domingo, 29 de septiembre de 2013

WHISKY CON SODA



Marga charla con Tono - o seu home - na barra dun bar tranquilo dunha cidade pequena. Ambos fuman e beben whisky con soda. É unha conversa sen xestos, de "sí" e "non", algo que o tempo se encargou de ir endurecendo, unha conversa un tanto apática, desas que se fan abandoando os órganos no armario e que só necesitan do automatismo. Ela ten o cabelo rizado e tirando a roxo, o seu nariz é dos afiados, ollos claros e pequenos e beizos grandes. El ten a idade marcada na pel e un estilo máis propio dun rapaz de vinte. Míranse pouco. Están de cara á estantería das botellas. Parecen agardar algo que non chega. Tono apaga (mal) o cigarro no cinceiro e vai ao wc. En menos de dez segundos chega un xove e pousa a súa man (cálida) no ventre de Marga. Ela levanta a cabeza, a mirada, e quédanse un intre intenso engordando a liña visual, en silencio, xa non soa a música, xa non hai ninguén máis no bar, só eles dous, só unha man, un abdome e catro ollos que miran. Cunha voz suave, calmada e con certo peso de seguridade, o rapaz pregúntalle se quere deixalo todo nese preciso momento e irse con el. Margarida apaga o seu cigarro (ben), colle o bolso e sae do local. O futuro séguea. Cando Tono volve, quédase co seu fume do cinceiro e con dúas copas a medio rematar. Vai ralentizando os seus movementos cando nota que a ausencia se extende no tempo. Comeza a comprender que pode non haber regreso. Cámara lenta. Chama ao camareiro e cos ollos baixos pide outra ronda. Dous whiskys con soda.

domingo, 22 de septiembre de 2013

QUEN METE MÁIS MEDO?



Ultimamente escoitamos moito falar de Resistencia Galega, sobre todo a partires desa abultada condena por integración terrorista a catro dos seus "non se sabe cantos" membros. Coa sentencia pódese estar dacordo ou non, é opinable, mais poñer á mesma altura a esta organización con ETA, por exemplo) paréceme excesivo. 

O 8 de xaneiro, o 10 de marzo e o 13 de agosto, presuntos activistas de RG tiñan no seu poder artefactos explosivos e en dous casos provocaron danos serios en oficinas de Nova Galicia Banco. Por suposto, condeno estes feitos porque estou en contra deste tipo de violencia (en cambio non estou en contra de reaccionar violentamente en defensa propia) e creo que as cousas cámbianse doutro xeito.

Esta semana, Beiras fixo unhas declaracións sobre os membros de RG, opoñéndose claramente ás súas accións pero matizando certos asuntos que poden provocar a aparición de respostas violentas ante o que el chama violación de dereitos esenciais. Eu concordo con el. O que quere entendelo, enténdeo. Agora ben, todos estes "quedabien" dos medios de comunicación vense na obriga de saltar cunha ofensa desigual con respecto a outros contextos. Casualmente, son os mesmos que saltaron cando Beiras se puxo agresivo con Feijóo. Pero acaso a situación actual non demanda tensións? Ou preferimos ir ao Parlamento Galego para andar con mamonadas escritas desde despachos e executadas desde o automatismo dos monicreques? Tanto formalismo e tanto "politicamente correcto" xa cansa… Máis realismo, menos cinismo.

Cada día, pásanse polo forro das pelotas numerosísimos dereitos fundamentais e aquí non pasa nada, ninguén nos defende… como se eses atentados contra a sociedade foran parte da "normalidade". Estou farto dos soplagaitas que se sentan en platós de televisión para opinar a soldo e para demostrar unha cultura que cren inmensa e que, en realidade é só a súa.

Volvo ao tema. As persoas que poñan bombas, ao cárcere, directos, pero esa nova (aquí) "cultura do medo", tan propia de países extremadamente capitalistas e que crean desigualdades cada día, paréceme un conto, unha estratexia máis para desviar a atención do realmente importante: que Galicia vai de mal en peor.

Con respecto á pregunta que dá título a este post, "Quen mete máis medo?" gustaríame facer as seguintes reflexións.
Dous dos detidos, fórono por ter no seu coche garrafas de gasolina. Non digo que non fosen atentar contra a saúde pública, mais tampouco digo o contrario. Non serían as primeiras persoas que teñen gasolina fóra do depósito dun coche… e menos en Galicia. Pode ser que ese líquido tivera uns fins malos ou non. E, por outra parte, parece que ás autoridades non lles fai tanta presión que nas gasolineiras de autoservizo, calquera pirado teña acceso a gasolina...

O que sí teño claro, porque non hai dúbida, é do que dixo o alcalde de Baralla xustificando os mortos no réxime franquista nunha evidente apoloxía do terrorismo. Tamén vin o seu xesto fascista, de man alzada, fóra do consistorio. 
Teño claro ademais, que outro alcalde, o de Beade, é un amante das cousas de Franco, xa que fai alarde (orgullo e satisfacción) da figura desde a súa oficina pública do concello con fotos, bandeiras e demais obxetos fascistas. 
E que vos vou contar de todos eses membros de Nuevas Generaciones que publican as súas fotos en Twitter con símbolos franquistas?

Mentres tanto, o Partido Popular móstrase totalmente duro con ese "independentismo radical galego" e fodidamente brando cando ten que tomar medidas cos seus membros. Que conclusións podemos extraer disto? Que ao PP ponlla dura o nacionalismo de esquerdas? Non creo. Máis ben, que o partido que nos goberna non é digno de facelo. Serve con que algún responsable saia nos medios dicindo que reproban esas actitudes dos seus representantes? Non! En Alemaña, por feitos menos graves, eses suxeitos estarían na cadea.

