domingo, 7 de agosto de 2011

HISTORIA DUN XV ANIVERSARIO


Un XV Aniversario é algo que costa cumprir, é algo que dá que facer, que dá que manter, que supón un esforzo por todas as partes… pero un esforzo a hostia de agradable de asumir neste caso, un pracer, un encontro entre amigos, entre compañeiros, unha xuntanza para poñerse ao día… é o día do verán!
Van xa quince anos, quince ceas desde que un grupo de rapaces arredor dos trinta anos (a maioría) e da cuarentena e pico (a minoría) se xuntaron para cear e conmemorar os poucos éxitos dun equipo de baloncesto cadete que, por contra, cimentaron unha boa relación de amizade.
Case sempre nos xuntamos un día do verán (que pode variar) en Xullo ou Agosto e ultimamente nese paso dun mes a outro que marca o ecuador estival, para cear. O noso templo culinario foi a maioría das veces o Bar Acuario, máis coñecido como "O Chulo", aínda que tamén ceamos unha vez en O Frenazo de Alfoz e nesta última, en O Burato de Malpica. Ao principio, estábamos todos, Carlos ("O Tano"), Marco ("Blody"), Pablo ("Poni"), Miguel ("O Checo"), Manuel ("O Polaco"), Juanjo, Lluís, Jorge ("O Tunin"), Calvín ("O Campanillo"), Gustavo ("Gus"), Dorado ("Doris"), Emilio José ("Avisio"), os adestradores Simeón ("Sime") e Alejandro ("Ale") e máis eu ("O Jalo"). Polo camiño foron caendo algúns, uns definitivamente e outros puntualmente (por motivos de axenda). Outros non faltamos nunca pero o verdadeiramente importante é manter o espíritu de equipo… e lógrase.
Todos estes anos foron deixando anécdotas inolvidables, feitos espectaculares, comentarios esaxerados, discusións de temas repetidos (unhas máis intensas que outras), pachangas de basket subrrealistas, excesos de gin & tonics, partidas de ping pong, de baralla española, conversas sobre o uso do galego, viños, cervexas, pratos combinados, pizzas, bailes, escapadas, análises estéticos, música e moito, moito máis.
O ano pasado, medio en broma medio en serio, decidimos que a seguinte cea, como facíamos eses quince anos, celebraríase en Malpica. Por que? Pois non teño nin puta idea! Quizás porque é un pobo especial, un lugar do litoral galego porta da Costa da Morte, con atractivo turístico, cunha paisaxe agreste, un acerto (creo) que non se esquecerá facilmente.
Algúns quedamos no Xoyma para almorzar ás nove e media da mañá e sair sobre as dez. A outro collímolo en Coruña e outros viñeron ata Carballo. Chegamos a Malpica a mediodía, cedo, á unha en punto, deixamos as cousas no Hostal JB (curioso nome, Josefina e Balbino? Justerini & Brooks?) onde a extravertida dona nos botou unha bronca por quedarnos só un día. A primeira caña tomámola abaixo, no paseo da praia (abarrotado, por certo), e as seguintes foron por todo o pobo. Martinis, viños e cervexas ata que chegou a hora de comer, que nun principio tiña que ser obrigatoriamente ás dúas e cuarto (sen escusa) pero que acabou sendo ás tres menos cuarto. A marisquería O Burato foi a elixida, preto do porto, pementos de Padrón, lagostinos á prancha, arroz caldoso, flan cun raro sabor a queixo Loran, chupitos e dixestivos. Un restaurante con camareiras na puta berza, ausencia de café e cervexa, un saleiro que foi moi necesario, protestas, cigarros ao aire libre e risas.
Despois de hora e media comendo, comezou a sesión gin & tonic nun bar bastante curioso de enfrente da praia urbana. Uns xogaron ao mus ou ao tute mentres outros soamente falábamos das fichaxes da liga española. Alí botamos toda a tarde, unhas cantas horas, entraron as nubes pero non avanzaron, quedándose estancas á altura da beira, coma se o mar frease ao clima, non permitindo á choiva amargarnos a festa. Pouco tempo máis tarde, o solete saiu e deixounos, a algúns, pegarnos un baño nese estado de brilo nos ollos que nos espabilou levemente. Unha hora máis tarde estábamos xa cambiados e dispostos a comezar a sesión de viños. Coma sempre, caeron uns cantos, a ritmo razonable, sen presa pero sen pausa ata que nos entrou a fame outra vez. Preguntamos no bar que estábamos se era posible picar unhas racións xa que quedaban mesas libres. A resposta do camareiro foi "Imposible!", unha constante en toda a viaxe. Decidimos irnos a tomar outra para intentalo máis tarde. Voltamos e agora si, na mesa de fóra, démoslle ás racións de calamares, chipiróns e raxo, cousa light, lixeira, encher o bandullo para o tema duro do resto da noite. Cando nos levantamos, non quedaba outra que desfrutar do Nordestazo Rock, que casualmente coincideu na mesma fin de semana. Deunos tempo de escoitar a Che Sudaka e a Stereotypos, os primeiros rollo mestizaxe e os segundos cun toque rock electrónico ao Delorean. E veña bailes, e veña tickets para cubatas, e veña fandango, e veña idas e vidas, e veña trangallada ata o fin do evento. Deste intre en diante, pubs, máis copas, perdas de equilibrio, retiradas por turnos e unha empanada de bonito camiño do hostal.
A xuntanza comezou diferente das demáis pero acabou igual que todas, da única maneira que se pode acabar… coa vista neboenta, arrastrando os pés e co sentimento de ter desfrutado o máximo xunto a outros dez tipos que agardo se sigan reunindo moitos anos máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario