domingo, 15 de julio de 2012

BLOODY DAYS...


Do primeiro que quero falar, pode que sexa o máis importante, é da baixa calidade dos políticos actuais. Onde quedan os tempos nos que non facían falta discursos escritos en papel? Onde quedan as palabras sen guionizar? Onde queda a capacidade dialéctica? Onde quedan as ideas propias? Que foi da maxia da improvisación? Do poder do corazón? Que foi dos políticos que movían masas? Dos que eran cribles? Pois todo isto é historia. Vivimos, agora, nunha época de capitalismo salvaxe, mentiras, textos escritos desde rúas madrileñas, poderes extraños, corruptelas laberínticas, 'enchufismo' ridículo, baixeza moral, pobreza intelectual e, o máis triste, indiferenza popular. Eu diría "Máis facer política e menos vivir dela".

Moi ben se debe estar no sofá da casa, co mando da tele na man, saltando dunha canle a outra e engordando a ignorancia e o desprezo. 

Parece ser que a indignación non esta xustificada hoxe en día. Para moitos unha persoa que demostra a súa disconformidade con determinadas políticas, é como un pesado, é como alguén que non para de queixarse e que rapidamente se lle pon unha etiqueta para pouco menos que ser ridiculizado en público. Esa é a estratexia do cómodo, do que non a rasca, do que non ten conciencia de nada, do que ten como única preocupación o seu campo de un metro á redonda. Pero que mal deberían durmir polas noites os palmeiros (se tiveran conciencia)! Os palmeiros son os mesmos que se rían dos que limpábamos as costas galegas nos tempos da catástrofe do Prestige. Son os mesmos que enterran aos sindicatos e acuden a eles cando os botan dos seus traballos. Son os mesmos que polo interese persoal fan o que sexa. Son os mesmos que chaman folgazáns aos que acudimos ás greves. Son os mesmos que os seus hábitos de lectura non van máis alá do MARCA. Son os críticos da crítica, 

Entendo, por simple lóxica, ás persoas que se mollan, a favor ou en contra, dacordo ou en desacordo… e incluso ás persoas que se plantexan as cousas e non o teñen totalmente claro… pero esa indiferenza canalla, medosa, soberbia e inculta é noxenta. 

Eu estou nas antípodas políticas do actual goberno español e en contra de moitas medidas adoptadas polo goberno anterior pero tamén é certo que para que a miña postura exista, ten que existir tamén a contraria, a deles. Son basicamente, unha persoa de esquerdas, que non é máis que unha persoa que quere que as cotas de igualdade no mundo sexan as maiores e ese obxectivo ten varios camiños, non só un e, claro está, non é o actual, que favorece o aumento da distancia entre unhas persoas e outras creando clases de humanos, divisións xerárquicas en función do diñeiro.

E precisamente isto é o que se pretende con toda esta batería de recortes dos dereitos dos cidadáns, acabar cos avances da igualdade (atención ás dependencias, equiparación de salarios, matrimonio gay, axudas sociais, becas…) e avanzar na diferenza… porque iso é o que quere a dereita, que sigan existindo as clases sociais, ricos e pobres, señores e servos. Agora, o que queira seguir enganándose, é libre de facelo.


Moi triste ver como os congresistas do PP aplaudían as reformas desta semana, de pé, nos seus escaños, coa súa raia ao lado, como se Mariano Rajoy lle acabase de meter un gol ao equipo rival… e tal cal a comparación. Que dicir da diputada Fabra berrando "Que se jodan!" referíndose aos recortes aos parados? Indignante!

Xa sei que nós, o resto do país, somos xente que minte, xente indigna, rebeldes, a plebe, pero non sabía que os dirixentes do PP tamén mintían… ao final son coma nós… porque ata o de agora mentiron en todo, non?

E eu que pensaba que nesta altura estes artistas xa terían todo solucionado… co listos que son… co guapos que son… e aquí estamos co cú máis chantado na merda.

Para rematar, dúas comparacións. 

A primeira, evidente pero non por eso menos significativa. Non me gusta ir en contra da felicidade dos españois, nin moito menos, pero resulta canto menos vergoñento ver como miles de persoas (e moitos miles) saen á rúa moitas horas baixo temperaturas de trinta e pico graos para recibir a vinte tíos que gañan moitos millóns de euros por xogar a un deporte que debe moito á facenda pública e ao mesmo tempo, á xente non lle interesa sair á rúa para defender as súas conquistas históricas en todos os eidos da vida. 

A segunda, a nivel de medios de comunicación. O pasado martes, percibín a diferenza antonímica das liñas informativas da TVE e do TDT Party. Nomeado o pouco experimentado pero ben adoctrinado novo diretor xeral da canle pública (Julio Somoano) en detrimento do grande Fran Llorente, a 1 preparou dous excelentes especiais para a noite e como despedida: un sobre a loita mineira (despois da ruptura estatal dun acordo europeo) e outro sobre o poder do pobo representado nos veciños de Belvitge que conseguiron coa súa forza o que se propuxeron. Á mesma hora, na canle do toro cagando (porque caga sobre nós, non?) e na de Veo, poñían os seus programas nocturnos de "tertulia y vino", onde non paraban de falar mal dos funcionarios (ese amplo colectivo onde caben profesores, médicos, administrativos, policías, persoal de limpeza, transporte…), criminalizándoos a eles e a todos os sectores aos que afectan as novas medidas, é dicir, achaiaban o terreo a Marianico e compaña.

Calquera sabe que para facer bo zume necesítanse froitas boas… ben, pois neste país o que se está facendo é zume de pobre, exprímese ao que non ten recursos ata deixalo nos ósos mentres os grandes gozan dos excesos. 

Canto imbécil hai solto que se cre lúcido...

No hay comentarios:

Publicar un comentario