domingo, 28 de julio de 2013

CARAS DE PAILÁN



Hai ocasións na vida dunha persoa na que un fica realmente sorprendido pola ignorancia e estulticia da xente. Non falo de atoparme co descoñecemento dos outros, non, iso non tería que ser algo negativo en si mesmo, refírome a ese tipo de ignorancia brava que se tingue dun atrevimento agresivo, arrogante e pretendidamente despreciativo coa cultura e os seus procesos de adquisición.
Vou contarvos tres casos que aconteceron en diferentes épocas da miña vida.

Cronoloxicamente, o primeiro tivo lugar en Londres, no restaurante no que traballei e onde tantas cousas aprendín. Comíamos despois dun turno de mañá, de comida, uns cantos españois e algún inglés, e falábamos das diferentes linguas maioritarias. Ocurríuseme dicir que tanto o galego como o castelán eran linguas con moita riqueza e os meus acompañantes non tardaron en introducir a comparación co inglés. Unha comparación que deixaba ás linguas ibéricas nunha posición de desvantaxe… ou de enorme inferioridade cualitativa, mellor dito. Eu non dicía que o inglés tivera pouca riqueza, creo que ten moita por toda a influencia que recibiu, incluso os lingüistas din que o seu vocabulario é máis extenso que o noso. No momento no que dixen que as nosas linguas eran latinas, romances, que derivaban do latín veu a polémica verdadeira. "And the english as well", "¿Y el inglés de qué deriva? ¿De una cigüeña?". Lembreilles que o inglés era unha lingua xermánica pero que por ser moi falada, polo cristianismo e por historia recibira a grande influencia de outras linguas como, por suposto, os cultismos latinos. Deixáronme de ignorante e absolutamente todos saltaron contra min cunha actitude "colonialista" que ahí sí que poñía ao nivel histórico a españois e ingleses. Primeira cara de pailán.

Segundo caso. Fai seis anos. Non lembro ben con quen estaba pero saiu na conversa a palabra "extrovertido" (recentemente introducida pola RAE nunha desas accións que eu detesto pola que un mal uso pero masivo convirte unha palabra inventada en real… ao igual que, ollo!, "asín", "murciégalo", "almóndiga", "toballa"). En fin, a cuestión é que dixen que non entendía como se fixera tan masivo ese erro xa que a forma correcta era "extravertido" en contraposición a "introvertido". Puxeron caras longas en plan 'pero que di este?'. Acto seguido, dixéronme que a forma correcta era a que todo o mundo dicía e a miña era unha bobada. E ao carallo! Só tiven que facer unha pregunta para deixar máis clara a súa imbecilidade: "Que prefixo é logo ese 'extro-'? Disme outra palabra que o teña?". Quedáronse calados uns instantes e cando non sabían que dicir, un repreguntoume a min "E que máis da iso?". Eu puxen cara de 'bo argumento, tío!'. Aos poucos segundos, o "listo" da oposición tiña unha teoría que no seu xuízo desmonataba a miña teoría e dixo "Veña chaval! Xa o teño! Que me dis de 'extrógeno'? Vaite dar un paseo e non inventes…". Extrógeno! - pensei e rin por dentro. Por suposto, non entrei en máis polémicas e non lle expliquei que a forma correcta era "estrógeno". Cara de pailán, de novo.

Por último, unha situación de fai aproximadamente un mes. Falaba cun tipo (na presenza da súa moza e dun amigo meu) sobre o seu futuro próximo en Escocia. Falábamos de adaptación e esas cousas. Para animalo un pouco fixen alusión a que eses países constituintes do Reino Unido tiñan moitas cousas en común con Galicia, como o clima, a vexetación, a xeografía ou as xentes. De feito moitos estudos sinalan que os primeiros poboadores deses países eran os do noroeste de España, onde, que eu saiba, está Galicia. Como cuestión que eu consideraba interesante introducín o concepto de Pangea, do supercontinente fai moitos millóns de anos pero que é un concepto romántico sobre similitudes. Recibín un "Pero seamos serios, Jose" cunha cara de superioridade e de deixarme de estúpido que me cabreou e que me despertou un instinto violento de instante. Pode que o tipo de pailán que tiña enfronte (e a súa bravura bañada nun viño de 10 euros que para el era como unha botella de Artadi El Pisón Double Magnum do 2004) influira moito pero apetecíame poñerme serio, tan serio que se tivera que ir para casa cos dentes na man. Un tenta ser agradable, amable, animar, botar unha man e recibe apatía, arrogancia, desprecio. "Veña! A mamar logo e que te jodan!" foi a miña resposta acompañada dunha media volta. 

