domingo, 13 de octubre de 2013

F.C. ST. PAULI



Xa son seguidor dun novo equipo de fútbol. Eu son do Barça, desde pequeno, e desfruto moito con el, mais tamén me gustan outros equipos como a Real Sociedad, o Athletic de Bilbao, o Lugo, o Celta, o Dépor, o Spórting de Gijón e, por suposto, o Foz. 

Fai uns meses, desde agosto, teño un novo clube que me flipa, o F.C. St. Pauli de Hamburgo. Por que? - pensaredes algúns. Pois agora volo conto.

Estiven nesta cidade en verán e aloxeime nun hotel do barrio de Sankt Pauli, moi preto da rúa Reeperbahn, alí onde está a "zona vermella". É un lugar con moita vida, efervescente, fascinante, con multitude de bares, pubs, tendas de discos, lonxas de roupa de segunda man e cunha variedade cultural moi peculiar. 

Desde a habitación do meu hotel víase un campo de fútbol e decidín investigar a quen pertencía. Era o estadio do F.C. St. Pauli, club multideportivo (fútbol, rugby, béisbol, balonmán, bolos, fútbol americano, xadrez, ciclismo, futbolín e tenis de mesa). É coñecido, sobre todo, pola súa sección de fútbol, onde ten un equipo que milita na segunda división alemá e que ten certas cousas que me namoraron a primeira lectura.

A primeira das cuestións é que os seus ideais son anarquistas, comunistas e socialistas (e esquecede as siglas partidistas que queren asociarse a estas ideas). Foi o primeiro equipo de Alemaña que prohibiu oficialmente os símbolos fascistas e as actividades nacionalistas nunha época na que estas ían parellas co vandalismo.

Por outra parte, en 1981 a asistencia media ao terreo de xogo era de 1600 persoas, mentres que a finais da década dos noventa, esa cifra ascendeu aos 20000.

Tamén é coñecida a súa aportación activa en campañas humanitarias e benéficas como a iniciativa "Viva con auga de Sankt Pauli".

É coñecida igualmente, unha das anécdotas que demostran a actitude do clube. Ebbers, un dos seus dianteiros estrela, meteu un gol coa man ao FC Union de Berlin que foi concedido como válido polo árbitro e o xogador informouno do ocurrido e o tanto non subiu ao marcador, mentres ambas aficións se desfacía en aplausos.

Os seus seareiros considéranse antiracistas, anticlasistas e antisexistas e o seu número de seguidores no país pasa dos once millóns. Adiviñades cal é unha das peñas do equipo máis numerosas fóra de Alemaña? A "El Grano" de Valladolid! Dato curioso tendo en conta a cor política da cidade.

O símbolo non oficial do clube, que a súa afición se encarga de facer notar é unha caveira con dúas tibias cruzadas (símbolo pirata).

Máis cousas ao seu favor. Saltan ao campo nos partidos como locais con "Hells Bells" de AC/DC e en cada gol marcado soa "Song 2" de Blur.

Corny Littmann, o seu presidente é abertamente homosexual. Non vexo esta situación probable hoxe en día en España.

O clube foi anfitrión da FIFI Wild Cup 2006, onde participan seleccións nacionais non recoñecidas como Groenlandia, Zanzíbar ou Tíbet. Participaron como República de St. Pauli.

Visten de marrón e branco a raias, feito que os distingue da maioría de clubes do mundo.

E agora… necesitades máis motivos para sumarvos ao fenómeno fan?


No hay comentarios:

Publicar un comentario