domingo, 26 de junio de 2011

3 PENSAMENTOS DE FAI UN ANO


09/06/10

Manda carallo que chova en Xuño! Despois deste inverno escuro e augado, chega esta merda. Xa non é por ir á praia senón por levantarme cunha sensación alegre, abrir a persiana e ver o Sol, o ceo sen nubes.
E eso que a min o tempo de Galicia gústame, non son dos que protestan seguido pola temperatura, prefiro cando o termómetro anda como moito polos 25, xa me chega, suficiente, a brisiña é necesaria para non sudar, para estar cómodo, ademáis non me molesta levar unha chaqueta por se acaso. Vigo en verán xa é demasiado para o meu corpo, non o aturo nada ben, incluso Santiago, Ourense e Lugo mellor non falar. A Coruña, Ferrol, A Mariña Lucense é o ideal, estou namorado dese nordés vivificante que a algúns mata, átame á miña terra máis que unhas cadeas, máis que unha áncora.
As rúas están molladas todo o tempo, os zapatos patinan e hai perigo de romper a cara no chán e de poñer a roupa perdida. Tampouco me gusta conducir con auga, nin correr, nin sair de festa, nin coñecer xente, nin estudar, nin andar, nin tomar café ou té, nin cantar, nin ler, nin mirar pola fiestra, nin comer, nin ver a tele, cando chove apetéceme escribir e iso é o que faigo. Escribo sobre o que se me ocorre, como agora, co tempo atmosférico, ese mesmo tema recurrente en conversas de ascensor para persoas que teñen medo ao silencio. Cando subo ao sétimo piso onde vivo, coincido a veces con persoas do terceiro, do segundo ou do quinto pero eu non falo, son así, amo o silencio e o pensamento, tentar adiviñar en que pensa o outro ou a outra, sen presión, tranquilamente, aproveitando o que dura a viaxe, desfrutar do olor, dos sons, das miradas accidentais. Na casa con todo aberto escoito a choiva miúda e vexo as fachadas dos edifcios molladas. Non somos Andalucía, somos Galicia, a miña Galicia.




10/06/10

Pero que puta merda é esta? Segue chovendo, nos telexornais pobos inundados, Xuño por Deus! Cando a xente debería estar ensinando perna, peito, ombreiro, e cos últimos modelos de óculos de sol… nada! Paraugas e chubasqueiro. Nada de terrazas nin de moreno, que desastre! Só queda estar na casa ollando pola fiestra a ver se Lorenzo se decide e sae con forza. Dame que ata dentro duns días… nada!




14/06/10

Segundo o meu diccionario Xerais, liberdade é “a facultade pola que unha persoa decide o seu modo de actuar, sen atender ou obedecer determinacións exteriores e dentro das normas establecidas”, “estado do que non está encadeado nin sometido á vontade doutro; estado do que está ceibo”, “ausencia de obriga”, “confianza”.
A liberdade tamén é un estado anímico do que se sente libre, unha forma de vivir, sentir, ser… pero cales son esas normas establecidas? As leis? Ou tamén as ensinanzas sociais? Para min, ten moito que ver coa posibilidade de facer o que un quere cando iso repercute só sobre o que actúa, sendo totalmente independente, sen repercusións sobre terceiros. Debe un estar só para ser libre ao cen por cen? Pódese ser libre en compañía? Que concepto máis retocado temos! A liberdade é probable que non exista xa, ou pode que xamáis existira, non é doado sabelo. Vai a liberdade unida á coherencia, á sinceridade, á franqueza, á verdade? Hai alguén libre? Somos libres? Son libre? Estaríame preguntando esto mesmo se houbese algo que ver na tele? Creo que si. Escribiríao? Pois tamén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario