Moitas veces pensei, desde o punto de vista construtivo, claro, cal será o motivo polo que a moita xente lle chama a atención que me poida gustar "Milho verde". Respeto o interrogante, pero non logro entendelo. É probable que a forte, elitista e estúpida presión social do musicalmente "cool", exerza aínda máis forza do que eu pensaba.
Unha das cousas que teño claras desde pequeno (e non foi algo aprendido, senón inherente a min) é que o que me gusta, gústame… e punto. E tampouco me importou nada, tamén desde pequeno, que me metan en sacos de modernos, hispters, freaks, anticuados, raros, excéntricos, antiguos ou o que sexa. Paso de paridas e complexos alleos. Non andamos por ahí facendo exaltación da liberdade cada día?
Pois sí compañeiros, gústame o Zeca Afonso e Animal Collective, Pearl Jam e Joan Manuel Serrat, Fantasmage e Ben Harper, Jeff Buckley e Moderat, Fela Kuti e Ludovico Einaudi, Radio Futura e Ghostpoet, Vicente Amigo e The XX, The Bad Plus e Lust For Youth, Silvia Pérez Cruz e Fluzo… o que me chega, chégame, e non atendo a estilos, etiquetas, impacto (comercial ou indie) nin tendencia de encaixar en grupos determinados. Son así e non o entendo como algo mellor ou peor, simplemente é o que hai.
Ao tema! Vou compartir con vós algúns dos motivos polos que me encanta esta canción.
O Zeca Afonso é un referente para min en todos os sentidos, ideolóxico, cultural, político e artístico. En Portugal, o seu valor e a consecuente lexión de seguidores cóntase por milleiros, desde a escena independente aos sectores máis populares. Foi o cantautor e músico da "Revoluçao dos Cravos" ou "Revolución dos Caraveis", que devolveu, nun só día, a liberdade ao pobo portugués o 25 de Abril de 1974, logo dun réxime dictatorial de case cincuenta anos.
É un home comprometido co seu tempo e co futuro, respetuoso e respetado, un progresista que amaba aos seus iguais (que eran todos) e que sempre gardou a esperanza na especie.
Portugal é un país que me atrae desde sempre, por irmán, por fermoso, por sinxelo, por rico en tradicións, por vangardista ao mesmo tempo e por humilde. A súa música, polo tanto, interésame en todas as súas dimensións.
O Zeca, ademais, gústame polo mesmo motivo que me gustan outros, é dicir, por esa capacidade de mesturar ou integrar dous elementos tan importantes como son a tradición e a innovación, o cal proporciona a todo o que crea un caracter intemporal que desfruto ao máximo.
"Milho Verde" ten unha letra sinxela que agocha tanto como amosa e que cada quen debe analizar, cuestión pola cal non me vou parar en comentar.
"Milho verde, milho verde
Milho verde maçaroca
À sombra do milho verde
Namorei uma cachopa
Milho verde, milho verde
Milho verde miudinho
À sombra do milho verde
Namorei um rapazinho
Milho verde, milho verde
Milho verde folha larga
À sombra do milho verde
Namorei uma casada
Mondadeiras do meu milho
Mondai o meu milho bem
Não olhais para o caminho
Que a merenda já lá vem."
Nesta canción, o folklore luso chega a un encontro cos ritmos africanos angoleños e non por casualidade, senón por un vencello cultural obvio.
É real, inmediata, espontánea, completa, rica, integradora, impecable, sincera, honesta, directa, un traballo de recuperación e de ampliación, unha preciosidade.
A cuarta acepción da RAE para o termo "música" di:
"Arte de combinar los sonidos de la voz humana o de los instrumentos, o de unos y otros a la vez, de suerte que produzcan deleite, conmoviendo la sensibilidad, ya sea alegre, ya tristemente".
E neste sentido, cando a escoito, o meu estado cambia por completo. Non poido soamente oíla, teño que erguerme do sofá e bailala, coas mans en alto e os brazos dobrados en noventa graos, chascando os dedos, movendo o corpo de esquerda a dereita, e dándolle á cabeza, sorrindo.
Non poido soamente oíla, teño que cantala… e iso mola moitísimo. Quero participar nela, non só consumila, ser parte diso, fusionarme con eses ritmos, meterme nos tambores e pandeiros, sair das frautas, estar diante do micrófono, pechar os ollos e ver á xente.
Síntome feliz, alegre, melancólico, nostálxico, con ganas de chorar e de rir, de abrazar, de tocar, de amar, de sentir. Síntome cheo, ata arriba de enerxía, síntome mesmo eu.
Xa son seguidor dun novo equipo de fútbol. Eu son do Barça, desde pequeno, e desfruto moito con el, mais tamén me gustan outros equipos como a Real Sociedad, o Athletic de Bilbao, o Lugo, o Celta, o Dépor, o Spórting de Gijón e, por suposto, o Foz.
Fai uns meses, desde agosto, teño un novo clube que me flipa, o F.C. St. Pauli de Hamburgo. Por que? - pensaredes algúns. Pois agora volo conto.
Estiven nesta cidade en verán e aloxeime nun hotel do barrio de Sankt Pauli, moi preto da rúa Reeperbahn, alí onde está a "zona vermella". É un lugar con moita vida, efervescente, fascinante, con multitude de bares, pubs, tendas de discos, lonxas de roupa de segunda man e cunha variedade cultural moi peculiar.
Desde a habitación do meu hotel víase un campo de fútbol e decidín investigar a quen pertencía. Era o estadio do F.C. St. Pauli, club multideportivo (fútbol, rugby, béisbol, balonmán, bolos, fútbol americano, xadrez, ciclismo, futbolín e tenis de mesa). É coñecido, sobre todo, pola súa sección de fútbol, onde ten un equipo que milita na segunda división alemá e que ten certas cousas que me namoraron a primeira lectura.
A primeira das cuestións é que os seus ideais son anarquistas, comunistas e socialistas (e esquecede as siglas partidistas que queren asociarse a estas ideas). Foi o primeiro equipo de Alemaña que prohibiu oficialmente os símbolos fascistas e as actividades nacionalistas nunha época na que estas ían parellas co vandalismo.
Por outra parte, en 1981 a asistencia media ao terreo de xogo era de 1600 persoas, mentres que a finais da década dos noventa, esa cifra ascendeu aos 20000.
Tamén é coñecida a súa aportación activa en campañas humanitarias e benéficas como a iniciativa "Viva con auga de Sankt Pauli".
É coñecida igualmente, unha das anécdotas que demostran a actitude do clube. Ebbers, un dos seus dianteiros estrela, meteu un gol coa man ao FC Union de Berlin que foi concedido como válido polo árbitro e o xogador informouno do ocurrido e o tanto non subiu ao marcador, mentres ambas aficións se desfacía en aplausos.
Os seus seareiros considéranse antiracistas, anticlasistas e antisexistas e o seu número de seguidores no país pasa dos once millóns. Adiviñades cal é unha das peñas do equipo máis numerosas fóra de Alemaña? A "El Grano" de Valladolid! Dato curioso tendo en conta a cor política da cidade.
O símbolo non oficial do clube, que a súa afición se encarga de facer notar é unha caveira con dúas tibias cruzadas (símbolo pirata).
Máis cousas ao seu favor. Saltan ao campo nos partidos como locais con "Hells Bells" de AC/DC e en cada gol marcado soa "Song 2" de Blur.
Corny Littmann, o seu presidente é abertamente homosexual. Non vexo esta situación probable hoxe en día en España.
O clube foi anfitrión da FIFI Wild Cup 2006, onde participan seleccións nacionais non recoñecidas como Groenlandia, Zanzíbar ou Tíbet. Participaron como República de St. Pauli.
Visten de marrón e branco a raias, feito que os distingue da maioría de clubes do mundo.
E agora… necesitades máis motivos para sumarvos ao fenómeno fan?
- "Swordfishtrombones" de TOM WAITS con "Poemas de la última noche en la tierra" de CHARLES BUKOWSKI con whisky LAGAVULIN de 16 anos e tabaco HAVANA OVALS.
- "Teen Dream" de BEACH HOUSE con "Windows on the world" de FRÉDÉRIC BEIGBEDER e con viño branco CHATEAU SMITH HAUT LAFITTE 2005.
- O SILENCIO dunha noite de salón con "Pornografía" de LUPE GÓMEZ ARTO e con CASTAÑAS galegas.
- Unha PIZZA CASEIRA de rúcula, tomate cherry, champiñóns e queixo de cabra con "Another Year" de MIKE LEIGH cunha persoa á que poder sentir.
- Unhas botas HUNTER con xoias TOUS cun pegote de BOSTA ao lado.
- "You & Me" de FOUR VISIONS con SEXO MATUTINO con SABAS BRANCAS con RAIOS DE SOL entrando pola fiestra.
- FROITA FRESCA con "Polaroid Piano" de AKIRA KOSEMURA con cheiro a piñeiros autóctonos.