domingo, 13 de noviembre de 2011

DEBATES E DESASTRES...




Non son deses que tira contra a clase política como se fosen seres aparte da sociedade, tampouco os defendo desde logo, son bastante crítico con todos eles. Non considero que sexa unha cuestión conxunta, xeral, de grupo. Penso que o problema está no propio individuo, no ser humano. Como se pode ser tan absoluto e simple nos comentarios e opinións cando se ven casos día a día que demostran que o que falla é a individualidade. O exemplo está na superficie, nas declaracións de facenda (con tanta xente escondendo asuntos e ganancias), nas facturas de ocio de fin de semana como ceas ou noites de hotel (que son aproveitadas para a declaración fiscal dos negocios propios), na compra de coches persoais a nomes de empresas, nos consumos irresponsables de luz, auga ou gasolina, nos 'pequenos' roubos en tendas, nas facturas infladas de obra e moito máis, unha tras outra, macarrada tras macarrada, trampa tras trampa. Os políticos somos nós mesmos pero con moitas máis posibilidades de facer mal, sinxelamente. Meu deus, nin que nós fósemos a hostia. Non diañizemos a ninguén por favor, son xente normal e corrente.

Tamén é certo que non todas as persoas somos iguais… a uns 'réinalles' moito máis que a outros. Debería existir unha norma que imposibilitase opinar ou criticar sen demostrar que o que emite esa opinión non fai o mesmo na súa vida privada. Con esto conseguiríamos que opinase moita menos xente, pero que o que se dixera, tivese moito máis valor. Todo esto vai sobre tentacións e forza de voluntade. É unha cousa parecida á infidelidade de parella. A min non me gusta, por suposto, e poido opinar sobre ela, pero dunha forma cauta e respetuosa, non categórica. Para min, quen o fai de maneira oposta, non está sendo moi honesto nin moi xusto. Como diría aquel, "hai que verse" porque hai tentacións e tentacións e mentres non se nos den a cada un, non podemos ter a arrogancia de ser tan categóricos. Gustaríame a min ver a moitos e moitas con parella con Giselle Bundchen ou George Clooney dispostos a ter un affaire… ou a moitos e moitas atopando unha carteira con doce mil euros no chan. Habería quen actuaría dunha maneira e quen doutra pero ata que pasa non o sabemos.

Nesta liña, crítica pero certamente contida, teño opinións sobre o mundo da política pero admito que me cansa moitísimo dala, non creo que sexa moi importante, nin que sirva de moito… é difícil facer cambiar de opinión á xente e, ademáis, cada día convénzome máis de que non merece a pena defender a quen non quere ser defendido. Hai moita queixa, pero de cafetería e polo tanto, que cada un mire por sí mesmo. Se a nosa sociedade fose diferente, ao mellor cambiaba de opinión pero visto o visto… É como cando o pobo (mundial), en xeral se queixa de que a culpa da crise a teñen os mercados… vaia maneira de insultarse a sí mesmos! Quen carallo son os mercados máis que nós mesmos? O mercado non se rixe pola oferta e a demanda? Ahí entramos nós, non? Temos o poder de elixir o que consumimos e non facemos máis que contribuir a encher esto de merda.

Como estou canso de intercambios de opinión sobre asuntos que a priori parecen de capital importancia pero ao final non o son tanto, gustaríame centrarme hoxe nas cinco cousas "sen importancia" que máis me gustaron do pasado debate entre Alfredo Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy.

1. As reaccións de linguaxe infantil.
Foi realmente divertido ver como nos momentos nos que se interrumpían saían os nenos que toda persoa leva dentro. Esas interrupcións non están no guión linguístico e expresivo (seguramente sí no estratéxico) e polo tanto toca tirar da colleita propia. O resultado foi ver a Rubalcaba dicindo "Me quedan dos segundos" (como en Pasapalabra) ante a moderación de Campo Vidal, a Rajoy facendo xestos en plan 'sí hombre!', a Rubal dicindo "No, Mariano" e o outro "Sí", "No", "Sí", "No" (boísimo, un 'túa-miña' brutal) ou a Rajoy contestando ás acusacións de estar lendo todo o tempo cun "No leo ni programa ni nada". Tamén estivo ben cando Mariano dixo algo así como "No me saque gráficos de nada" cando Rubal lle ensinaba un cadro cos índices de delitos dun goberno e outro (ou foi co da evolución das pensións?).

2. Os vaciles.
Os vaciles foron o máis divertido do debate, como unha conversación na rúa, e fixo bastante ameno o asunto, polo menos foi unha nota cómica entre tanta cifra e dato incomprensible pola audiencia. Aquí está máis curtido o candidato socialista, por valía persoal, nada que ver coa ideoloxía (xa que Zapatero nesto non era ningún artista, máis ben era tipo Rajoy). Non estivo mal cando lle dixo a Mariano "Puede consultarlo… eso sí, hay que traducirlo, está en francés" sobre o documento do imposto ás grandes fortunas francesas. Cando se vacilaron mutuamente foi no momento no que o popular "se confundeu" e chamou Rodríguez Zapatero a Rubalcaba, este correxiuno e o galego replicou que se confundira porque dicía as mesmas cousas sen sentido que José Luís no debate de fai tres anos, ao que Rubal dixo que sabía quen era Zapatero e que lembraba o debate, aquel no que Mariano perdera. Esto chámase Pim-Pam-Pum! Rubalcaba tamén lle deu un dato a Rajoy afirmando que "Aunque esto no lo diga en la ficha que no para de leer". Non quero esquecer unha nova modalidade, o autovacile que inventou Rajoy elixindo (ou vindo imposto desde as clases de dialéctica da Rúa Génova) o termo "insidia" como o máis empregado no seu speech. "Insidia" señores! Hai que telos cadrados! Cos problemas que ten para pronunciar os "eses"! Eso é capacidade de superación… ou masoquismo, segundo por onde se mire, claro. Acaso non puido dicir "malintencionado"? Xa postos valientes puido pedir un Passport con Schweppes.

