lunes, 18 de julio de 2011

FACTOR PERSOAL

Cada día, polos diferentes pobos, vilas, aldeas e cidades de todo o planeta, andamos as diferentes persoas dun lado para o outro sen decatarnos (ou sí) de que hai unha serie de factores que nos diferencian e, polo tanto, nos unen. Estes factores poden ser físicos (que todo o mundo ve) ou psíquicos (que non todo o mundo ve). Podemos falar da cor de pelo, de ollos, do tamaño da cabeza, das tetas (do que falei a semana pasada), das mans, dos pés, da polla, da estaura, do seu peso corporal, da forma de vestir, da súa forma de expresarse, da súa intelixencia, da súa ideoloxía política, da súa bondade ou maldade, do seu éxito co sexo oposto e moitos aspectos máis. Neste sentido, hoxe, tocarei (ou tentareino, polo menos) outras cuestións que creo son importantes para identificar e clasificar individuos.

Comezo coa música. Hai dous tipos de persoas. Cando por calquer situación que se nos presenta na vida, caemos en estados de ánimo baixo, hai algúns que deciden escoitar música divertida que lles provoque unhas sensacións contrarias ás que teñen e outros que prefiren bañarse neses estados de baixón con música triste. Os primeiros, elixen bandas como The Drums, Vampire Weekend, Two Door Cinema Club, Jack Peñate, Cut Copy, The Temper Trap ou Local Natives que os excitan e reactivan durante o tempo que dura a reproducción dos álbumes ou un pouquiño máis. A pregunta é se a música positiva (digamos) pode provocar a superación dos problemas ou non. Os outros, decántanse por grupos como Antony & The Johnsons, Bon Iver, Josh T. Pearson, Ray LaMontagne, Grizzly Bear, Peter Broderick ou Damien Jurado para continuar nese estado, facerse conscientes, analizalo, sufrilo e sair finalmente.

Outra maneira é en función de como se come e máis concretamente da orde coa que se meten os alimentos. A uns gústalles comer antes aquelo co que máis van desfrutar mentres que outros prefiren deixalo para o final. Imaxinade un simple prato de ovos, chourizo e patacas fritidas. Eu como antes o chourizo, logo os ovos e finalmente as patacas. Adiviñades de que grupo son eu? Efectivamente, dos que deixan o bo para o final. O primeiro grupo fórmano persoas máis impulsivas, impacientes e o segundo, persoas con templanza e calculadoras. Eu sempre pensei que vendo a unha persoa comer, sabes como é na cama… e non me refiro a cantidades nin gustos, senón a métodos.

Tamén podemos clasificar tendo en conta o xeito de conducir un coche. Hai quen, en autovía, autopistas e vías rápidas, sinaliza os adiantamentos e continúa co indicador durante toda a maniobra e hai quen marca só os desprazamentos laterais abandoando os sinais lumínicos cando van en paralelo. Nesta categoría, hai incluso, quen non sinaliza nada en ningún momento.

No tocante aos hábitos de lectura informativa, temos os que len o MARCA e os que non. Os que sí o fan son fieis na súa rutina e cóstalles pasar un día sen recibir a súa dose de deporte amarelo. Estes poden dividirse á súa vez, entre os que compran o xornal e os que o len en bares e cafeterías. Os que non o len son os que prefiren coller outro xornal ou aos que lles chega coa grande cantidade de información deportiva que hai nos outros medios de comunicación.

Outra clasificación (para homes) pode ser en función de como tratamos o noso pelo corporal. Están os que deciden que a depilación é o mellor mostrando peito e pernas (sobre todo) no seu estado menos natural e os que elixen lucir o pelo que a súa xenética lles deu. Dentro destes últimos tamén se pode facer unha subdivisión entre os que deixan todo ao bravo, despreocupados pola lonxitude do pelo e os que recortan de vez en cando o asunto.

Aínda en relación co pelo e neste caso clasificando mulleres, temos varios tipos de féminas. Primeiro, as que optan por rasurarse a súa zona xenital por completo. Segundo, as que deixan unha especie de patilla. Terceiro, as que lucen o mítico "triángulo de la muerte" ben presentado. E finalmente, as que non lle teñen medo ás zarapalladas e deciden que o pelo está ahí por algo.

Seguimos. Os que usan pinquis e os que non. Supoño que todos e todas sabedes que os pinquis son esa especie de calcetín fino e baixo (que non se ve), xeralmente en cor carne, azul ou negro.

Despois de comer, neses momentos tan nosos presesta, prevolta ao traballo, presálvame deluxe ou presexo, hai quen se prepara un café e hai quen opta polo té, polas infusións.

En relación ao sexo, as historias persoais mostran que hai persoas que antes de irse "en branco" para a casa prefiren follar co conseguinte arrepentimento cobarde (porque se o fas, asúmeo) do día despois e quen asimila o que hai, compra un kebab e se vai comendo tranquilo para a casa.

Temos, por outra parte, os que cando se encontran nas mans con calquer tipo de papel, recibo, bolsa de plástico o tiran directamente ao chan sen preocuparlles o máis mínimo o medio ambiente e a limpeza do lugar, e os que teñen por hábito buscar un cubo de lixo e se non hai gárdano ata atopar un.

Xa para rematar, unha das clasificacións máis importantes para min é aquela que divide en función da xente que di a verdade e a que conta mentiras. Desgraciadamente hai máis do segundo tipo e enténdoo porque dicir a verdade non é doado nin cómodo, incluso moitas veces trae máis problemas.

Son estas algunhas formas de diferenciarnos ou parecernos pero hai moitas máis que nestes momentos non se me veñen á cabeza e que poden sair en conversacións de amigos ou de parella.

No hay comentarios:

Publicar un comentario