domingo, 18 de diciembre de 2011

A MIÑA CARTA (SEN PAMPLINAS) AOS REIS


Queridos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar:

Este ano porteime bastante ben… ainda que sempre se pode portar un mellor. Esforceime no traballo, continuei estudando portugués, reactivei parte da economía comprando bastantes cousas, tratei ben á familia, noiva e amigos, fun solidario con quen puiden selo e desfrutei coas pequenas cousas (e coas grandes tamén).

Agora vou centrarme xa nos regalos que quero para este ano. Non vos pido nada de amor para os seres humanos, nin nada sobre o fin da fame, nin a mellora de África coas enfermidades, nin para evitar a pobreza, nin máis traballo para os que non o teñen, nin saúde pública, nin sorte nos novos proxectos, nin a eliminación do racismo, do clasismo e de todos eses "-ismos" feos e malos, nin acabar co quecemento global e a contaminación, nin o coidado e salvamento das especies animais e vexetais, nin os éxitos para o Barça este ano, nin sorrisos para ninguén, nin felicidade sequera… este ano, todo o que quero é material.

Ahí vai a miña lista:

- Estiven en Oporto fai pouco e vin unha parka Fred Perry nunha tenda do Centro Comercial da Bombarda. Habíaa en tres cores: azul barco, verde e granate. Váleme en calquera dos tres (en ASOS haina en granate… por se vos é máis doado pedila).

- Gustaríanme tamén tres ou catro bastidores con lenzo para pintar… dos bos eh! Non me veñades con trangalladas desas que se lles ven as grampas.

- Se pasades por algunha FNAC, collédeme pelis ("Mil años de oración" de Wayne Wang, "Ríos y mareas" de Thomas Riedelsheimer, "Fantástico Sr. Fox" de Wes Anderson, "London River" de Rachid Bouchareb e "Miel" de Semih Kaplanoglu), discos ("Chorando apréndese" de Emilio José, "Maintenant" de Gigi, "A new exciting experience" de Free Pop Electronic Concept e "Gemini" de Wild Nothing), libros ("Historias de Nueva York" de Enric González, "El rey pálido" de David Foster Wallace e "Libertad" de Jonathan Franzen) e cómics ("Historias del barrio" de Gabi Beltrán e Bartolomé Seguí e "Crónicas de Jerusalén" de Guy Delisle).

- Quero tamén unhas cantas botellas de viño: Rioja Torre Muga Reserva do 1995, Chablis La Sereine 2008, Chateau Smith Haut Lafitte, Paco & Lola 2010, o Eco-Wine Marechal Foch Organic de Amity Vineyard do 2008, Pinot Noir Reserva 2009 Terra Noble e o champagne Bollinger Special Cuvee.

- Por suposto, tres ou catro foies frescos envasados ao vacío das Landas (Francia).

- Non estaría mal que lembrásedes o que me gustan as Tom Ford de sol, concretamente os modelos Gabriel ou Alphonse (marrón ou negro, tanto ten).

- Encantaríame un Scalestric, o C4 GT por exemplo.

- Teño moitas ganas dun equipo hi-fi. Descríbovolo para que saibades cal quero. É unha Yamaha MCR-840SN con DVD e iPod Dock gris plataeada. Para completar o asunto, que vos parece un xiradiscos? Ben? Pois o Project Debut III en vermello.

- Tampouco estaría mal un sobre branco con 2000 euros para unha viaxe que quero facer a Londres con miña nai. Esa cantidade creo que sería suficiente.

- Sería xenial que os Rolling Stones tocaran na Rapadoira de balde con toda a praia chea de bolas de goma de cores.

- Tanme entrando as ganas dun tambor africano de percusión… non son moi caros e hainos chulísimos… Baltasar, xa ti sabes...

- Ah! Esquecíame! Hai dous reloxos que me gustan. Un é o Longines Heritage Collection con caixa en ouro de 18 quilates sen mini esferas. O outro, un que vin nunha reloxería da Vía Santa Catarina de Oporto, é restaurado, tipo os reloxos de avó (como eu lles chamo), sinxelo, correa marrón e caixa tamén de ouro. O comerciante, a primeira vez que fun deixábamo por 950 euros e a segunda por 1100 (pode que na suba tivera algo que ver que para probalo deixei o meu Omega Dynamic do 70 no mostrador) e, a verdade, é que calquera dos dous prezos sería xusto, é unha peza de grande valor. Ambos son automáticos, nun só hai que pagar e no outro, tamén negociar (pero bueno… Baltasar sabe deso, non?).

Ben… e creo que nada máis señores… non pido nada que non mereza e que non desexe.

Pode parecervos algo mal que todo sexa material pero entendédeme, estou mirando por vós. Que queredes? Que vos pida o ben e toda esa parida? Meteríavos nun follón de carallo. Convertiríavos en políticos e creo que xa temos bastantes. Ademáis, se nos poñemos tontos, a min tamén me pode parecer mal o feito de vervos en mil sitios, en mil cabalgatas ao mesmo tempo. Ou o caramelazo que me deu unha vez Melchor nun ollo de pequeno. Ou a discrimanción positiva da que desfruta Baltasar desde fai xa moitos anos. Ou que lle roubedes todo o protagonismo ao bo de Papá Noel… co frío que pasa o pobre! Ou que bebades vós os chupitos de herbas que lles deixamos aos camelos. Ou que cheguedes tan tarde que case non dé tempo a xogar cos regalos. Ou que só traballedes un día en todo o ano (coa que está caendo). Ou que todos os Nadais lles teña que explicar a centos de nenos e nenas que existides de verdade. Ou que sigades sendo os únicos monarcas ben vistos. Ou que desde os balcóns dos concellos prometades piscinas e pavillóns que nunca chegan. Ou que a Baltasar se lle vaia a cor da pel cando chove. Ou que poidades ir traballar con esas pintas. Ou que vos poidades tirar a todas esas paxes sen que ninguén sospeite. Ou que nunca me trouxerades o puto Blandi-Blub. Son moitas tonterías, ou sexa que non me jodades!

Nada máis. Agardo con impaciencia a que chegue todo e só me queda desexarvos a vós, tamén, unhas felices festas que chegan e que todo vaia ben.

Un chuchiño meus reis!

JALO.



P.D.: O ouro, o incienso e a mirra deixádellos aos de Burela antes, vale? (Xa vos dixen que non quería trangalladas… e de "realidade", "divinidade" e "amargura" está o mundo cheo!).

No hay comentarios:

Publicar un comentario