domingo, 21 de abril de 2013

"MENOS MAL QUE NOS QUEDA PORTUGAL"


A última vez que estivera en Porto fora o Outubro pasado e regresei esta pasada fin de semana. Aínda que poida parecer unha esaxeración, nestes seis meses transcurridos, notei unha notable diferenza en canto á situación da cidade e, moito me temo, que en canto á totalidade do país tamén.

"Menos mal que nos queda Portugal" foi o terceiro álbume de estudo de Siniestro Total. Foi, igualmente, unha frase que se fixo extensible ao refraneiro popular e que significaba "nonseique" en "nonseiquesentido". Ademais, foron as palabras que me dixo Pedro Branco, dependente da interesante tenda de discos Porto Calling cando fixen referencia ao meu orixe galego e ao noso pasado común. A realidade é que non, que Portugal xa non está… ou mellor dito, está sen estar.

Quero facer varias reflexións sobre certas ideas (ou pensamentos) que tiven e que compartín nesta viaxe a Porto, unha cidade que me encanta, cosmopolita, moderna e clásica a un tempo, unha cidade de contrastes, un paraíso gastronómico, artístico e cultural, un lugar onde as súas xentes actúan de anfitrións sen igual, actúan como irmáns cos que tes moitas cousas en común. 

Comezo. Cando ía no coche para abaixo, a poucos quilómetros da entrada na pequena urbe, un letreiro luminoso indicaba que moderáramos a velocidade xa que había un animal na estrada. "Carallo! Passos Coelho!" - pensei. Avanzamos e non atopamos nada. Imaxino que sería un desexo máis que unha realidade, un soño, unha ilusión.

Xa asentados na White Box House, cando puxen o pé fóra en Via Santa Catarina, semellaba que todo seguía igual… pero non, ao avanzar as horas e os días percibín que todo cambiara. Na rúa, moita máis pobreza (e non é que antes non houbera…) que antes, máis persoas durmindo tirada no chan, máis persoas pedindo diñeiro e comida, máis persoas drogadas camiñando sen rumbo, máis desigualdade. Continúan a verse cochazos aparcados onde cadra, xente de aparente situación acomodada e incluso de clase alta, mais ao seu carón, xurde a miseria máis extrema. Circunstancia bastante triste que ten moito que ver coa inaplacable política de recortes sociais e económicos das clases máis desfavorecidos (ese concepto de zume de pobre…).

Outra cuestión a ter en conta, un tanto molesta nas condicións que se nos presentaron, foi que tivemos que pagar en metálico no noventa por cento dos lugares que consumimos. Soamente un restaurante, a guest house e a tenda Porto Calling nos permitiron efectuar o pago con tarxeta. Con respecto a isto, quero deixar claro que me parece correcto que se intente facer boicot ás entidades bancarias, pero gustaríame que se fose claro e que o fixesen público, canto menos no boca a boca. En lugar disto, escusas tontas como que non vai a liña por falta de cobertura, que non teñen aparatiño, que non atenden neste sistema cantidades inferiores a trinta euros ou directamente un silencio demasiado incómodo.

Dá pena ver unha praza como a dos Aliados con tantos edificios en ruinas, caendo, cos cristais rotos e convertindo un aspecto decadente que podía ter certo encanto en signos visibles dun país afundido na merda.

España está mal, considerablemente mal (e baixando), polo que imaxino que o noso futuro próximo andará preto do Portugal do ano pasado.Compartimos unha situación que obriga a milleiros de xoves a emigrar a outros países na procura dunha situación laboral, o que trae consigo un envellecemento evidente da poboación e unha fuga de capital intelectual tan ridícula como inxusta.

Hai que ter claro que os países e as súas cidades non están ahí para os que veñen de fóra, para os visitantes, para o turismo, senón que deben estar para os que as habitan, para os que contribúen cos seus impostos a melloralas. Quero calidade de vida para os habitantes. Trátase de, non só aumentar a esperanza de vida, senón de mellorar a clidade desa vida, dure o que dure. Con estas políticas restrictivas dos iluminados pola troika o que se conseguirá é matar aos pobos, ás xentes, derrubar un sector social base da pirámide humana. 

Estase a xogar a un perigoso xogo onde unha parte da poboación é despreciada e maltratada constantemente polos principais poderes… e isto pode desembocar nunha situación de rebelión incontrolable que leva parella poucos caraveis e moita violencia. Como se supón que teñen que responder os que se sinten agredidos todos os días? Con boas formas? Veña home! Os que reciben hostias sen parar terán que defenderse coas súas armas… e estas non están nos cauces institucionais, cada vez, máis pendentes dos intereses dos que mandan.

Portugal está mal, Portugal está moi mal! E iso non me gusta amigos. Algo pouco agradable está á volta da esquina...



No hay comentarios:

Publicar un comentario