domingo, 20 de noviembre de 2011

COUSAS QUE NON ME GUSTAN (SOBRE A IDENTIDADE)


Gústame a xente que non ten medo a dicir o que pensa, os que opinan libremente sen deixarse levar por imposicións sociais ou presións de calquer tipo. Gústame quen é valiente para deixar ver as súas ideas independentemente da réplica que vaia ter, o que fala con argumentos e constrúe opinións críticas con valor sen caer en xeralidades cobardes carentes de análise e coñecemento. Gústanme aqueles que teñen amigos e algún que outro inimigo tamén… en definitiva, gústame a autenticidade, a persoa real, a persoa transparente que vai de fronte, de cara (sen chegar a confundir esto último coa sinceridade innecesaria que ten no dano e no intrusismo persoal o seu obxectivo primeiro).

Dito esto, quero profundizar agora en varias cousas que non me gustan. Non poido facelo en profundidade porque daría para moitas liñas e considero que as que escribo xa son bastantes (incluso excesivas para moitos/as). Quizás outro día continúe a lista.

En coherencia con aquelo que me gusta, está o que non me gusta e algúns exemplos concretos son os seguintes:

Non me gusta o anuncio de Gadis de "Vivamos como galegos". Nada! Non me emociona en absoluto… como me vai emocionar algo así? Pero estes tipos saben o que son as emocións reais? Unha emoción é cando chegas á casa de teus pais pasado bastante tempo e ves que eles te reciben cuns torrezmos e un platiño de caldo. Emoción é estar ao borde da bágoa lendo a Manuel María. Emoción é cando estando no estranxeiro falando en inglés practicamente as vintecatro horas do día, te encontras ailladamente cunha persoa e podes falar na túa lingua (sendo ti mesmo por primeira vez en moito tempo). Emoción é escoitar á túa avoa falar sobre a súa dura infancia. Emoción é facer o amor con alguén que desexas moito. Emoción non é escoitar a unha empregada do Corte Inglés dicir "graciñas" despois de atenderte en castelán, nin a palabra "riquiño"… eso non emociona. Ver a un tipo montado nun cabalo facendo un discurso simplista cargado de tópicos (seguramente certos) sobre galeguidade é ridículo. Outro home co peito ao aire e unha gaita colgada só se pode identificar cun pailán (home… que Budiño non anda por ahí en pelotas subido a un taxi!). E ter unha "aldea" para ir de vez en cando non é máis que algo para demostrar que xa non se está nela (Emilio José canta sobre esto). "Malo será!" claro que o dicimos pero que de ahí se saque que os galegos somos optimistas… hai moito eh! O conformismo e a sumisión non ten que ver co optimismo. E veña voltas co 'sentimento' ata provocar o desmaio no sofá (ou as ganas de ir cagar). Ten moito que ver, acaso, un tipo de Bande cun de "La Coruña"? E un de Foz cun de Lugo? Ben pouco! O mesmiño que un galego cun andaluz.
Cantas de esas persoas se emocionan lendo a Rosalía (se é que algunha vez a leron)? Ou cantos elixen coñecer a nosa terra antes de facer cento cincuenta viaxes a Amsterdam, Londres, París, Roma, Ibiza e Berlín?
O spot só pode emocionar, segundo o meu criterio, a quen non se sinte galego, ou a quen só ten de galego o feito de vivir entre varias liñas fronteirizas imaxinarias, ou aos que lles dura a galeguidade xusto o tempo do anuncio, ou aos executivos dunha empresa (Gadis) que só rotula en castelán. Son galegos os publicistas que fixeron o anuncio? Ou tan só copiaron outro anuncio arxentino e cambiaron a barbacoa polas filloas?

Non me gusta que a gaita sexa a única expresión da música galega. Mitin do BNG… e veña gaita! Programa da TVG… e veña gaita! Pais que falan galego normativo e que á mínima cambian ao castelán… fillo a clases de gaita! Entendédeme, non minusvaloro ese instrumento, de feito a min gústame, pero non quero que sexa utilizado en exclusiva como garante de amor a un país. Non fai falta. Ademáis, que desprecio á zanfona, ao pandeiro, ao bombo, á canaveira, á carraca, ás tarrañolas, aos pínfanos… Trátase de ser orixinal a veces, non? Tamén en Galicia se fai rap (Gran Purismo, Dios k te Crew), rock (Ataque Escampe), canción de autor (Fuxan os Ventos, Os Tamara), spoken word (nunha ocasión vin a Manolo Rivas recitando xunto a unha orixinal banda da Costa da Morte acompañando con guitarras, serrucho e batería… impresionante!), indie (Emilio José), sen etiquetas (Marful) ou pop (Som do Galpom). Todo para a gaita, subvencións, apoio, respeto institucional… e esto deriva nunha situación que aborrezo, unha grande cantidade de persoas que comezan a odiala sen ela ter culpa ningunha e que dan como resultado frases como "Has parar coa puta gaita", "Telegaita" (despectivamente), "E veña tocar a gaita" (como sinónimo de "tocar o carallo"), "Es máis pesado que Carlos Núñez"...

