domingo, 31 de julio de 2011

O VERÁN QUE NON É VERÁN


Xa sei que non é moi satisfactorio nin gratificante estar vivindo este mes de Xullo tan gris pero non hai que desesperarse, podemos buscar "opcións b" a ir á praia. Se non fai sol… pois a desfrutar das nubes! Aquí van unhas cantas suxerencias:
1. O mes pasado comprei un frisbee superchulo que está dando moito xogo e que non necesita de praia para que sexa divertido. Vaia compraza! Poden xogar dous, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez… os que sexan, a pases, a puntuar, todos contra todos, por equipos… desde logo, para min, é o xogo do momento. A sensación de dominio do disco ao ser ben lanzado é algo superior. Anímovos a probalo.
2. A mítica pachanga de fútbol sala sempre pode ser un momento de risas no que pasalo ben. Sobre todo a certa idade, deixan de ser habituais, baixa a competitividade e aumentan as pintas raras (a camiseta Kappa do Barça de fai unha pila de anos, a do Madrid de Teka, a do Celta Escurís, a do Super Dépor Feiraco, medias fucsias, verdes, Converse All Star…) polo que se fai o asunto máis interesante.
3. Visitar calquer monte cercano e experimentar as vistas é algo que tamén se pode facer sen sol. De feito, fai dous anos fun de viaxe a Carnota e á hora do amencer, saín da casa na que estábamos e subín a un pico moi preto do Monte Pindo. Cheguei moi alto, senteime nunha desas rocas de granito e comecei a ver como os primeiros raios do sol ían perdendo protagonismo pola presenza dunhas escuras nubes. Nese momento souben que ía vivir algo bo e decidín mellorar a sensación quitando a roupa. O ceo acabou rompendo, as sombras tragaron ás luces e comezou a orballar. Un tempo de merda… sí, pero unha das sensacións máis especiais que vivín na miña vida. Pola miña zona, Foz, teño San Roque ou A Frouxeira e por ahí adiante tedes A Curota, Fisterra, O Pindo, Santa Tecla…
4. Algo moi bo, ou polo menos para min, é adicar tempo a escoitar música tranquilamente, xa que non esquezades, que en verán acostuma haber présas nos tránsitos praia-chiringuito-bar-sardiñadas…. Sentarse ou tumbarse con calma e experimentar a escoita de música de calidade. Póñovos algúns exemplos… o "III" de The Budos Band, o homónimo de Tweak Bird, "Knee-deep In The North Sea" de Portico Quartet, "Last Of The Country Gentlemen" de Josh T. Pearson ou "Detroit Soul Ambassador" de Melvin Davis.
5. Non vos parece que con este tempo é un bo momento para realizar algún curso de formación? Ben sexa para mellorar o noso curriculum ou simplemente por ocio. Cursos guais? Específicos nas universidades públicas do país, por exemplo, e para aprender o novo arte do século, un curso de cociña, moi útil, divertido e construtivo. Outros interesantes poden ser de coidado ambiental, enerxías renovables ou novas tecnoloxías.
6. E precisamente cociñar é outra das opcións que vos propoño. Que non sabedes o que facer unha tarde espesa? Pois a facer bombóns de chocolate con almendras tostadas, un biscoito, un gazpacho, uns zumes de froitas variadas ou un xeado de ron e nata.
7. E por que non ver filmes? Só ou en compañía, deixar dúas horas, polo menos, para ver cine de calidade é un plan colloúdo. Imaxinádevos no sofá da casa vendo, por exemplo, "El Tercer Hombre", "Las Invasiones Bárbaras", "Two Lovers" ou "Balseros". Se sodes máis de series, recomendo "Little Britain" e, por suposto, se en lugar de elixir a casa como lugar para o visionado escolledes un cine… pois mellor que mellor.
8. Non vos flipa xogar ao Intelect? Sí… Intelect, a versión "branca" do Scrabble…. é xenial! Catro persoas e veña formar palabras. Podedes xogar na casa, nun local social, ao aire libre (se só hai nubes pero non chove nin fai tempo) ou nun bar-café (ideal para acompañar cun gin&tonic de tarde, que son os mellores).
9. Finalmente, non quero desaproveitar o momento de recomendar a lectura, cuestión moi importante na miña vida pero pouco na da maioría (ou eso din as encuestas). A quen lle guste ler, poderanlle servir as miñas recomendacións e a quen non, supoño que xa deixaría de ler este punto cando escribín "recomendar a lectura". Bos libros: "Poemas de la última noche de la tierra" de Bukowski, "Hilo Musical" de Miqui Otero, o cómic "Alec" de Eddie Campbell, "Pensar la arquitectura" de Peter Zumthor ou "Ultraviolencia" de Miguel Noguera.

Nada máis… espero que vos sirvan de algo… aínda que seguramente xa se vos ocurriran estas "opcións b"… non sei… é un intento de dar ánimo...

E se non vos valen, pois xa sabedes, agardar a que cambie a tendencia… e non esquezades que hai sitios nos que fai sol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario