domingo, 21 de septiembre de 2014

NO SANTIAGO BERNABEU



No Santiago Bernabeu pítanlle a Íker Casillas. Pítanlle a Sergio Ramos. Pítanlle a Florentino. Pítanlle a Benzema. Pítanlle a Ancelotti. Pítanlle a Guardiola. Pítanlle a Messi. Pítanlle a Neymar. Pítanlle a Dani Alves. Pítanlle ao Cholo Simeone. Pítanlle a Diego Costa. Pítanlle a Mourinho. Ao árbitro. Aos linieres. Ao cuarto árbitro. Ao gato que salta ao terreo de xogo. Aos recollepelotas nenos. Ao marcador electrónico. Aos paxaros que sobrevoan o estadio. Aos xornalistas. Ás cámaras de televisión. Ás liñas de cal do campo. Ás porterías. Ao balón. Aos paneis publicitarios. Pítanlle ao señor que fuma nas bancadas. Ao seu cigarro. Ao chisqueiro. Á gorra que leva posta. Pítanlle á señora que se levanta comprar un paquete de pipas. Aos seus zapatos de tacón. Ao seu pelo tinguido de loiro. Ao abrigo de pel que luce. Pítanlle ao rapaz que apampa cara o ceo co dedo metido no fuciño. Á camiseta que ten co número de Di María. Pítanlle ao himno. Ao sistema de megafonía. Pítanlle á muller que aplaude un gol. Á que non aplaude tamén. Pítanlle aos que pitan. Aos que calan. Pítanlle aos que ven o partido desde a casa. Aos que están tomando algo nos bares de fóra. Pítanlle a Madrid. A Barcelona. A Zaragoza, A Sevilla. A Valencia. A Ourense. Pítanlle a Obama. A Rajoy. A Merkel. A Fidel Castro. A Mújica. Pítanlle ao sábado. Ao venres. Ao domingo. Pítanlle aos seus teléfonos por non recibir SMS. Ao WhatsApp porque soa sen parar. Pítanlle ao día. Á noite. Pítanse a eles mesmos.
No Santiago Bernabeu pítanlle a todo o que se move… e tamén a aquelo que está estático.

No hay comentarios:

Publicar un comentario