domingo, 14 de julio de 2013

O CURIOSO CASO DE PHINEAS GAGE



Se esta historia vos gusta soamente a metade do que me gustou a min ficarei satisfeito. 

Falo do curioso e interesante caso de Phineas Gage, un obreiro estadounidense de ferrocarrís que o 13 de setembro de 1848 sufriu un grave accidente. Era ás aforas de Cavendish (Vermont, EEUU), cando este xove capataz tiña vintecinco anos e traballaba na construción dunha nova liña de comunicación. A súa tarefa consistía en colocar cargas de explosivos nos buratos feitos nas rochas. Ben, pois mentres facía o seu labor esa tarde, esqueceu botar area neses ocos (logo de encher con pólvora) e presionou cunha pesada barra de ferro de metro e medio de lonxitude. Produciuse unha chispa e houbo unha explosión que propulsou a barra hacia a cabeza de Gage. E neste momento comeza a historia.

Os seus compañeiros escoitárono todo e achegáronse ao lugar. Phineas estaba tirado no chan, cun furado no cranio que ía desde a súa meixela esquerda ata a parte superior dereita da cabeza. A peza metálica, foi atopada a 25 metros do núcleo da acción despois de atravesar a cortiza cerebral.

Pensaredes agora que o noso protagonista morreu… pois non! 

Non só sobreviviu, senón que aos poucos minutos estaba falando e camiñando hacia a carreta que posteriormente o transportaría á consulta do médico local, o Doutor Harlow (que se convertiu na persoa que recolleu moitos dos datos que se poden contar). 

As consecuencias do accidente non se fixeron agardar. Houbo unha forte e profunda hemorraxia, houbo febre e houbo delirios durante bastantes días. Pasado un mes, apareceron os primeiros cambios de conducta. Phineas era moi apreciado na vila pola súa amabilidade e bondade cos veciños pero volveuse caprichoso e pueril. Outro mes máis tarde, xa dado de alta, Gage saiu facer as compras e mostrou unha despreocupación co diñeiro que antes non tiña, xa que era un home aforrador e responsable no consumo.

"Ten frecuentes accesos de irritabilidade, é irreverente e manifesta pouca consideración coas persoas que o rodean. En ocasións profire toda sorte de obscenidades, é impaciente e obstinado, caprichoso mais vacilante, organiza múltiples plans para o futuro pero apenas remata de armar un abandóao para embarcarse noutra alternativa que lle parece máis factible. Un neno na súa capacidade intelectual e nas manifestacións da súa conducta pero coas pasións animais dun home forte". Isto era o que declaraba Harlow no seu diario acerca do síndrome prefrontal.

Como é obvio, os seus familiares e amigos apreciaron que Phineas Gage xa non era a mesma persoa. 

Pasado o tempo, o noso protagonista recuperou o seu emprego no ferrocarril, aínda que, como era de esperar, non tardou en deixalo. Tamén deixou á súa muller e din que, incluso, chegou a matar a catro persoas como froito do seu novo caracter. Comezou así unha corta e rápida peregrinaxe dun traballo a outro que culminou coa súa entrada no Circo Barnum (como mera atracción de exposición) e unha xira ao longo e ancho dos Estados Unidos. 

Entre 1852 e 1960 andivo por Valparaíso e Santiago de Chile como conductor de carruaxes ata que retornou ao seu país en 1861, onde empezou a ter unha serie de episodios de saúde desagradables que desembocarían na súa morte (froito dun ataque de epilepsia) en San Francisco ese mesmo ano (doce anos e medio despois do desgraciado contratempo).

Para os curiosos, dicir, que tanto a barra de ferro que lle trastornou a vida como o seu cranio poden atoparse no museo de medicina da universidade de Harvard.   

Evidentemente, para a neurociencia, este foi o caso que supuxo o inicio do estudo da base neurobiolóxica do comportamento, así como unha das primeiras evidencias científicas que suxerían que unha lesión no lóbulo frontal do cerebro podía alterar aspectos da personalidade, da emoción e da interacción social do individuo. 

Por outra parte, paréceme unha intensa, interesante e dramática historia que podería ser levada ao cine por un equipo comprometido coa historia. Penso nun director: Jeff Nichols (coñecido por grandes filmes como "Shotgun Stories" ou "Take Shelter"). Penso no actor protagonista: Daniel Day-Lewis. E penso no actor que interpretará ao doutor: Geoffrey Rush.

No hay comentarios:

Publicar un comentario