domingo, 24 de febrero de 2013

RECUPERAR O MUNDO


"IF YOU ONLY READ THE BOOKS THAT EVERYONE ELSE IS READING, YOU CAN ONLY THINK WHAT EVERYTHING ELSE IS THINKING". Haruki Murakami.

Con esta acertada e reflexiva cita quero constatar a importancia maior de ler, de deixar pasar os ollos polas follas que cada un elixa. Sorpréndeme como algunhas persoas abandoan (ou nunca practicaron) este hábito. Precisamente, isto é o que  os rexímenes totalitarios e algúns que outros gobernos actuais buscan, alienar aos seus pobos, quitarlles o acceso á cultura. Supoño que vos soa a queima de libros dos nazis… ou a importancia da crecente manipulación das televisións…

O ser humano vaise convertindo nun parasito controlado polo marketing, con nula capacidade e vontade crítica.

É NECESARIO RECUPERAR O MUNDO.

domingo, 17 de febrero de 2013

OS VÉRTICES DO TRIÁNGULO E O MOVEMENTO DA CORTIZA


A algúns pareceralles un título raro, mais cando volo explique entenderédelo moi ben.

Actualmente, existen tres axentes (digamos) que garanten a orde no funcionamento da nosa sociedade. 
Un é a CLASE POLÍTICA (se aínda se lle pode seguir chamando así…), esa mesma que nos está traendo multitude de crebadeiros de cabeza pola súa baixeza intelectual e moral demostradas, cada día, a través de declaracións froito do descoñecemento formal da profesión, das leis vixentes e das esixencias, así como pola aparición de incesantes casos de corrupción. O goberno do país, PartidoPopular, encóntrase metido nunha vergoñenta mafia de financiación ilegal de partido que pretende agochar coa fórmula do "e ti máis!" que non funciona. Resulta curioso como, cando o malo lle toca á dereita, o mal é de todos, mentres que cada lle toca á esquerda, a dereita queda intacta con ese rollo da honestidade burguesa. Casos indignos hainos en varios partidos pero, todo sexa dito de paso, non en igual medida e, desde logo, non co mesmo castigo por parte dos seus votantes. Con todo, a miña postura é a da renovación de persoas e a da aposta pola honestidade, pola alteza moral e pola lucidez mental, xa que a negación total e absoluta dos políticos e o seu tratamento como orixe de todos os males leva a ideas prepolíticas que non comparto e que van en contra dun progreso xusto e igualitario.
Outro axente son os MEDIOS DE COMUNICACIÓN como os xornais, a radio e a televisión que, a pesares de ser cada vez menos plurais e de responderen a certos intereses (de todo tipo) non escritos (ou sí!), desenvolven un labor fundamental no coñecemento da realidade e da verdade por parte do pobo. Son fundamentalmente El País e El Mundo quenes se están encargando de poñer os puntos sobre as íes e, paralelamente, cadeas televisivas como La Sexta ou Cuatro (que foi da defunta RTVE?) ou emisoras radiofónicas como a SER ou ONDA CERO únense no veraz coidado e transmisión da información.
O terceiro son as REDES SOCIAIS que, constitúen un algo novedoso con respecto a outras crises anteriores pola súa inmediatez e capacidade de mobilización. Facebook, Twitter, diversos blogues ou determinadas plataformas e movementos reivindicativos (por medio da Internet) poñen en cuestión a diario o transcurso das nosas vidas denunciando e valorando cada acontecemento relevante. Gracias a elas, podo afirmar que as manifestacións son máis abundantes e habituais (aspecto no que aínda queda moito por mellorar…), que determinadas leis ou propostas de leis inxustas van para atrás ou que outras mellores para a convivencia democrática van para adiante.

Entres estes tres vértices pois, estas tres cordeadas, nos movemos hoxe en día, nun equilibrio non calculado (ou sí!) pero que resulta efectivo e esperanzador.

Nunha metáfora moi lúcida do psicoanalista e psicólogo clínico Manuel Fernández Blanco refléxase á perfección esta situación triangular. Imaxinade unha CORTIZA flotando na auga. Ben, esa cortiza son os feitos, é a realidade sobre estes casos de corrupción, é a verdade. Os políticos, neste caso os do PP (axudados por algúns indecentes e contradictorios medios de comunicación, por certo) afunden esa verdade para tapala, para que non se vexa. E a propia auga, que son uns medios de comunicación responsables e que fan o seu xusto labor, como tamén as redes sociais,fan que a verdade acabe saíndo á luz, ao exterior para que nos a vexamos… iso sí, hai que querer vela… e actuar consecuentemente.

Xa o tedes! Iso son "OS VÉRTICES DO TRIÁNGULO E O MOVEMENTO DA CORTIZA". 

domingo, 10 de febrero de 2013

O ASCENSOR SOCIAL



DESIGUALDADE. Todos os días desde o noso nacemento somos testemuñas (algúns parece que non tanto) das tremendas diferencias sociais, económicas, políticas e culturais entre os seres humanos e, lonxe de que esta situación se reduza (ou elimine, mellor), vemos como aumenta ata límites que fan colidir aos máis desfavorecidos co xénero animal.

Mentres uns rebuscan nos contedores de lixo restos de alimentos, outros pagan tres mil euros por unha botella de viño. Mentres uns ven coma a auga dos charcos penetra polos buratos dos seus gastados zapatos, outros gastan catro mil euros en confetti nun aniversario. Mentres uns viven debaixo de pontes, outros habitan casas nas que collerían exércitos. Mentres uns beben auga contaminada, outros abren o grifo sen pensar no que se desperdicia. Mentres uns traballan sen levantar cabeza, outros explotan aos seus escravos. Mentres uns viven en condicións infrahumanas, outros báñanse en excesos.

Esta serie de "mentres uns…, outros…" podería extenderse ata encher mil folios que saen da tala indiscriminada duns árbores que, desde fai moito tempo, invadiron o espazo das especies autóctonas.
Que nos queda entón? Pois o único mecanismo para eliminar estas diferenzas é a ESCOLA PÚBLICA, ese garante, ese dereito, esa forza, esa inversión de futuro, unha idea creada para que todos gozemos de oportunidades de calidade sen atender aos nosos orixes de calquer tipo. Unha escola entendida como ASCENSOR SOCIAL, onde ninguén vexa mermada as súas capacidades, onde todos xoguemos baixo as mesmas normas, unha plataforma que sirva para facer visible o talento e non o diñeiro, o valor humano e non o poder.

ESCOLA PÚBLICA ASCENSOR SOCIAL IGUALDADE.  

domingo, 3 de febrero de 2013

PEDRADAS



"Si la sociedad española se creyera que esto es verdad, se indignaría. Pero los indignados somos el PP". (María Dolores de Cospedal).

“Nadie del PP ha tenido que ver con la trama de corrupción”. (Resposta de Rajoy, arropado por todo o partido, horas desoís de estalar o caso coas detención de Correa e Crespo).

“Desmiento de plano la información aparecida hoy”. (Resposta de Francisco Camps á publicación de que recibirá traxes regalados).

“Nadie podrá probar que Bárcenas no es inocente”. (Rajoy, ao coñecerse a investigación contra o tesoureiro).

“Es un montaje”. (O PP en tropel, ante o informe policial sobre financiación ilegal do PP valenciano).

“Ha quedado acreditado que no existe ninguna trama de financiación ilegal del PP, sino una trama para aprovecharse del PP”. (Rajoy en 2010).

“No me consta”. (Cospedal, sobre os sobresoldos no PP).

“Bárcenas no se ha beneficiado de la amnistía fiscal”. Facenda, Montoro e o PP, todos a unha).

“En el PP nadie ha cobrado sobresueldos”. (Argumentario repetido nos últimos días).



Lembro cando tiña nove anos. Uns amigos e máis eu, estivéramos fumando unha semana enteira un cartón de Coronas nunha palleira do barrio. Veña caladas e caladas, veña mareos e mareos. Un día escapando do dono da palleira, atopeime coa miña irmá, maior ca min, que debeu percibir o cheiro. Levoume á casa e púxome diante do meu pai. "Que pasa? A que ules? Fumaches?" - me preguntou. "Non!" - contestei. "Bótame o aliento!" - ordeou. Abrín a boca e deixei sair unha bofarada rancia froito daquel material. Sen darme tempo a máis cousa, levei tal hostia de man aberta na cara (a única) que me quedaron os dentes tremendo na boca. Merecida.
A negación do obvio. Que recurso tan vello… e tan doado de derrubar...