domingo, 1 de septiembre de 2013

BANDAZOS


Odio á miña exmuller. Era mala como a fame. Tíñame totalmente amargado. Non me deixaba quedar cos amigos, todo lle parecía mal. Estaba todo o santo día mirándose ao espello, pintando as unllas, os beizos, probando roupa. Non paraba de falar polo seu teléfono móbil… nin de mandar "mensajitos" do carallo. Dicíame que estaba engordando, que me estaba deixando ir e que ela facía o contrario, que se encontraba estupenda. Menuda chorrada! Se tiña un pandeiro que non collía polas portas… Ademais non lle gustaban as miñas camisas de cadros, nin o meu peiteado. Nunca estivo dacordo en que usara zapatillas de deporte cos pantalóns vaqueiros, prefiría os zapatos. Non deixa que vexa aos meus fillos, cada vez alónxaos máis de min. Zorra! Súa nai sempre se opuxo ao noso casamento. É coma ela, unha goberneira! E aínda encima non cociñaba ben… só sabía facer fajitas de merda e sushi… moi moderna ela! Sempre me andaba co conto de que eu non tiña inquedanzas, que non me preocupaba de temas importantes, que para min só existía o meu Real Madrid. E que ía facer eu? Non ver os partidos da Champions? Víbora! Que ben fixen separándome…











… Que collóns ía facer ben! Estaba que te cagas con ela. Pero que boa estaba! Era guapísima, tiña unha pel tan suave… e vaia tetas ben postas! Por que a deixei de lado? Por que a descoidei? Son o tipo máis burro do planeta. Teño corenta anos e sigo pensando como un de vinte, sempre coas miñas bobadas, coas miñas inseguridades. Puto día que deixei de dicirlle que a quería! Que fago eu só? Se non sei nin fritir un ovo… Nunca tiven a suficiente paciencia con ela. O colmo foi cando en vez de ir cear con ela, no noso aniversario, fun ver a Cristiano Ronaldo e compaña cando viñeron xogar a Riazor. E na volta aínda me multaron por exceso de velocidade. Son tonto, tonto de verdade. Que longos se me fan os días sen ela… Cada vez que saio polas noites acabo collendo unhas merdas… e xa non sei nin ligar. Ai, miña Carmiña… por que me deixaches?

No hay comentarios:

Publicar un comentario