domingo, 11 de mayo de 2014

FLOYD OU O ARTISTA ANTES COÑECIDO COMO "CURRITO DE LA SANTA"


A semana pasada estiven no ano 2019, en Valga, provincia de Pontevedra. Quedei cedo no bar Os Camioneros con Floyd, un antigo toureiro malagueño que tivo que emigrar de Andalucía logo da prohibición das touradas no estado español de 2016. 

Algúns sabedes, que na actualidade, colaboro coa revista Dot Galicia, teño dous blogs, son mestre en Padrón, vivo en Pontevedra e estou leado con Carla Cociña. Na época á que viaxei, en cambio, teño o meu propio fanzine dixital de entrevistas ("Mexa sen pingar"), un blog pechado baixo investigación policial e outro ao que non poido acceder porque esquecín a contrasinal, deixei a docencia en favor do mundo das cooperativas de pementos picantes, mudeime a Herbón, e estou solteiro (Carla foise cun cubano, Ricardo, que montou unha axencia de viaxes en Oleiros).

Aclaracións e contextualizacións a un lado, adéntrovos no tema en cuestión. Quedei con Floyd para unha entrevista que penso incluir na revista no mes de marzo de 2019 (traballo con tempo, xa vedes). Ben, pois este tipo tivo que redefinirse e adaptarse aos tempos. As touradas deixaron de ser arte e tradición e pasaron a considerarse un elemento atroz que viña de serie co unto, co fume de puro e coas camisetas interiores. 
El chegou a ser toda unha estrela nos seus tempos e enchía as mellores prazas do país, das que sempre saía a ombros. O seu éxito coas mulleres era manifesto, polo que non era raro velo nas portadas das extinguidas revistas "¡Hola!" ou "Pronto". Era coñecido como "Currito de la Santa" a nivel profesional e, entre os edredóns, como "White & Decker". 
No futuro, as cousas cambiaron. Esqueceu o seu anterior alias e convertiuse en Floyd, un nome moito máis internacional (porque, claro, as políticas de Feijóo deron os seus froitos e todos falamos inglés con fluidez… iso sí, en castelán empregamos só formas verbais compostas e do galego unicamente lembramos a expresión "manda carallo!"). 
Agora xa non se mide á forza dun touro, senón á do sector empresarial. Viaxa cada día por toda a nosa xeografía como "El torero del moroso". O traxe de luces segue estando ahí pero para un fin diferente. Á cita acudiu cun precioso en tono vermello, con aderezos negros e tan ceñido coma antes. Trae consigo un maletín cunha enorme pegatina amarela na que pon "Paga lo que debes o tiro de capote". Por suposto, trae tamén ese fermoso capote (que agora son máis difíciles de atopar e que, na súa maioría, veñen da China cuns acabados bastante malos). Amósame no seu teléfono móbil videos nos que sae en plena acción. Ao tempo que o vou vendo, vaime contando que non só acude a empresas que non pagan, tamén o contratan para denunciar incumprimentos de convenios, abusos e todo tipo de circunstancias inxustas con quen require os seus servizos. É obvio darse conta de que no seu campo non hai paro, teñen emprego total, pois este tipo de situacións están instauradas. No seu último traballo, o do video, véselle facendo todo tipo de piruetas taurinas. "Abanicando", facendo "arrastres", "codilleando", en "compás", "engallándose", "molinetes", "navarras", "pegoletes", "pintureros"… de todo! 
Dá gusto velo ao seu. Segue habendo arte. É como un baile ancestral, como un canto ao rancio. E, igualmente, segue habendo moito valor. Dime que hai que telos ben postos para enfrontarse aos altos cargos da empresa e admite que, en numerosas ocasións, leva hostias ata no brazalete de identidade (por certo, o carné de identidade pasará á historia e levaremos pulseiras de ouro cun número de quince cifras e un símbolo… a el tocoulle o 000956781344442 cun gladiolo). De feito, ten a cara chea de edemas e fáltanlle as paletas superiores (no seu lugar, leva, provisionalmente, dúas pastillas de chicle Trex). 
Xa para rematar o noso encontro, pregunteille por algúns dos seus actuais compañeiros de profesión, antigos mestres taurinos cos que montou a compañía "O pagas o voy al ruedo". Contesta que están todos os que estaban en primeira liña, Carlos Jiménez "El Piti", "El Frenillo" de Ugarte, "Currito de la Trenca", "El Sacabeira", Julián "La Cabra" Muñoz e ata Ezequiel "Pedo de Puta" Castillo.  
Despídese compartindo comigo o que vai ser o seu seguinte reto. Resulta que na empresa que montaron, tiveron que reducir persoal e comezaron botando a uns chinos que contrataran a media xornada. Débenlles o finiquito e contratárono a el (que á vez é o seu ex-xefe) para que estea actuando na porta da súa propia empresa. En palabras de Floyd, "La vida no es fácil. En ocasiones, uno se encuentra ante la difícil situación de tener que cumplir con un encargo que puede hundirte o verse obligado a perder un cliente que puede abrirte las puertas a un mercado tan poderoso como es el chino".

Sen máis, desexeille sorte, paguei a cervexa de mascar "para dous" e volvín para Herbón ao lombo da miña burra marrón de nome "Webster".


No hay comentarios:

Publicar un comentario