domingo, 22 de septiembre de 2013

QUEN METE MÁIS MEDO?



Ultimamente escoitamos moito falar de Resistencia Galega, sobre todo a partires desa abultada condena por integración terrorista a catro dos seus "non se sabe cantos" membros. Coa sentencia pódese estar dacordo ou non, é opinable, mais poñer á mesma altura a esta organización con ETA, por exemplo) paréceme excesivo. 

O 8 de xaneiro, o 10 de marzo e o 13 de agosto, presuntos activistas de RG tiñan no seu poder artefactos explosivos e en dous casos provocaron danos serios en oficinas de Nova Galicia Banco. Por suposto, condeno estes feitos porque estou en contra deste tipo de violencia (en cambio non estou en contra de reaccionar violentamente en defensa propia) e creo que as cousas cámbianse doutro xeito.

Esta semana, Beiras fixo unhas declaracións sobre os membros de RG, opoñéndose claramente ás súas accións pero matizando certos asuntos que poden provocar a aparición de respostas violentas ante o que el chama violación de dereitos esenciais. Eu concordo con el. O que quere entendelo, enténdeo. Agora ben, todos estes "quedabien" dos medios de comunicación vense na obriga de saltar cunha ofensa desigual con respecto a outros contextos. Casualmente, son os mesmos que saltaron cando Beiras se puxo agresivo con Feijóo. Pero acaso a situación actual non demanda tensións? Ou preferimos ir ao Parlamento Galego para andar con mamonadas escritas desde despachos e executadas desde o automatismo dos monicreques? Tanto formalismo e tanto "politicamente correcto" xa cansa… Máis realismo, menos cinismo.

Cada día, pásanse polo forro das pelotas numerosísimos dereitos fundamentais e aquí non pasa nada, ninguén nos defende… como se eses atentados contra a sociedade foran parte da "normalidade". Estou farto dos soplagaitas que se sentan en platós de televisión para opinar a soldo e para demostrar unha cultura que cren inmensa e que, en realidade é só a súa.

Volvo ao tema. As persoas que poñan bombas, ao cárcere, directos, pero esa nova (aquí) "cultura do medo", tan propia de países extremadamente capitalistas e que crean desigualdades cada día, paréceme un conto, unha estratexia máis para desviar a atención do realmente importante: que Galicia vai de mal en peor.

Con respecto á pregunta que dá título a este post, "Quen mete máis medo?" gustaríame facer as seguintes reflexións.
Dous dos detidos, fórono por ter no seu coche garrafas de gasolina. Non digo que non fosen atentar contra a saúde pública, mais tampouco digo o contrario. Non serían as primeiras persoas que teñen gasolina fóra do depósito dun coche… e menos en Galicia. Pode ser que ese líquido tivera uns fins malos ou non. E, por outra parte, parece que ás autoridades non lles fai tanta presión que nas gasolineiras de autoservizo, calquera pirado teña acceso a gasolina...

O que sí teño claro, porque non hai dúbida, é do que dixo o alcalde de Baralla xustificando os mortos no réxime franquista nunha evidente apoloxía do terrorismo. Tamén vin o seu xesto fascista, de man alzada, fóra do consistorio. 
Teño claro ademais, que outro alcalde, o de Beade, é un amante das cousas de Franco, xa que fai alarde (orgullo e satisfacción) da figura desde a súa oficina pública do concello con fotos, bandeiras e demais obxetos fascistas. 
E que vos vou contar de todos eses membros de Nuevas Generaciones que publican as súas fotos en Twitter con símbolos franquistas?

Mentres tanto, o Partido Popular móstrase totalmente duro con ese "independentismo radical galego" e fodidamente brando cando ten que tomar medidas cos seus membros. Que conclusións podemos extraer disto? Que ao PP ponlla dura o nacionalismo de esquerdas? Non creo. Máis ben, que o partido que nos goberna non é digno de facelo. Serve con que algún responsable saia nos medios dicindo que reproban esas actitudes dos seus representantes? Non! En Alemaña, por feitos menos graves, eses suxeitos estarían na cadea.

Entón, quen dá máis medo? 


No hay comentarios:

Publicar un comentario