía ter certo encanto en signos visibles dun país afundido na merda.

España está mal, considerablemente mal (e baixando), polo que imaxino que o noso futuro próximo andará preto do Portugal do ano pasado.Compartimos unha situación que obriga a milleiros de xoves a emigrar a outros países na procura dunha situación laboral, o que trae consigo un envellecemento evidente da poboación e unha fuga de capital intelectual tan ridícula como inxusta.

Hai que ter claro que os países e as súas cidades non están ahí para os que veñen de fóra, para os visitantes, para o turismo, senón que deben estar para os que as habitan, para os que contribúen cos seus impostos a melloralas. Quero calidade de vida para os habitantes. Trátase de, non só aumentar a esperanza de vida, senón de mellorar a clidade desa vida, dure o que dure. Con estas políticas restrictivas dos iluminados pola troika o que se conseguirá é matar aos pobos, ás xentes, derrubar un sector social base da pirámide humana. 

Estase a xogar a un perigoso xogo onde unha parte da poboación é despreciada e maltratada constantemente polos principais poderes… e isto pode desembocar nunha situación de rebelión incontrolable que leva parella poucos caraveis e moita violencia. Como se supón que teñen que responder os que se sinten agredidos todos os días? Con boas formas? Veña home! Os que reciben hostias sen parar terán que defenderse coas súas armas… e estas non están nos cauces institucionais, cada vez, máis pendentes dos intereses dos que mandan.

Portugal está mal, Portugal está moi mal! E iso non me gusta amigos. Algo pouco agradable está á volta da esquina...



domingo, 14 de abril de 2013

3 MORTES


Esta semana faleceron tres persoeiros moi diferentes que por diferentes motivos foron relevantes durante as súas vidas. 
Sara Montiel (contrastada e experimentada actriz española) espero que estea no ceo (ou no inferno), fumando un dos seus puros, pintada coma sempre e cantando coa súa tremenda voz.
Teño o desexo de que Sampedro (escritor, humanista e economista español) descansa con toda a paz que merece nese mundo que el tanto ansiaba e que me temo que os terreais non veremos nunca.
Margaret Thatcher (exprimeiraminstra británica), en cambio, non me interesa a onde se vaia… por min, que a trague o demo. 

A continuación, déixovos con algunhas frases representativas que definen a cada un.


SARA MONTIEL.

- "Ese señor del bigote no tiene ni medio polvo".
(Sobre Aznar).

- "Yo era una mujer de caerse de espaldas. Empecé a maquillarme de vieja, pero yo con 20 o 25 años era muy bonita".

- "A mis 83 años veo mis películas y digo: Antonia qué buena estabas

- "Al sexo hay que echarle muchas veces un poco de teatro, de misterio…"

- "Marlon Brando aparecía en mi casa a las horas más intempestivas para que le hiciera huevos fritos con ajos".

- "Yo siempre duermo con el culo al aire, desnuda y con las sábanas de seda".

- "Yo aprendía los diálogos de oídos, pero era tan inquieta que trataba de leer".



JOSÉ LUÍS SAMPEDRO.

- "Nuestro tiempo es para mí, esencialmente, un tiempo de barbarie. Y no me refiero solo a violencia, sino a una civilización que ha degradado los valores que integraban su naturaleza. Un valor era la justicia".

- "Hay una cosa que me preocupa: hasta qué punto se están destruyendo valores básicos. No hablo ya de derechos humanos, sino de la justicia, la dignidad, la libertad, que son constitutivas de la civilización".

- "Los hombres pensamos que dirigimos los acontecimientos y la historia [...], pero hay unos límites enormes, porque no somos autores sino protagonistas de un guión que escribe la vida".

- "La enseñanza religiosa crea un pensamiento dogmático, se establece un dogma y ya no se puede discutir, se acaba con el pensamiento libre. Sin él no hay ni ciudadanía, ni democracia".

- "El mundo actual capitalista tiene como referente el dinero, de todo hace mercancía. Vivimos en un momento de transformación y la ciencia es la punta de lanza".



MARGARET THATCHER.

- "Las guerras no son causadas porque se construyan armas. Son causadas cuando un agresor cree que puede alcanzar sus objetivos a un precio aceptable".

- "En cuanto se concede a la mujer la igualdad con el hombre, se vuelve superior a él".

- "Soy extraordinariamente paciente, siempre que, al final, me salga con la mía".

- "¿Por que habemos de preocuparnos de los desfavorecidos?"

- "El socialismo fracasa cuando se les acaba el dinero... de los demás".

- "En un sistema de libre comercio y de libre mercado, los países pobres -y la gente pobre- no son pobres porque otros sean ricos. Si los otros fuesen menos ricos, los pobres serían, con toda probabilidad, todavía más pobres".