domingo, 21 de julio de 2013

ALTER EGO


ZiggyStardust_HannahMontana_HenryHankChinaski_RomanZolanski_MeAgainstMyself_ClarkKent_DeanMoriarty_MarkyMark_Prince_Batman_Mimi_AliG_SlimShady_CarloMarx_LadyGaga_SalParadise_TheGreatSaiyaman_MarilynMason_TylerDurden_Marylou_TonyClifton_TheMiz_SashaFierce_DameEdnaEverage_Dr.Jekyll_JoCalderone_TheBumRapper_TheFreshPrinceOfBelAir_Xtina_Spiderman_CherryKookoo_MarsBlackmon_ArtVandelayPieman_StefanUrquelle_Sméagol_AbdulAlhazred_AxlRose_LatkaGravas_TheFly_ElwoodBlues_TheThinWhiteDuck_AntoineDoinel_TheWalrus_JamesBond_KilgoreTrout_Quasimoto_Eminem_NinaCapone_BernardShakey_ApolloC.Vermouth_SkateboardP._RichardKoufey_BiggieSmalls_PhilipWinter




              

domingo, 14 de julio de 2013

O CURIOSO CASO DE PHINEAS GAGE



Se esta historia vos gusta soamente a metade do que me gustou a min ficarei satisfeito. 

Falo do curioso e interesante caso de Phineas Gage, un obreiro estadounidense de ferrocarrís que o 13 de setembro de 1848 sufriu un grave accidente. Era ás aforas de Cavendish (Vermont, EEUU), cando este xove capataz tiña vintecinco anos e traballaba na construción dunha nova liña de comunicación. A súa tarefa consistía en colocar cargas de explosivos nos buratos feitos nas rochas. Ben, pois mentres facía o seu labor esa tarde, esqueceu botar area neses ocos (logo de encher con pólvora) e presionou cunha pesada barra de ferro de metro e medio de lonxitude. Produciuse unha chispa e houbo unha explosión que propulsou a barra hacia a cabeza de Gage. E neste momento comeza a historia.

Os seus compañeiros escoitárono todo e achegáronse ao lugar. Phineas estaba tirado no chan, cun furado no cranio que ía desde a súa meixela esquerda ata a parte superior dereita da cabeza. A peza metálica, foi atopada a 25 metros do núcleo da acción despois de atravesar a cortiza cerebral.

Pensaredes agora que o noso protagonista morreu… pois non! 

Non só sobreviviu, senón que aos poucos minutos estaba falando e camiñando hacia a carreta que posteriormente o transportaría á consulta do médico local, o Doutor Harlow (que se convertiu na persoa que recolleu moitos dos datos que se poden contar). 

As consecuencias do accidente non se fixeron agardar. Houbo unha forte e profunda hemorraxia, houbo febre e houbo delirios durante bastantes días. Pasado un mes, apareceron os primeiros cambios de conducta. Phineas era moi apreciado na vila pola súa amabilidade e bondade cos veciños pero volveuse caprichoso e pueril. Outro mes máis tarde, xa dado de alta, Gage saiu facer as compras e mostrou unha despreocupación co diñeiro que antes non tiña, xa que era un home aforrador e responsable no consumo.

"Ten frecuentes accesos de irritabilidade, é irreverente e manifesta pouca consideración coas persoas que o rodean. En ocasións profire toda sorte de obscenidades, é impaciente e obstinado, caprichoso mais vacilante, organiza múltiples plans para o futuro pero apenas remata de armar un abandóao para embarcarse noutra alternativa que lle parece máis factible. Un neno na súa capacidade intelectual e nas manifestacións da súa conducta pero coas pasións animais dun home forte". Isto era o que declaraba Harlow no seu diario acerca do síndrome prefrontal.

Como é obvio, os seus familiares e amigos apreciaron que Phineas Gage xa non era a mesma persoa. 

Pasado o tempo, o noso protagonista recuperou o seu emprego no ferrocarril, aínda que, como era de esperar, non tardou en deixalo. Tamén deixou á súa muller e din que, incluso, chegou a matar a catro persoas como froito do seu novo caracter. Comezou así unha corta e rápida peregrinaxe dun traballo a outro que culminou coa súa entrada no Circo Barnum (como mera atracción de exposición) e unha xira ao longo e ancho dos Estados Unidos. 

Entre 1852 e 1960 andivo por Valparaíso e Santiago de Chile como conductor de carruaxes ata que retornou ao seu país en 1861, onde empezou a ter unha serie de episodios de saúde desagradables que desembocarían na súa morte (froito dun ataque de epilepsia) en San Francisco ese mesmo ano (doce anos e medio despois do desgraciado contratempo).

Para os curiosos, dicir, que tanto a barra de ferro que lle trastornou a vida como o seu cranio poden atoparse no museo de medicina da universidade de Harvard.   

Evidentemente, para a neurociencia, este foi o caso que supuxo o inicio do estudo da base neurobiolóxica do comportamento, así como unha das primeiras evidencias científicas que suxerían que unha lesión no lóbulo frontal do cerebro podía alterar aspectos da personalidade, da emoción e da interacción social do individuo. 

Por outra parte, paréceme unha intensa, interesante e dramática historia que podería ser levada ao cine por un equipo comprometido coa historia. Penso nun director: Jeff Nichols (coñecido por grandes filmes como "Shotgun Stories" ou "Take Shelter"). Penso no actor protagonista: Daniel Day-Lewis. E penso no actor que interpretará ao doutor: Geoffrey Rush.

domingo, 7 de julio de 2013

SOBRE XULIETAS E ROMEOS


Despois dun movemento aparentemente involuntario, os seus beizos coincidiron nun pequeno espazo de tempo, perigosamente próximos, e deixaron que o instinto lle gañara a batalla á razón. Dous bicos cortos aportaron a humidade necesaria para outro máis profundo que non rematou nunca. A temperatura das partes era a precisa para que, levados por un movemento harmónico, se esqueceran do resto do mundo.

domingo, 30 de junio de 2013

AQUELLO DEL GUSTO


Chegou, coma todos os segundos sábados de mes, ao quiosco de debaixo da súa casa. Foi á relativamente ampla sección de revistas e folleou uns cantos exemplares. Números de arquitetura, de deseño, de deportes, de música, de cine, de tendencias…

"¿Buscas algo? - lle preguntou o dependente hippie-heavy con "sotaque" arxentino. 
"Non, nada, estou botando unha ollada" - contestou. 

Logo de examinar ben as opcións colleu a 'Qué leer' de Gillian Flynn na portada, Deixou a Rockdelux, non atopaba interese nos contidos dese mes. Tentouno a Cuore cun especial sobre a non depilación das famosas. Tentador… pero non, gracias!

Achegouse ao mostrador e cando pousou as revistas chegou a pregunta:
"¿Te gusta leer, chico?". "Sí, claro!" respostou. 

O quiosqueiro rebuscou nun estante que tiña á altura das costas e agarrou un libraco como quen apaña un polbo nunha poza. 
"¡Toma! El último de Dan Brown… será lo mejor que has leído en tu vida…" - o trastazo contra a mesa derrubaría a un touro.


Transcurriron uns dez segundos (eternos) ata que puido reaccionar e nese tempo analizou a frase. Unha frase "sobrada", que reflexaba unha superioridade " de percorrido lector", tamén de evidente mal gusto… ou de falta do mesmo. O mellor? - pensou. Comezou a ver nunha dimensión interior rexida pola memoria algunhas das portadas das súas lecturas: "Viaje al fin de la noche" de Céline, "Cecais hai unha luz" de Manuel María, "Las correcciones" de Franzen, "El cielo a medio hacer" de Tranströmer, "Walden" de Thoreau, "El incongruente" de Gómez de la Serna, "Os dous de sempre" de Castelao, "Grandes Esperanzas" de Dickens, "Krazy Kat" de Herriman, "Verano" de Coetzee, "Stone Junction" de Dodge… así, pasando pola mente como as opcións do iPod pola pantalla do aparato.

"Dan Brown? Non, gracias! Non me gusta…" - arranxou sen explicacións, comentario que foi devolto cunha mirada de estrañeza desfavorable. 

Fíxolle sentirse como un extraterrestre literario cando, en realidade,  A Terra estaba invadida por marcianos que convertiran a ese "escribidor" en supervendas. Preferiría que lle cagasen cincuenta pombas encima antes que ler tal bosta de letras. Incluso prefería que lle dera con el na cara. Pero que se podía agardar dunha persoa que tiña alí comezado cun marcapáxinas de 'Bob Esponja' "Apocalipsis Z"? 

