domingo, 26 de octubre de 2014

RESPOSTAS TELEFÓNICAS



O teléfono foi un grande invento, non digo que non, parécemo de verdade, mais é certo que o uso que del se fai hoxe en día é radicalmente abusivo. Tanto falar chorradas! Tanta mensaxe de merda! Tanto grupo de WhatsApp! Tanta consulta en internet! Perdeuse o fin comunicativo, xa que se nun principio ese era o seu grande valor, agora o que temos é que sentados a unha mesa non fale ninguén. O móbil como desconexión do humano. Pero imos falar do fixo mellor, do da casa, e máis concretamente do que se di ou pode dicir cando se descolga.

De pequeno parecíame algo "borde" o xeito de contestar de meu pai. Hoxe en día paréceme directo, honesto e elegante. Ese "A VER…" é toda unha declaración de intencións, amable tamén nese sentido de "dime". É un saúdo maduro, adulto.
Por outra parte, lembro que alguén me dixo, de pequeno, o "QUEN ANDA POLO TUBO?" que empregaba seu abuelo. Desde logo, unha proposta simpática, moi galega e que deixa un tanto descolocado ao interlocutor.
Un "BO DÍA!" a secas sempre resulta educado, deixando o tema moi aberto e ben preparado ao que está ao outro lado, quen deberá contestar primeiro cun saúdo de cortesía ou en caso contrario, a conferencia será cortada.
Algunhas veces, sobre todo os sábados pola mañá despois de sair de festa, gústame descolgar cun "RESIDENCIA DE LOS LÓPEZ OTERO, DÍGAME?". Denota distinción, sofisticación, un sentido alto do que é a finura, con certo aire de "mansionismo" e indispensable nese castelán de vogais abertas das señoritas do servizo (que non criadas… nin pornochachas!).
Tampouco está mal contestar imitando a pronuncia das "eses" do noso benquerido preshidente Rajoy (pero non imitándoo a el, que conste). Sería, por exemplo un "SHI?" ou un "QUE PUEDO HACER POR USHTED?". Cousa bestial e sen parangón.
E que me decides de facelo con sons animais? O que máis me gusta é o "OINK?", aínda que tampouco están mal os "GUAU?", "MIAU?", "MUUUUUUUU?" ou "KIKIRIKI?". Isto ven a ser algo parecido a unha aposta pola confianza nos animais da casa como un membro máis da familia, unha mostra de respeto.
O "QUE!" ou "QUE TES!", aínda que poidan parecer violentos en primeira instancia, non son tal, probade, xa veredes como contestan igual… e con desculpas e todo…
Se queremos convertir todo o cotarro en algo máis folklórico non temos máis que cascarlle un "AILALEEEELO-OOO"ou no seu desfecto mandarlle un aturuxo que non me vou esforzar en plasmar na escrita.
Non fai falta que vos achegue o rollo ese de cando despois de contestar cun "SÍ?" e che contesten co nome da persoa coa que queren falar, arrearlles un "AQUÍ NON HAI NINGÚN (TAL)". 
A mítica variante de facer coma se se cortase por momentos é tremendamente divertida pero complicada tecnicamente en canto a que resulte veraz. "B… D… AS! DÍG… E?" o outro replicará o que sexa e volta cun " NON ES… ITO … EN". Confuso e entretido.
Penúltima opción. Descolgar e entregar o silencio. Algo como "……………….", e que quen estea no lado contrario teña que preguntar oitenta veces o teu nome ou dicir oitenta veces "Óesme?". Acabara colgando e tentándoo, de novo, polo menos tres veces. Esta opción é divertida por un lado e desesperante por outro.
Xa para rematar esta análise, un dos meus preferidos, facer que es ti quen chamou… e como es o primeiro en falar, deixas á outra persoa flipando. É dicir, descolgar cun "BUENO… EU HOXE PASO DE IR TOMAR O CAFÉ QUE TEÑO MOITO CHOIO, VALE?".





No hay comentarios:

Publicar un comentario