domingo, 25 de septiembre de 2011

R.E.M.



Creo que a maioria das persoas que me coñecen saben do meu gusto por R.E.M. (ou non), unha das primeiras bandas que escoitei voluntariamente e que me acompañou durante os anos que levo vividos, que xa son trinta, trinta bos e intensos anos que deron para xogar a fútbol, un breve escarceo co taekwondo, a baloncesto, facer atletismo, cross, aprender inglés en Anjo, ter un bo grupo de amigos e un par de noivas, experimentar coas rapazas, abrir a cabeza contra o marco da porta da miña habitación, un par de accidentes de scooter, romper un dente contra o fondo dunha piscina ás oito da mañán, viaxar, vivir en bastantes lugares, estudar educación física e psicopedagoxía, aprender a cociñar, entusiasmarme cos viños e a restauración, afondar no mundo blogger, desfrutar da familia, traballar de camareiro, de barman, dando cursos de relaxación, montando parques, facendo enquisas, de mestre e, en definitva, vivindo e convertíndome no tipo que son.

Ao longo de todas esas cousas, a banda de Athens (Georgia) estivo ao meu carón, desfrutando e soportando os diferentes estados de ánimo, momentos varios, fieles sempre mutuamente, disco tras disco, día tras día, o un co outro.
Michael Stipe, Peter Buck, Mike Mills e Bill Berry foron os fundadores do grupo pero tan só os tres primeiros continuarían ata o final. O delgado pelado, o rubio con cara de pampo e o das gafas de sol.

R.E.M., o seu nome, ven de "Rapid Eye Movement" (que curiosamente é algo que estudei na carreira) que é unha das fases do soño concretamente a quinta. O soño está composto por ciclos que se repiten. Cada ciclo, fórmase dunha Fase Non REM con catro subfases (dúas de sono lixeiro e dúas de sono profundo) e dunha fase REM, última de cada un dos ciclos e que enlaza co comezo do novo ciclo (subfase 1 da Fase Non REM). A que interesa é a REM, aquela na que a relaxación muscular é case total e unha actividade cerebral similar á de cando estamos despertos. Dise que xeralemente é nesta fase na que temos os soños. O significado non pode ser máis real porque escoitalos é como calquera deses soños.

Dos seus catorce álbumes de estudo, teño once orixinais que me pasean por toda a súa historia. Desde os fantásticos e auténticos anos de I.R.S. ata o Warner actual e non son capaz de quedarme con ningún, todos son un "todo" que forma parte de min. Supoño que eso é o que pasa cando queres tanto a un grupo. "Murmur" (1983) coas impresionantes "Radio Free Europe", "Talk About The Passion", "Perfect Circle" e "There She Goes Again". "Reckoning" (1984) con temas como "So Central Rain", "Pretty Persuasion" e "Time After Time". "Lifes Rich Pageant" (1986) e as marabillas "I Believe", "These Days" e "Dream (All I Have To Do)". "Dead Letter Office" (1987), con rarezas e caras b. "Document" (1987) onde están "The One I Love", "It's The End Of The World As We Know It (And I Feel Fine)" e "Finest Worksong". "Green" (1988), o de "Orange Crush", "Stand" ou "Pop Song". "Out Of Time" (1991), pode que o seu disco máis coñecido con clásicos como "Losing My Religion" e "Shiny Happy People". "Automatic For The People"(1992) e "Drive", "Everybody Hurts", "Man On The Moon" e "Nightswimming". O cambio de tercio co "Monster" (1994) de "What's The Frequency, Kenneth?" ou "Star 69". O pouco recoñecido "New Adventures In Hi-Fi" (1996) con "E-Bow The Letter", "Leave", "So Fast, So Numb" e "Electrolite". E "Reveal" (2001) con "The Lifting", "Imitation Of Life" e "All The Way To Reno (You're Gonna Be A Star)".

Agora, anuncian a súa retirada dos escenarios, déixanme só co resto de bandas que me gustan… vai ser como se me faltase un pedazo de corazón… pero sempre me quedarán eses discos… e ese DVD de "Perfect Square" desde Berlín cunha actuación en directo memorable e o documental "A Stirling Performance" co pobo de William Wallace de fondo. Como vos desfrutei R.E.M.! Canto vos vou botar de menos… "É o fin do mundo tal e como o coñeciamos…" e non me sinto ben.

Non estou preparado para o que se aveciña, o marketing máis agresivo lanzando recopilatorios e cousas conmemorativas… teño deles xusto o que quero…

Nestes tempos nos que todo vai tan rápido e a autenticidade está en perigo de estinción en favor dun postureo de "nova banda cool para os máis áxiles" que caduca á semana (ata a aparición do seguinte 'hype'), declárome fan de R.E.M., polos séculos dos séculos.

Gracias por todo señores!

2 comentarios:

  1. boas jalo,ainda que non comparto a tua paixon por R.E.M. si recoñezo a sua grandeza musical e atemporanea coa que nos deleitaron moitos anos,o que si recoñezo no teu artigo e ese gusto que a todo aquel a quen lle guste a musica ten por algun grupo,que o acompaña disco tras disco sen importarlle as criticas que outros faigan sobre el,"e o teu grupo e parece que fan cancions para ti".
    larga vida o rock and roll.

    ResponderEliminar