Non puido evitar facerlle unha pregunta ao quiosqueiro atrevido.
"Gústache Melendi, verdade?" - abriu os ollos crendo coñecer a réplica.
"Pués sí, me encanta. Ese tío sabe tocar".

Sen conseguir resetear os seus pensamentos pagou e foise sen atender ao cambio. 
Mentres subía no ascensor, unha serie de nomes seguían perseguíndoo… Bukowski, Junot Díaz, Dostoyevski, Pessoa, Palahniuk, Hesse, Rosalía, Szymborska, Jardiel Poncela, Ford, Peixoto, Millás, Cortázar, Foster Wallace…

domingo, 23 de junio de 2013

"SISTER ACT 2" SEASON



O coro parroquial infantil de Foz poñíase en marcha, unha idea innovadora nunha vila das súas características. Debeulles parecer pouco a existencia dun coro maduro no que homes (calvos) e mulleres (con peiteados de volumes sobredimensionais ) en rigurosos traxes de chaqueta negro se deixaban levar polas súas carpetas de partituras e polas súas variadas voces ao longo das diferentes parroquias do concello. A cuestión é que alí estaba aquela iniciativa para a captación de talentos precoces, ao tempo que se tentaba prolongar un pouco máis a permanencia deses mozos nas misas. 

Lembro que era un mércores pola tarde, a iso das seis da tarde, aló por principios dos anos noventa, Carlos e máis eu chegamos cos nosos looks vangardistas. El con tupé tipo "onda mariñeira", cazadora vaqueira, sudadera de Alaska e Nike Pegasus. Eu con beisbolera, chándal de Jordan, Nike Huarache de running e gorra de lado ao estilo "Príncipe de Bel Air". Seguramente, dous patíns quedaron na porta da igrexa agardando por nós. Dentro, estaba a xente habitual do mundo eclesial local. Tono ("o fontaneiro vocal"), Teresa (a nosa particular Rosana), tres ou catro catequistas (daquelas que vestían con faldas plisadas e rebecas de lá imposibles) e uns cantos nenos e nenas de conducta cristiana intachable. Nosoutros, por moito que o intentáramos con incursións vía "monaguillos" (que aceptábamos polas duascentas pesetas que uns minutos máis tarde fundíamos en gominolas), non estábamos feitos para o culto e a fe (polo menos hacia aquelo que se supoñía). Pero o caso é que queríamos cantar, queríamos revolucionar aquel mundo triste e apagado de calcetíns polos xeonllos, coletas de lado e caras de benditos. 

Teño que admitir que o intentamos, que demos todo o que tíñamos dentro, mais non encaixamos. Despois da primeira sesión fomos convidados a deixalo e, a verdade, non os culpo. Non había lugar para a improvisación, nin para a percusión de mans contra os bancos, nin para os efectos corais, nin sequera para as palmas… todo estaba hiperprogramado, hiperengaiolado diría eu. Tampouco é que fósemos dous reiseñores. As nosas aptitudes para o canto eran ben poucas, a diferenza das nosas ganas por innovar ou da nosa capacidade de esforzo. Postos a comparar, se tivera que achegarme a algún parecido co que saía polas nosas gorxas, creo que me decantaría por dous porcos a piques de ser sacrificados na matanza. Tampouco foi para adiante as nosa proposta de introducir o rap (o panorama MC) nas celebracións relixiosas. Supoño que lle queríamos dar un toque afroamericano ao asunto… entendede que vivíamos a efervescencia post-"Sister Act II" e aquela idea de integración de diferentes culturas, niveis socio-económicos e caracteres atraíanos moito.

O certo é que aquel foi o noso primeiro e último día. Foi a evidencia dunha falta de conexión total e absoluta con aquela realidade, a dos bondadosos. E, como non podía ser doutro xeito, aliámonos co mal, coa aventura. Comezaba unha época de roturas de cristais do Martínez Otero (a nosa escola), tempo de visitas a obras, de trastadas nas sesións de tarde do cine Pequenete, de roubos de paquetes de cromos, de aspirinas con Coca Cola, de masturbacións (oh! pecado!), de palabras malsoantes, de pasar tardes enteiras xogando a "beso-morreo-ticoteo"… en definitiva, que chegou o desfase… ou, un momento… non sería que xa éramos uns desfasados?

domingo, 16 de junio de 2013

DE CHISTE


Encóntranse tres científicos en Londres. Un alemán, un francés e un español. E di o español: "Que van tomar os señores?".