domingo, 27 de noviembre de 2011

RESPOSTA A UN COMENTARIO DO 18 DE XANEIRO DE ESQUERDAENFOZ.BLOGSPOT.COM


Xa non lembro como cheguei eu hoxe a este blogue pero nesta entrada apeteceume comentar (e fáigoo desde o meu perfil blogger real, mostrando a miña identidade).

Ben... o primeiro ao que quero referirme é ao título do post: "Aprendendo a falar galego". Son dos que penso que as linguas hai que estudalas e, polo tanto, aprendelas (aínda que sexan as nosas) porque do mellor uso que de elas se faiga, extraerase a idea de riqueza de lingua (e de pobo). Hai moitos estudos que demostran que cada vez, as persoas dispomos de menos palabras no noso vocabulario (e a verdade é que se nota moito). E en relación con esto, é importante coñecer que hai moitas persoas que falan varias linguas e que son analfabetas en todas elas (esto explícase porque aprenderon falando, a base de fonética... xeralmente inmigrantes... eu comprobeino cos galegos en Londres) e estou seguro que esa non é unha situación cómoda nin autónoma á hora de desenvolverse nun país. Deixo claro entón, que debemos coñecer a lingua, estudala, o cal non quere dicir mirar só para a Mesa pola Normalización (e dinamización) Linguística.

Son crítico e comparto contigo a opinión de "artificialidade" á que está chegando a nosa lingua en boca de algúns pero difiro na análise. A nosa lingua chegou a un punto moi complexo de, digamos, "mareo institucional histórico" que desemboca en cambios de "avance-retroceso" (por exemplo, fai trece anos dinamizábase a segunda forma do artigo "come-lo peixe" en detrimento de "comer o peixe" e hoxe en día sucede xusto o contrario) que estancan a situación do galego ata rozar a parodia. Aquí tamén podería incluir certos termos de dubidosa orixe que algúns excéntricos lingüistas se sacan da manga nunha mostra irreal de patriotismo cultural ("coido", nembargantes"...).

Non estás no certo cando falas de "fala artificialmente aportuguesada", non, todo o contrario. Ese "aportuguesamento" nunca sería artificial, sería o natural. Unha lingua, o galego-português, é a única que debería ter existido (no noso mapa me refiro), o que pasa é que, como saberás, en Galicia vivimos cousas que afectaron ao noso uso (como a falta de educación de calidade en lingua propia e demáis cuestións históricas). Os cambios que van hacia o portugués son os lóxicos (o "ao" en lugar de "ó" por exemplo)... o problema son os que non van hacia ningures.
Falo e escribo portugués polo que coñezo tanto as grandes diferencias que existen entre este e o galego, como os motivos evolutivos desas diferencias.

Non me gusta cando falas de "noxento galego transxénico". É unha falta de respeto grande ás persoas que traballan e traballaron por el... que cometen erros, por suposto, pero fan cousas moi importantes pola miña lingua (e non é opinión, é información, un feito).

Sobre o BNG, en oposición ao que ti pensas tamén, quero dicir simplemente que son os únicos que miran algo polo galego (dun xeito ou outro)... e falo en termos de partido, non individuais. Esto está máis que claro. E digo esto deixando claro que non son do BNG e que non son nacionalista, sí galeguista.

E para rematar xa, ti falas de que separan... quenes? O BNG? Algúns dos seus membros (os menos respetuosos coa pluralidade) pode ser... pero en xeral, non o creo. Chegar á idea dun galego común a todos é algo básico, o cal non está reñido co galego oral propio de cada bloque dialectal. Non esquezamos, que na fala, os diferentes "tipos" de galego son válidos e ninguén di que os que falan así o falamos mal. Eu a eso chámolle riqueza de lingua.

Fai uso do teu respeto á pluralidade para respetar tamén que cada un fale como queira, aínda que a ti non che guste ou che resulte artificial.
Os mesmos dereitos para uns que para outros...

E eso ao que te refires de "impoñer" unha lingua é o que me fai dubidar que realmente sexas de esquerdas. Pode que estés afiliado (ou sexas simpatizante) a un partido que consideres de esquerdas (ou non) pero esa afirmación é propia da dereita máis rancia (por outra parte, un discurso que calou moito tamén na esquerda "menos esquerda" e máis centralista). Eso terías que miralo ben! "Imposición" foi o que houbo historicamente co castelán e esto tratábase dunha xusta igualación (que nunca será real nesta sociedade cada vez máis diglósica). Aquí metíchela ata o fondo... a non ser que o que pretendas con esto (esquerdaenfoz.blogspot.com) sexa ademáis de dar a túa opinión, de dereito, facer populismo con fins partidistas.

E ESQUECÍAME... O CASTELÁN, NOS ÚLTIMOS ANOS, EXPERIMENTOU OS MESMOS (OU MÁIS) CAMBIOS QUE O GALEGO, O QUE PASA É QUE NON SE ARMA TANTO ESCÁNDALO... OU SIMPLEMENTE, QUE É UN DATO QUE SE DESCOÑECE... E A IGNORANCIA DÁ LUGAR A OPINIÓNS DE VALOR MOI LIMITADO.

1 comentario:

  1. Sublime. Enserio, abandonando a ironía, acepto e sométome á túa (ou vosa) crítica.

    Falta neste mundo xente que acompañe as súas réplicas e comentarios críticos con argumentos levemente aceptables.

    No teu caso os argumentos e o bo falar fanse ver ata nos espacios, cousa que se agradece.

    Así mesmo agradecémosche que sexas, ainda que crítico, fiel seguidor do noso blog. Moitas gracias, xa que aceptamos este comentario xa non como crítica, senón como glosario de consellos para mellorar en vindeiros artigos pois, ainda que digan o contrario... ninguén nace aprendido.

    ResponderEliminar