domingo, 4 de agosto de 2013

ESPÉRAME EN EL CIELO



Xosé, coa barba gris revolta e o cabelo recén cortado, miraba pola fiestra como pasaban os coches dos mozos xoves a toda velocidade. As persoas camiñaban pendentes dos seus teléfonos móbiles de últimísima xeración, con maletíns e mochilas. Xosé tiña un rostro neutro. Nin rastro dunha tristeza vital nin de motivos para estar ledo. Vivía coa incapacidade de lembrar, con esa falta de memoria coa que moitos se preguntarían "E por que vivir, entón?". Non recoñecía a casa na que estaba, nin o seu cuarto sequera, só sabía que alí espertaba. Non gardaba a imaxe daquel Opel Kadett branco que o acompañara nos seis anos que estivera na Alemaña. Nin a súa moto Ossa vermella de 125. Nin por asomo sabía quenes foran os seus mellores amigos, o Ramón, o Tomé e o Sixto, os tres compañeiros de traballo nun antigo taller de reparación de barcos que tampouco lembraba e do que só lle quedara en herdanza unha triste pensión e unhas mans desfeitas. Non coñecía aos seus fillos, Teresa e Manuel, cando os recibía cada mañá e tarde respectivamente para axudarlle coas labores diarias. Nin pista dos duros anos de franquismo ao que el tanto se opuxera. Nada acerca dos seus sobriños e netos. Non lembraba a Aurora, a súa muller defunta, o tan namorado que estaba dela, os seus ollos verdes, a súa cintura estreita, nin o ben que cociñaba. 

Escoitaba a antiga radio ITT de encima da mesiña de noite en todo momento e sorría coa vista perdida cada vez que soaba "Espérame en el cielo" de Los Panchos. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario