domingo, 17 de junio de 2012

FOTOGRAFÍAS


Encántanme as fotografías, sobre todo as antigas, aquelas en branco e negro ou en sepia… e fundamentalmente en formato impreso, tendo en conta que o revelado era parte da fotografía. Que maxia tiñan as imaxes de antes! Tamén recoñezo que acompañaba a estética dos anos pasados, esa elegancia do traxe de pobre, as roupas das outras décadas, os peiteados, mesmo as persoas. Xa non somos o que eran. Ter unha foto nas mans é unha sensación de nostalxia impagable e, como todo, esa sensación vai desparecendo co paso dos anos e cos avances tecnolóxicos… polo menos para esa é a miña opinión. A maioría dos meus fotógrafos e das miñas fotógrafas preferidas están xa mortos ou a piques de facelo e eso reflexa o meu gusto polo pretérito. Antes, estaba o factor sorpresa de se unha foto tirada sairía ben ou non, había que elixir ben o instante que se capturaba no aparato, digamos que o acto en si mesmo estaba máis pensado (ou non… non o sei). Agora, en cambio, sácanse multitude de fotos que quedan esquecidas no ordenador de cada un e que se visitan moi de cando en vez. Como digo, mellor antes.

Independentemente de gustos, a miña relación coas fotografías sempre foi complexa. Teño un problema que supoño non será meu en exclusiva, imaxino que lle pasará a máis xente pero eu só poido falar por min. Gústame máis sacalas que aparecer nelas e, ademáis, odio posar para un foto, prefiro a improvisación, o carácter imprevisible, que me collan sen atender, considero que é mellor, que as fotos son mellores. Neste sentido, eu son o típico idiota que fastidia as fotos. Son ese que, de pequeno, nas imaxes de comuñón, lle poñía cornos aos do lado. Canto levo desfrutado buscando o momento preciso para levantar a man polas costas do compañeiro cos dous dedos subidos ata chegar á cabeza. O máximo xa era facer cornos dobres, a dúas mans… e ese sorriso de 'Conseguino! Que fillodeputa son!" Son, tamén, ese que nas fotos de equipo deportivo lle estiraba a camiseta desde atrás ao do lado para que parecese un 'bakala'. Son o que no mesmo contexto anterior lle metía o dedo polo cú ao compañeiro tentando que saíse dando un pequeno salto ou con cara ácida. Son o que chamaba ao que estaba ao meu pé xusto antes de que o fotógrafo disparase. Son o que metía o cubata na cara do outro nas fotos nocturnas en grupo. Son o que lle apretaba o brazo a un para que saise dando mostras de dor contido. Son o que, nas fotos de grande grupo me situaba por detrás e en lugar de poñerme de puntas para aparentar ser máis alto, encollía as pernas e deixaba o tronco recto parecendo esaxeradamente baixo. Son o que miraba para un punto perdido mentres todos facían o correcto. Son o que convencía aos do lado para facer o mesmo. Son o que pon os ollos virollos actualmente. Son o que fai o xesto surfer coas mans no ano 2010. Son o que lle coloco cáscaras de pipas no pelo ao que está abaixo. Son o que fai todo eso, recoñézoo, son o capullo. 

Cando me poño eu a retratar, a veces tamén me gusta facer das miñas, como por exemplo, quitar só as cabezas… ou todo menos as cabezas. Esto encántame cando sucede o típico de 'Nos quitas una foto?', eu contesto 'claro, claro' e logo o recordo que levan é unha merda das guapas. Ou o que fai que lle dá ao botón sen darlle. Ou o que lle dá ao zoom para sacar soamente o fuciño dun deles… ou as tetas dunha delas. Son o cabrón, sí!

O que non son é o que fai fotos cando non hai que facelas, é dicir, non son eu o que recollerá eses instantes de vómitos etílicos, de xente en pelotas, de persoas durmindo con caras de imbéciles, de amigos con noiva entrándolle a outras tías, de pallasadas que se fan nas borracheiras ou de calquer porcallada. Eses son outros.

Canto tempo levo xa fodendo fotografías… ou será mellorándoas? Eso xa vai nos gustos de cada persoa. Vós diredes...

No hay comentarios:

Publicar un comentario