Con respecto a estes dous "non me gusta", quero dicir que a galeguidade lévase dentro e demóstrase día a día, non é necesario andar con chapas brancas con raia azul celeste e estrela vermella, nin poñer unha boina, nin empregar o verbo "coido" en lugar de "penso", nin comezar a vestir como unha pandereteira, nin cantar en galego na zona ultra dun campo de fútbol (e despois mirar ao do lado e dicirlle" me consola joder a los del Celta" ou "quien te diera que marcara ahora un gol Bebeto!"), nin irse vivir a Compostela, nin ler a revista "Vieiros". Cando un finxe, nótase moito, vese artificial, como estar a escuras nunha habitación e encender unha bombilla para dicir que é o sol. As cousas, os sentimentos, teñen que sair de forma natural, fluir (como fluían aqueles "hilitos de plastilina" do Prestige segundo dicía ese que vai ser o presidente de España desde hoxe) e se non é así, que se queden dentro, que non abrasen con chorradas… que estudei en dúas universidades e na miña clase só éramos dous ou tres os que falábamos en galego, joder (de sesenta)! Que ten de galego un pobo (que ademáis escolle a un goberno) que maltrata constantemente a unha cultura e a unha lingua? Non me toquen os collóns!

Non me gustan Arturo Pérez-Reverte nin Carlos Herrera. Do primeiro só poido dicir que "La piel del tambor" foi o único libro que non rematei en toda a miña vida e que as súas opinións na prensa son tan vulgares como populistas, á par que carentes de ningún tipo de profundización nin respeto. Do segundo, que lle gusta bastante as reaccións que provoca no público o primeiro e segue unha liña similar. ambos fan o contrario do que eu considero algo de calidade, fan máis ben o contrario. Reptan e fan de mercenarios ante os que os escoitan e len adaptándose ao que se quere oir (ignorantadas case sempre) cando tería que ser ao revés, fidelizar a partir de opinións. Son dous títeres en mans de dous egos tan grandes como a polla de John C. Holmes. Os seus discursos son tan pouco orixinais como o libro de Ana Rosa Quintana. Lémbranme a curas rancios, ao Burger King, á opinión de bar barata, á autopalmada no peito, á grasa que solta a pel, ás estafas, ao mofo, a un afeitado a medias, a un choque 'coche-columna de garaxe', ao catarro, a gafas empañadas…

Non me gustan os smartphones con todas esas aplicacións, tamaño ao USA e batería de recarga diaria. Non me gustan, provócame dor de cabeza o simple feito de pensar en ter que cambiar o meu teléfono actual por un destes. A lexión iPhone, as BlackBerry, os HTC, os novos Nokia, con conexións HD, escravos das redes sociais, carísimos, con plans fixos de tarifas, tan grandes como tabletas gráficas, encima das mesas de bar xunto ao tabaco e o chisqueiro, con fundas, aparatos do demo!

Non me gusta nada Rosa Díez. Non soporto as persoas que sempre queren estar por encima das outras sen importarlles como facelo. Esta tipa é un exemplo claro desto que digo. Líder de UPyD, un partido político creado por e para pailáns (con todo o respeto eh!). Unha muller con menos lucidez que unha pedra ao sol, con máis ganas de protagonismo que Mourinho, máis rancia que o unto, cun intelecto de menos vinte puntos, con menos clase que Belén Esteban, carente de ningún tipo de atractivo, descoñecedora da palabra respeto, con menos vocabulario que un sms, con esa cara de pemento de Padrón, unha señora que parece que vive no amargo absoluto (ou en caso contrario, non se explica que sexa como é)… nin falar da calidade e cantidade de sexo que debe ter… (esto encantaríame dicirllo para que me chamara machista).

Non me gustan tampouco as mostras de ignorancia que os propios confunden con intelixencia… e hoxe estou a piques de presenciar a maior.

Son todas elas, cuestións que teñen que ver coa identidade, unha identidade cada vez máis falseada.

2 comentarios:

  1. Dacordo con todo!! especialmente o anuncio para borregos do Gadis, supermercado con menos amor á terra que Carrefour, Eroski ou Mercadona. Tampouco me gusta nada a actitude paleto-elitista de Carlos Herrera. Nin tampouco me gusta nada o que vai pasar hoxe, e moito menos as "xustificacións" que cada un utiliza para elo. En fin...

    ResponderEliminar