Entón, quen dá máis medo? 


domingo, 15 de septiembre de 2013

MADRID 2020


E chegou outra hostia máis para quenes esperaban o contrario ao que sucedeu. Sí, señores, Madrid tampouco será a cidade organizadora dos Xogos Olímpicos do 2020. Unha pena para algúns. Non para min.
Aquelo de "á terceira vai a vencida" non funcionou aquí… pero pensándoo ben, que funciona ben aquí? Poucas cousas.

Madrid Veinte Veinte (como dicían eles en modo "cool") foi outra merdallada que deixa arredor de dez millóns de euros gastados en preparativos e unha imaxe deplorable do pobo madrileño (os berros de "hijos de puta, hijos de puta" segundo se soubo que Tokyo ganara son suficientes para sancionar á capital do estado de por vida).
Non quero incidir na penosa situación da educación pública madrileña, nin da sanidade pública, nin na súa enorme deuda, nin no tristísimo nivel de inglés da ridícula alcaldesa Ana Botella ou de Marianico Rajoy, nin na situación actual do país que se desangra a cada segundo, nin nas bobas bágoas de algúns… non quero... paso.

O que me apetece é seguir animando a esta xente a presentarse a todo o que poidan. Que se presenten ás Olimpiadas de 2024, e se o reglamento non o permite, non importa, que o fagan igual, por participar aínda que sexa, que vaian de oíntes. Que se presenten a todos os Xogos de Inverno que haxa. Que vaian ao casting de Gran Hermano. Que entren en Mujeres Y Hombres Y Viceversa e arrasen, que incumplan todas as normas da programa e que fodan todo o que lles deixen. Que fagan parques temáticos sobre a candidatura en todos os países do mundo. Que se presenten nas eleccións municipais de todos os concellos, países, entidades deportivas e asociacións de veciños. Que se independicen do estado e formen o seu propio. Que creen unha aerolínea de baixo coste. Que fabriquen bebida enerxética. Que saquen a súa propia marca de condóns. Que formen unha relixión. Que se vaian á puta merda. Que volvan. Que invirtan diñeiro en Goma 2. Que obriguen á toda a Comunidade de Madrid á vestir con chándales que leven o seu logo. Que se convirtan en hippies, e logo en yuppies e finalmente en yippies. Que asalten as casas dos membros do COI. Que refloten o asunto dos Indignados. Que compren un espazo da TDT e programen 24 horas as tres galas perdidas. Que se vendan a sí mesmos en feiras de ganado. Que preparen "a morte" os 100 metros lisos para Brasil. Que acudan en coro ao Festival de Benidorm. Ou que repartan "love" en post its pola Gran Vía.

Iso sí, Alejandro Blanco que marche, por favor. Pero por que motivo se meteu neste lío? Un actor coma el… co ben que estaba en Hollywood… co ben que o fixera como o alcaide do cárcere de "Cadena Perpetua". Volve para aló!

domingo, 8 de septiembre de 2013

NEUENGAMME


O son das miñas pisadas contra aquelas pedras grises do chan trouxéronme á cabeza o sentimento de miles de xudeos, agachados, ao escoitar ese mesmo son pero procedente de botas nazis.

domingo, 1 de septiembre de 2013

BANDAZOS


Odio á miña exmuller. Era mala como a fame. Tíñame totalmente amargado. Non me deixaba quedar cos amigos, todo lle parecía mal. Estaba todo o santo día mirándose ao espello, pintando as unllas, os beizos, probando roupa. Non paraba de falar polo seu teléfono móbil… nin de mandar "mensajitos" do carallo. Dicíame que estaba engordando, que me estaba deixando ir e que ela facía o contrario, que se encontraba estupenda. Menuda chorrada! Se tiña un pandeiro que non collía polas portas… Ademais non lle gustaban as miñas camisas de cadros, nin o meu peiteado. Nunca estivo dacordo en que usara zapatillas de deporte cos pantalóns vaqueiros, prefiría os zapatos. Non deixa que vexa aos meus fillos, cada vez alónxaos máis de min. Zorra! Súa nai sempre se opuxo ao noso casamento. É coma ela, unha goberneira! E aínda encima non cociñaba ben… só sabía facer fajitas de merda e sushi… moi moderna ela! Sempre me andaba co conto de que eu non tiña inquedanzas, que non me preocupaba de temas importantes, que para min só existía o meu Real Madrid. E que ía facer eu? Non ver os partidos da Champions? Víbora! Que ben fixen separándome…











… Que collóns ía facer ben! Estaba que te cagas con ela. Pero que boa estaba! Era guapísima, tiña unha pel tan suave… e vaia tetas ben postas! Por que a deixei de lado? Por que a descoidei? Son o tipo máis burro do planeta. Teño corenta anos e sigo pensando como un de vinte, sempre coas miñas bobadas, coas miñas inseguridades. Puto día que deixei de dicirlle que a quería! Que fago eu só? Se non sei nin fritir un ovo… Nunca tiven a suficiente paciencia con ela. O colmo foi cando en vez de ir cear con ela, no noso aniversario, fun ver a Cristiano Ronaldo e compaña cando viñeron xogar a Riazor. E na volta aínda me multaron por exceso de velocidade. Son tonto, tonto de verdade. Que longos se me fan os días sen ela… Cada vez que saio polas noites acabo collendo unhas merdas… e xa non sei nin ligar. Ai, miña Carmiña… por que me deixaches?