domingo, 25 de mayo de 2014

O DIVÁN


A mañá de Thomas foi dura. Moi dura. Polo seu gabinete psicolóxico foron pasando o home que era incapaz de mirar aos ollos mentres falaba, a rapaza que en lugar de pintar as uñas pintaba os dentes, o carniceiro que se deitaba con trozos de carne, o butaneiro tunning, a enfermeira que roubaba xiringas no hospital e o político que só dicía a verdade.

domingo, 18 de mayo de 2014

DOMINGO


A: As metáforas non me gustan, tío, ou sexa que fala claro, vale?

B: Mira… non me jodas! Non será que non as entendes?

A: Pero que dices? Sei o que é unha metáfora… e moitas máis cousas.

B: Xa, xa…

A: E logo que pensas? Que sólo acabaches ti a secundaria?

B: Eu non a acabei que me expulsaron, pallaso!

A: Bueno, pois eu sí, e non seguín porque non me saleu dos huevos.

B: Vale ministro…

A: Sei o que é unha metáfora e as frases compuestas e todo eso…

B: Que eminencia! Andas polo Nobel, ou?

A: Es tú máis listo seguro….

B: Algo máis sí creo eu.

A: A ver logo, faime unha metáfora.

B: Non me dá a gana, faina tú.

A: Pois fáigocha cando queira.

B: Veña…

A: Como a ques?

B: Que?

A: Que de que tipo a ques… non oes ben ou que, pailán?

B: Vouche pegar un hostiazo nos dentes…

A: Vas…

B: A ver logo…

A: Ja-món, Mon-ja.

B: Como?

A: Ja-món, Mon-ja.

B: E suponse que eso é unha metáfora?

A: Home, pois claro.

B: Hai que ser pardillo...

A: Ja-món, Mon-ja. Se o dices mui rápido acabas dicindo o mismo.

B: Ai naná!

A: Bueno, pois nada, non é logo, é o que che día a ti a gana…

B: Pero ese é capicúa… non unha metáfora…

A: Capicúa é cos números… por exemplo, 2014… 1420.

B: Hai que ser burro! Sería 2014… 4102!

A: Xusto oh!

B: Eres coma pé de molete…

A: Desde logo, non sei como non te fan fillo predilecto porque es o 
máis listillo que hai na volta.

domingo, 11 de mayo de 2014

FLOYD OU O ARTISTA ANTES COÑECIDO COMO "CURRITO DE LA SANTA"


A semana pasada estiven no ano 2019, en Valga, provincia de Pontevedra. Quedei cedo no bar Os Camioneros con Floyd, un antigo toureiro malagueño que tivo que emigrar de Andalucía logo da prohibición das touradas no estado español de 2016. 

Algúns sabedes, que na actualidade, colaboro coa revista Dot Galicia, teño dous blogs, son mestre en Padrón, vivo en Pontevedra e estou leado con Carla Cociña. Na época á que viaxei, en cambio, teño o meu propio fanzine dixital de entrevistas ("Mexa sen pingar"), un blog pechado baixo investigación policial e outro ao que non poido acceder porque esquecín a contrasinal, deixei a docencia en favor do mundo das cooperativas de pementos picantes, mudeime a Herbón, e estou solteiro (Carla foise cun cubano, Ricardo, que montou unha axencia de viaxes en Oleiros).

Aclaracións e contextualizacións a un lado, adéntrovos no tema en cuestión. Quedei con Floyd para unha entrevista que penso incluir na revista no mes de marzo de 2019 (traballo con tempo, xa vedes). Ben, pois este tipo tivo que redefinirse e adaptarse aos tempos. As touradas deixaron de ser arte e tradición e pasaron a considerarse un elemento atroz que viña de serie co unto, co fume de puro e coas camisetas interiores. 
El chegou a ser toda unha estrela nos seus tempos e enchía as mellores prazas do país, das que sempre saía a ombros. O seu éxito coas mulleres era manifesto, polo que non era raro velo nas portadas das extinguidas revistas "¡Hola!" ou "Pronto". Era coñecido como "Currito de la Santa" a nivel profesional e, entre os edredóns, como "White & Decker". 
No futuro, as cousas cambiaron. Esqueceu o seu anterior alias e convertiuse en Floyd, un nome moito máis internacional (porque, claro, as políticas de Feijóo deron os seus froitos e todos falamos inglés con fluidez… iso sí, en castelán empregamos só formas verbais compostas e do galego unicamente lembramos a expresión "manda carallo!"). 
Agora xa non se mide á forza dun touro, senón á do sector empresarial. Viaxa cada día por toda a nosa xeografía como "El torero del moroso". O traxe de luces segue estando ahí pero para un fin diferente. Á cita acudiu cun precioso en tono vermello, con aderezos negros e tan ceñido coma antes. Trae consigo un maletín cunha enorme pegatina amarela na que pon "Paga lo que debes o tiro de capote". Por suposto, trae tamén ese fermoso capote (que agora son máis difíciles de atopar e que, na súa maioría, veñen da China cuns acabados bastante malos). Amósame no seu teléfono móbil videos nos que sae en plena acción. Ao tempo que o vou vendo, vaime contando que non só acude a empresas que non pagan, tamén o contratan para denunciar incumprimentos de convenios, abusos e todo tipo de circunstancias inxustas con quen require os seus servizos. É obvio darse conta de que no seu campo non hai paro, teñen emprego total, pois este tipo de situacións están instauradas. No seu último traballo, o do video, véselle facendo todo tipo de piruetas taurinas. "Abanicando", facendo "arrastres", "codilleando", en "compás", "engallándose", "molinetes", "navarras", "pegoletes", "pintureros"… de todo! 
Dá gusto velo ao seu. Segue habendo arte. É como un baile ancestral, como un canto ao rancio. E, igualmente, segue habendo moito valor. Dime que hai que telos ben postos para enfrontarse aos altos cargos da empresa e admite que, en numerosas ocasións, leva hostias ata no brazalete de identidade (por certo, o carné de identidade pasará á historia e levaremos pulseiras de ouro cun número de quince cifras e un símbolo… a el tocoulle o 000956781344442 cun gladiolo). De feito, ten a cara chea de edemas e fáltanlle as paletas superiores (no seu lugar, leva, provisionalmente, dúas pastillas de chicle Trex). 
Xa para rematar o noso encontro, pregunteille por algúns dos seus actuais compañeiros de profesión, antigos mestres taurinos cos que montou a compañía "O pagas o voy al ruedo". Contesta que están todos os que estaban en primeira liña, Carlos Jiménez "El Piti", "El Frenillo" de Ugarte, "Currito de la Trenca", "El Sacabeira", Julián "La Cabra" Muñoz e ata Ezequiel "Pedo de Puta" Castillo.  
Despídese compartindo comigo o que vai ser o seu seguinte reto. Resulta que na empresa que montaron, tiveron que reducir persoal e comezaron botando a uns chinos que contrataran a media xornada. Débenlles o finiquito e contratárono a el (que á vez é o seu ex-xefe) para que estea actuando na porta da súa propia empresa. En palabras de Floyd, "La vida no es fácil. En ocasiones, uno se encuentra ante la difícil situación de tener que cumplir con un encargo que puede hundirte o verse obligado a perder un cliente que puede abrirte las puertas a un mercado tan poderoso como es el chino".

Sen máis, desexeille sorte, paguei a cervexa de mascar "para dous" e volvín para Herbón ao lombo da miña burra marrón de nome "Webster".


domingo, 4 de mayo de 2014

SÉVER OA


Os paxaros cantan rock
cando voan baixo,
e as formigas corren maratóns 
sen zapatillas Nike.

Os homes métense en covas
durante o longo inverno,
e comen o esterco que
deixaron de producir.

As moscas levan pasaxeiros
de lado a lado do océano,
e os monos foden sen parar
ás amas de casa desatendidas.

Os nenos participan en experimentos
que antes dominaban os ratos,
e viven pouco tempo,
como antes en África.

As galiñas fan cola no supermercado,
as sardiñas len aos clásicos e non entenden,
os elefantes expropian as terras dos leóns,
as serpes abren farmacias nos barrios dos ricos,
os centolos comen en restaurantes de luxo,
os porcos poñen gorros de lá e zapatillas All Star,
os patos van ás piscinas dos ximnasios,
os cabalos escoitan a Bach en butacas de deseño,
as mofetas gobernan cada catro anos...