domingo, 11 de agosto de 2013

O PRESENTE NON EXISTE



Se o PASADO é o tempo que xa sucedeu e que, nunha liña cronolóxica, xa quedou atrás, e o FUTURO é aquelo que está por vir, aquelo que aínda non aconteceu… que diaños é o PRESENTE? Existe acaso?

Analicemos o pasado. 
Hai quen cre que "todo pasado foi mellor". É unha visión claramente pesimista (aínda que pode que tamén a máis realista visto hacia onde camiñamos co capitalismo como bandeira). Por outra parte, están os que pensan que o pasado "debe lembrarse para rescatar o positivo e non caer nos mesmos erros". Segundo isto, o pasado sería a base sobre a que se constrúe o presente e se planifica o futuro, nunha interpretación moito máis constructiva, dinámica, pero postiva de mais tendo en conta iso de que tropezamos cincocentas veces na mesma pedra, de que a natureza do ser humano deixa bastante que desexar (na liña de Maquiavelo ou Hobbes) ou de que o todo, a sociedade, nos moldean en función dos seus intereses (véxase Sartre ou Durkheim). Unha terceira postura fai referencia a que o pasado só existe na mente das persoas, polo que o único definitvamente real é o presente.
Para rematar, a física di que o pasado dun acontecemento "X" está formado pola totalidade dos puntos da dimensión espazo-temporal que poden ter influencia no que sucede en "X".

Imos agora co futuro.
Falamos dunha hipótese, dunha conxectura que pode ser calculada, especulada, teorizada ou anticipada dacordo aos datos dos que dispoñemos nun momento determinado (aínda que nunca se pode pronosticar con exactitude). Onde podemos ver isto? Na meteoroloxía (cos seus indicios, que Pemán se encargaba de obviar co seu 'ovo fritido' de "nubes e claros con posibilidade de chuvias"), na astroloxía, na ciencia (cos métodos probabilísticos), nas relixións (cos profetas anunciando sucesos), na economía (jajajajajajaja…), no cine ("Back To The Future", "Blade Runner", "Metrópolis", "Star Wars", "Wall.E", "Matrix", "Solaris" ou "Gattaca") e no mundo da moda (lembrades ao desfasado de Paco Rabanne?).

Chegamos, entón, ao presente, o punto que quería. De que estamos a falar cando nos referimos ao presente? Que quere dicir a chorrada esa que moita xente se tatúa de "Carpe Diem"? Xa sei que literalmente é "atrapa o día" e que actualmente se usa no sentido de "goza do momento", mais que significa en realidade?
Canto dura o presente? Un día? Medio? Unha hora? Un minuto? Un segundo? Menos aínda? Por exemplo, no preciso momento no que abrimos os ollos despois de pechalos (é dicir, o movemento producido polas pálpebras) estamos nun presente cun pasado case imperceptible de pechado. Sí, verdade? Outro exemplo, final igualado de partido de baloncesto, Michael Jordan amaga con penetrar a canasta, párase e fai o movemento que indica un lanzamento lonxano. Esta postura de tiro é o presente, o pasado fórmao o engano ao defensa rival e o futuro… pois o futuro está claro neste caso… victoria dos Bulls!
A gramática lávase as mans e non se mete en polémicas. Fala do presente en varios termos. O actual (no mesmo momento, "hoy escribió"), o habitual (indica sucesividade, "os domingos como fóra"), o atemporal (que expresa sentencia), o histórico (accións que xa sucederon, "Nietzsche morre en…"), o que ten valor de futuro (plans) e o imperativo (ordes). Toma logo! Aquí temos de todo, pasado, presente e futuro.

Pero… en serio, que é o presente? Moitos filósofos indican que é a única variable das tres que existe. Eu penso que é a única que non… ou se me apurades, existe algunha?

Probade a sentir o presente! Veña! A ver… agora! Bueno, xa non. Agora! Un momento… xa pasou! Outra vez. Aaaaaagora! Non, xa non. Agora! Escapou de novo. Imposible collelo, é rapidísimo, imperceptible!

En fin, déixovos que AMENCEU un boísimo día de sol e TEÑO ganas de tomar unha cervexa nunha terraza… non se FASTIDIARÁ o día ou?


No hay comentarios:

Publicar un comentario