3. As estratexias.
Dentro deste capítulo, cabe destacar o papel que xogaba cada un. O socialista tentaba movilizar ao electorado de esquerdas e aos indecisos (creo que sin moito éxito) mentres que o popular facía eso de "laissez faire", deixarse ir sen falar moito e sen meterse en asuntos espiñosos. Rubalcaba atacaba co conscientemente ambiguo programa electoral do PP e Rajoy negaba sen maís. Un mostraba a frescura dunha leituga (propia de quen ten todo perdido e só pode gañar, sexa así ou non) e outro lía sen parar (incluso o discurso de peche) ata seis centas veces segundo os medios de comunicación.

4. Os outfits.
Supoño que para a maioría de vós, a imaxe non é tan importante (ou ao mellor me equivoco e sí o é) pero para min é moito, sempre parello ao valor persoal, por suposto. Para moitos só importa que faiga ben o seu traballo… pero a cuestión é que hai moitos que fan igual o seu traballo e ahí é onde hai que elixir entre uns e outros. Un exemplo real desto, Guardiola ten unha imaxe impresionante (seguridade, educación, temperamento, intelixencia, elegancia, clase…) moi en consonancia co seu interior (culto e o resto de adxectivos de antes), é dicir, o de dentro vese fóra, ou o de fóra viste ao de dentro. Non é só importante ser listo, senón parecelo tamén (a unha coa outra, sempre… por separado, mal). En cambio, Luís Aragonés será un bo adestrador (tampouco o sei, eso din) pero con esas pintas e formas, mal imos!
Centrándome no caso de Rubalcaba e Rajoy, está claro que ningún dos dous ten unha imaxe ideal, non entro no tema de ser máis ou menos guapos, non é eso, máis ben en deixes, maneiras, vestimenta, posturas, xestos e demáis. Rubalcaba tiña a garabata torta polo micro, a americana sentáballe fatal e encórvase máis que Burns dos "Simpsons" ou que Corvax de "Big Muzzy". Rajoy, pola súa parte, ten máis pranta, é máis alto, pero ven a ser como eses pivots zoupóns dos equipos de baloncesto de liga autonómica, fai movementos coa lingua de pervertido, está cambiando de luces cortas a longas seguido cos ollos e segue poñéndose moi nervioso pola súa falta de naturalidade (o que por outra parte me indica que é bo tipo, seguramente un pardillo). Eso sí, púxose tipo ultimamente… debeu estar facendo aqua gym.

5. Os medios de comunicación e as redes sociais.
Resulta canto menos chocante ver como reaccionan os medios de comunicación de masas (os famosos Mass Media) despois do cara a cara, así como a aportación das redes sociais durante o combate. Comezo por esto último. Tanto Twitter como Facebook (as principais) fervían en actividade e participación e podían lerse cousas como estas: "Rubalcaba sale vivo del bloque económico. Rajoy perdona por jugar a empatar", "Rajoy cambia de estrategia y empieza por sus propuestas.... Por algo será" (do profesor de universidade xovense Antón Losada), "Rajoy lendo outra vez, de novo co conto da creación de emprego e ignorando o que lle acaba de dicir Rubalcaba", "Non me parece tan estéril a estratexia reporteril de Rubalcaba" (do xornalista cultural galego Iago Martínez), "Qué gran error cometió Rubal al no aceptar el consejo de que se pusiera fundas en los dientes! El primer plano le está destrozando" (ao que un tal Dhuncan lle contestou "igual que cuando a ti te aconsejaron ponerte una careta"), "Rubal interrumpe una y otra vez, está fuera de registro. Me recuerda a Segolene: Je suis en colère" (de Pedro J. Ramírez),"A Rubalcaba le ha quedado la corbata torcida con un micro" (do xornalista de Público Ignacio Escolar) ou "-POLÍTICA AGRARIA COMÚN- AHAHAHAH, RAJOY HA HECHO 3 CHISTES EN UNA FRASE DE 3 PALABRAS", "Bueno, Almunia despertou... un pouquiño" (do músico galego, perdón ourensano, Emilio José).
Por outro lado, os medios de comunicación, case na súa totalidade (menos Público e La Sexta) deron a Mariano como vencedor da pugna dialéctica cando para min é obvio que foi ao revés, non entro en ideoloxías políticas, tan só en transmitir ideas, defendelas e facelo con naturalidade e seguridade. Se detrás non houbese siglas de partido, e pasase o mesmo en calquer outro contexto, creo que todo o mundo opinaría que Alfredo bailou a Rajoy. E outra cousa é quen sae gañador do debate, que é Mariano, que de feito, xa o tiña gañado sen presentarse. A esto último é ao que se refiren os medios, a que non serviu de nada o debate, como se di coloquialmente, porque o peixe estaba vendido.


O debate foi, en conclusión a crónica dunha morte e o relato dun nacemento. Morte dun candidato e proxecto que non fixeron ben os seus deberes e nacemento, despois dunha sesta de sete anos, doutras ideas que arrasarán nas eleccións do 20N. Un combate entre un candidato posto ahí para a derrota e un dirixente que en dez días acabará as vacacións para facer o que se agarda del… ou polo menos o que agardo eu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario