domingo, 17 de febrero de 2013

OS VÉRTICES DO TRIÁNGULO E O MOVEMENTO DA CORTIZA


A algúns pareceralles un título raro, mais cando volo explique entenderédelo moi ben.

Actualmente, existen tres axentes (digamos) que garanten a orde no funcionamento da nosa sociedade. 
Un é a CLASE POLÍTICA (se aínda se lle pode seguir chamando así…), esa mesma que nos está traendo multitude de crebadeiros de cabeza pola súa baixeza intelectual e moral demostradas, cada día, a través de declaracións froito do descoñecemento formal da profesión, das leis vixentes e das esixencias, así como pola aparición de incesantes casos de corrupción. O goberno do país, PartidoPopular, encóntrase metido nunha vergoñenta mafia de financiación ilegal de partido que pretende agochar coa fórmula do "e ti máis!" que non funciona. Resulta curioso como, cando o malo lle toca á dereita, o mal é de todos, mentres que cada lle toca á esquerda, a dereita queda intacta con ese rollo da honestidade burguesa. Casos indignos hainos en varios partidos pero, todo sexa dito de paso, non en igual medida e, desde logo, non co mesmo castigo por parte dos seus votantes. Con todo, a miña postura é a da renovación de persoas e a da aposta pola honestidade, pola alteza moral e pola lucidez mental, xa que a negación total e absoluta dos políticos e o seu tratamento como orixe de todos os males leva a ideas prepolíticas que non comparto e que van en contra dun progreso xusto e igualitario.
Outro axente son os MEDIOS DE COMUNICACIÓN como os xornais, a radio e a televisión que, a pesares de ser cada vez menos plurais e de responderen a certos intereses (de todo tipo) non escritos (ou sí!), desenvolven un labor fundamental no coñecemento da realidade e da verdade por parte do pobo. Son fundamentalmente El País e El Mundo quenes se están encargando de poñer os puntos sobre as íes e, paralelamente, cadeas televisivas como La Sexta ou Cuatro (que foi da defunta RTVE?) ou emisoras radiofónicas como a SER ou ONDA CERO únense no veraz coidado e transmisión da información.
O terceiro son as REDES SOCIAIS que, constitúen un algo novedoso con respecto a outras crises anteriores pola súa inmediatez e capacidade de mobilización. Facebook, Twitter, diversos blogues ou determinadas plataformas e movementos reivindicativos (por medio da Internet) poñen en cuestión a diario o transcurso das nosas vidas denunciando e valorando cada acontecemento relevante. Gracias a elas, podo afirmar que as manifestacións son máis abundantes e habituais (aspecto no que aínda queda moito por mellorar…), que determinadas leis ou propostas de leis inxustas van para atrás ou que outras mellores para a convivencia democrática van para adiante.

Entres estes tres vértices pois, estas tres cordeadas, nos movemos hoxe en día, nun equilibrio non calculado (ou sí!) pero que resulta efectivo e esperanzador.

Nunha metáfora moi lúcida do psicoanalista e psicólogo clínico Manuel Fernández Blanco refléxase á perfección esta situación triangular. Imaxinade unha CORTIZA flotando na auga. Ben, esa cortiza son os feitos, é a realidade sobre estes casos de corrupción, é a verdade. Os políticos, neste caso os do PP (axudados por algúns indecentes e contradictorios medios de comunicación, por certo) afunden esa verdade para tapala, para que non se vexa. E a propia auga, que son uns medios de comunicación responsables e que fan o seu xusto labor, como tamén as redes sociais,fan que a verdade acabe saíndo á luz, ao exterior para que nos a vexamos… iso sí, hai que querer vela… e actuar consecuentemente.

Xa o tedes! Iso son "OS VÉRTICES DO TRIÁNGULO E O MOVEMENTO DA CORTIZA". 

No hay comentarios:

Publicar un comentario