domingo, 9 de octubre de 2011

SOBRE O PASO DO TEMPO



ARRUGA: Pregue da pel ou doutra cousa flexible.
ARRUGAR: Formar arrugas. Encollerse. Envellecer.
ENVELLECER: Facer vella a unha persoa ou cousa; avellentar. Durar moito tempo.
AVELLENTAR: Facer avellar, envellecer prematuramente; tornarse vello, ir cara a vello antes de tempo.
VELLO: Que ten moita idade. Antigo, de época ou tempo pasado. Gastado, consumido polo tempo e o uso. Persoa de moita idade.
BELEZA: Conxunto de gracias ou cualidades que, manifestándose sensiblemente, provocan un sentimento de pracer, admiración ou de gusto. Algo que é belo.

Con estas seis definicións do meu antigo Xerais do ano 1988 (xa choveu!) quero achegarvos un tema que me gusta… o da vellez. Fáigoo, primeiro, co termo "ARRUGA", e non "engurra" (algo tan feo como chamarse "Inverno" ou "Winter"), algo que me parece precioso, como xa dicía Adolfo Domínguez, "La arruga es bella"… e así é. Non hai nada máis fermoso que unha arruga no rostro das persoas, eses pregues que nos identifican e que deixan ver o paso dos anos, que nos enchen de experiencias e que nos permiten sentir libres e vividos ao mesmo tempo.
Nunha ocasión que estaba só en Malpica, tomando unhas racións e unha cervexa fresca nun bar do porto, observei pola cristaleira durante media hora a uns vellos que falaban entre eles. Dous fumaban, tres non. Falando das mesmas cousas de sempre, miraban ao porto, ao infinito (seguramente pouco lles queda por ver) cuns ollos cheos de vida, signos de valor persoal, elementos da linguaxe, miradas históricas sen contaminar. A s súas arrugas da cara e mans demostraban o que tiñan vivido, daban fé de quenes eran. E precisamente eso creo que é unha das manifestacións máis claras de BELEZA… e non o é querer agochar o paso dos días, das semanas, dos meses, dos anos.
Hai diferentes maneiras de ENVELLECER. Unha é de xeito natural, deixando que o tempo flúa e se note, outra negándose a admitir ese paso ao estado seguinte. Non falo de formas de vestir, falar ou actuar (que tamén podería), senón do propio corpo, do físico, de asumir realidades. Prefiro mil veces antes calquera persoa da rúa (penso en miña nai e meu pai… aínda que seguramente poderían ser calquera dos vosos) que unha Preysler, unha Obregón, un Mickey Rourke ou un Arturo Fernández. Deixamos de ser quenes somos por levar unha careta? Non sabemos quenes somos? Porque mudar o rostro cando o que necesitamos é mudar o cerebro?
Envellecer non é sinónimo de AVELLENTAR e por eso temos que coidarnos na medida do posible para que cheguemos a VELLOS no momento que teñamos que facelo e non antes de tempo. A idade é como as catro estacións do ano… non por símiles en relación coas características dunhas e as etapas da outra, non, máis ben no sentido de que cada unha delas ten que ser como é… polo menos, eso é o que eu creo. Polo tanto, non teñan medo ao que non hai que telo… e déixense ARRUGAR!

Na liña que eu vexo a vellez, vena tamén máis persoas e, como sabedes (ou non) que me gusta o número 4, poño catro exemplos.
Primeiro preséntovos o que di un grande da literatura universal, GABRIEL GARCÍA MÁRQUEZ, "O segredo dunha boa vellez non é outra cousa que un pacto honrado coa soedade", con esa soedade non cun matiz de tristeza, senón como un exercicio de honestidade ante a vida, de saber quen é un mesmo… porque é nesa soedade cando estamos con nós mesmos, cando non temos que finxir, cando somos o que somos.
INGMAR BERGMAN, mestre do sétimo arte, considera que "Envellecer é como escalar unha gran montaña: mentres se sube, as forzas disminúen, pero a mirada é máis libre, a vista máis ampla e serena", e deixa claro que todo ten os seus 'pros' e os seus 'contras', todo depende dos ollos que ven.
A paz é algo que todos buscamos ao longo das nosas vidas pero segundo o que afirma ANATOLE FRANCE, novelista e Premio Novel francés, "A vellez conduce a unha tranquilidade indiferente que asegura a paz interior e exterior", é dicir, quita responsabilidades, proporciona o descanso, elimina o estrés e en definitiva, deixa que nos retiremos para vivir nun mundo do que se pode 'pasar'. (Eso sí, non esquezamos aquí que os maiores non son pais e nais dos seus netos, non son 'au pairs'… están ahí para desfrutalos e non para sufrilos… sexamos responsables, lóxicos, autónomos e xustos.
E outro xenio, neste caso da pintura, SALVADOR DALÍ, pensa que "Moitas persoas non cumpren os oitenta porque intentan durante demasiado tempo quedarse nos corenta", reflexión en relación con esa non asunción do paso do tempo que deriva en operacións estéticas que nos deixan cun par de colchonetas pintadas con Tintalux en lugar de beizos e con parches de tambor na cara e con ollos que comezan nas orellas.

Pola contra, tamén hai quen cre de forma diferente, menos vitalista, como é o caso de PLATÓN, "Teme á vellez, pois nunca ven soa". Unha visión que, a veces pode ser certa, pero que reflexa unha interpretación parcial, xa que nos tempos que vivimos, o mal ven dado en calquer etapa… e mirade unha cousa… se ven na vellez, podemos pensar que polo menos ven cando ten que vir… non hai máis… trátase de pensar.
ALBERTO MORAVIA, escritor italiano, di que "A vellez é unha enfermidade como calquera outra na cal ao final, un morre irremisiblemente". Que morremos está claro, a dose de realismo agradécese pero o de "enfermidade" é unha visión pesimista e que el debería evitar porque no seu caso, a enfermidade veulle moito antes, no período infantil, e fixo que tivera que estar recluido sen sair. Esto relátao nno seu libro "Agostino" (1944).
Outro excelente escritor, ENRIQUE JARDIEL PONCELA (que agora volve estar presente gracias á editorial Blackie Books), ponse reflexivo dicindo que "A vellez é un exceso que aumenta por días". "Exceso" pode significar 'sairse dos límites establecidos' ou 'abuso' e en ambos casos creo que non está lúcido. En primeiro lugar, el non a viviu, morreu con cincuenta anos, arruinado e deixado de lado polos amigos. En segundo lugar, penso que os excesos ao que levan é a morte antes de chegar á vellez (e non digo con esto que fose o seu caso). Discrepo totalmente entón, con aquel que no seu epitafio puxo "Se queredes os maiores eloxios, morrede!"… eu paso de eloxios.
Despídome cunha das máis xeniais mentes, OSCAR WILDE, e cunha frase súa (con moita miga) á que eu lle dou a volta (que por outra parte é o que el faría). Afirma "A traxedia da vellez non é que un sexa vello, senón que un é xove". Para min, "O BO DA VELLEZ É QUE UN, SENDO VELLO, PODE VOLVER A SER XOVE".

No hay comentarios:

Publicar un comentario