domingo, 10 de febrero de 2013

O ASCENSOR SOCIAL



DESIGUALDADE. Todos os días desde o noso nacemento somos testemuñas (algúns parece que non tanto) das tremendas diferencias sociais, económicas, políticas e culturais entre os seres humanos e, lonxe de que esta situación se reduza (ou elimine, mellor), vemos como aumenta ata límites que fan colidir aos máis desfavorecidos co xénero animal.

Mentres uns rebuscan nos contedores de lixo restos de alimentos, outros pagan tres mil euros por unha botella de viño. Mentres uns ven coma a auga dos charcos penetra polos buratos dos seus gastados zapatos, outros gastan catro mil euros en confetti nun aniversario. Mentres uns viven debaixo de pontes, outros habitan casas nas que collerían exércitos. Mentres uns beben auga contaminada, outros abren o grifo sen pensar no que se desperdicia. Mentres uns traballan sen levantar cabeza, outros explotan aos seus escravos. Mentres uns viven en condicións infrahumanas, outros báñanse en excesos.

Esta serie de "mentres uns…, outros…" podería extenderse ata encher mil folios que saen da tala indiscriminada duns árbores que, desde fai moito tempo, invadiron o espazo das especies autóctonas.
Que nos queda entón? Pois o único mecanismo para eliminar estas diferenzas é a ESCOLA PÚBLICA, ese garante, ese dereito, esa forza, esa inversión de futuro, unha idea creada para que todos gozemos de oportunidades de calidade sen atender aos nosos orixes de calquer tipo. Unha escola entendida como ASCENSOR SOCIAL, onde ninguén vexa mermada as súas capacidades, onde todos xoguemos baixo as mesmas normas, unha plataforma que sirva para facer visible o talento e non o diñeiro, o valor humano e non o poder.

ESCOLA PÚBLICA ASCENSOR SOCIAL IGUALDADE.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario