domingo, 7 de abril de 2013

"...PERO HABÍA NIEVE"


“El Gobierno no se puede fotografiar con malas compañías” declaraba Feijoó,  hai uns anos, cando se publicou unha foto de Anxo Quintana (exvicepresidente galego) con Jacinto Rey (contratista da Xunta) no barco deste último. Pouco despois, xunto a Touriño (presidente) pedían o cese do mandatario nacionalista.

Fai unha semana, o sábado 30, o diario El País, sacaba na súa portada unha foto de Alberto Núñez Feijoó (presidente do país) con Marcial Dorado (coñecido narcotraficante arousán) nun iate, en bañador, gafas de sol e crema sen extender. 
Caso aberto.

Un par de días máis tarde, o luns, o actual presidente da Xunta de Galicia convocaba aos medios para dar explicacións das imaxes. Négome, neste punto, a dicir que este xesto o honra só porque outros (algúns compañeiros seus ademais) non se expoñan ante os xornalistas e ante a opinión pública. É de ben, necesario e obrigado, no exercicio democrático, comparecer e dar a cara. Estaba nervioso, arrogante, perdido nunha memoria pouco concreta, dubitativo pero tamén valiente e, se cabe, pouco consciente das súas palabras.
Eran moitas as aclaracións que a prensa agardaba e, o que se di clarificar, clarificou moi pouco.
Ante todo o que dixo, cousas que todos vos xa coñeceredes pola repetición nos diferentes medios de comunicación, gustaríame reflexionar.

Primeira. O momento das fotos. Fala de que son de fai vinte anos nun intento de quitarlle importancia ao asunto. E eu pregunto, acaso iso importa? Máis do que el podía pensar. Por que? Moi doado, porque naquel tempo, Galicia, vivía unha loita interna salvaxe co mundo do tráfico de droga e do seu consumo. Miles de familias destruíanse ao caer algún dos seus membros en algún dos bandos (traficantes ou consumidores). Na memoria de todos os galegos quedan as batallas daquelas nais que se enfrontaban aos capos da mafia sen máis recursos que a forza do seu corazón. 
Mal, listo! Mal!

Segunda. Fala, tamén, da súa relación social "puntual" co individuo noutro intento de minimizar a relevancia do tema. Puntual? Vale… e daste conta do que estás transmitindo con esa idea? Explícome. Creo que a única circunstancia que podería axudalo (aínda que igualmente sería un problema) é que Dorado fose un amigo da infancia e xuventude, para entendernos, un amigo dos de toda a vida. O contrario, como el mesmo argumenta, significa que algo fixo que se xuntaran, é dicir, eran amigos de novo, e baixo esa amizade ten que haber unha orixe e un motivo. Cal é? Non o sabemos e por iso, cada un pensará o que queira. Relación puntual, dacordo, pero intensa… ou senón, por que hai tantas fotos de viaxes en lugares diferentes. Eu teño moitas fotos con persoas de viaxe e todas elas representan algo significativo na miña vida. Ademais, desde pequeno, meus pais ensináronme (e se non fose así sería quen de sabelo igual), que hai que mirar de quen se rodea un cando se relaciona. Hai que facer (e faise) unha especie de avaliación de persoas antes de xuntarse a elas, ben sexa unha moza ou simples amigos. 
Mal, listo! Mal!

Terceira. En canto ás viaxes, nunha delas, dubidaba entre se o destino era Andorra ou Os Picos de Europa e dicía textualmente (non é ningunha broma aínda que o pareza): "No recuerdo si era un sitio u otro pero de lo que estoy seguro es de que había nieve". Foi oir "había nieve" e os meus ollos case se saen das súas orbitas, no sofá, deitado, co ordenador encima das pernas e conectado (en directo) á web de El País. Que momento zapping!
E digo eu… tanto pensar no que vai dicir, tanto asesor, tanto escritor de discursos profesional e… toma cagada! Alguén dá máis? Imposible. Difícil de superar tal animalada. "Había nieve"… aínda agora me parece algo irreal, non crible. E mellor que un non deixe voar a súa imaxinación e pense nas festas que se corría esta tropa nas estacións de esquí ou onde fose. As redes sociais botaron fume con montaxes de todo tipo. Feijoó, Dorado e… Pocholo? 

Cuarta. As teorías da chantaxe e do amedrentamento. Na primeira fai referencia ao socialista Pachi Vázquez quen, coñecedor da existencia das fotos, faría forza no xornal para que publicase as fotos. Pode que na súa cabeza esa teoría case. Na miña supón unha estupidez demasiado para ser cometida por un político (con todo o que esa profesión implica en canto a "pillería" e "avispe"). A segunda, claramente, vai dirixida aos seus compañeiros de partido, os cales, ante a capacidade autónoma de Feijoó de "hago y digo lo que quiero y pienso" e a súa carreira hacia a sucesión e consecuente presidencia de goberno, veríano como un rival ao que quitar do medio. Nas nosas mentes, dito isto, rondan os mesmos nomes.
É probable que estas dúas teorías (ou forzas) se misturen en realidade, mais eu penso que hai unha terceira vía que non se aborda moito. A de Bárcenas "O Cabrón". As palabras que Núñez Feijoó adicou ao seu excompañeiro foron as máis duras, desmarcándose con meridiana diferencia dos demais PPopulares. Co poder que ten o delincuente e tal como está relacionado… non podería tratarse dunha vinganza política? Sería un golpe, unha maneira de golpear que lle vai como anel ao dedo.

E quinta. Pregúntome que fai falta neste puto país para dimitir? Dame igual a cor política. Pepe Blanco con Dorribo e o asunto da gasolineira, Anxo Quintana e o empresario no barco, Mariano Rajoy no atuneiro "Moropa", propiedade dun clan narco histórico (cousa que parece esquecida) ou agora Feijoó e Dorado. Dimisións xa! Honestidade, por favor! Limpeza! Transparencia (de verdade e non verbal)!
Non haberá xente moi preparada para gobernar este país que sempre acaban no poder os mesmos. Que tropa de mangantes! De caraduras! De canallas!
Quero que me goberne xente normal, que non tema polo seu futuro porque do seu pasado nada poida sair. 


Con todo, nesta sociedade na que cada día hai máis imbéciles co cerebro amurallado, penso que as consecuencias e as responsabilidades dos actos cometidos só son para os de abaixo. Por iso, aquí non pasa nada, no exterior apagarase a fogueira, sairá fume e ao cabo dun tempo só quedarán as cinzas que serán barridas polos que fan o traballo porco. O malo é que no interior de moitos de nós, esa fogueira está activa, arde e moito… e cando un se queima saen os "mecagoendios!", sae a hostia.









No hay comentarios:

Publicar un comentario