domingo, 22 de enero de 2012

REFLEXIÓNS SOBRE O ÚLTIMO REAL MADRID-F.C. BARCELONA




"Sinceramente, el Madrid no está para ganarle a este Barça. Fallos defensivos, jugadores anulados, técnicamente están por encima, etc. Es desesperante. Mourinho es el máximo responsable de los fichajes. La sensación que hay es de quiero y no puedo" (un amigo meu de Facebook).

"La historia interminable" (MARCA en portada).

"Héroes, villanos" (MUNDO DEPORTIVO en portada).

"Mourinhada y lo de siempre" (AS en portada).

"Los putos amos del Bernabeu" (SPORT en portada).

"O que fixo hoxe o Madrid é todo menos fútbol" (amigo).

"Ha sido la derrota que más triste me ha dejado" (Álvaro Benito, ex-xogador do Real Madrid e agora metido a punk ñoño-chicletero).

"Pepe ha hecho un buen partido" (Mourinho en roda de prensa).

"No tenemos equipo para ganar al Barcelona" / "Así no se puede…" (siareiros merengues á saída).

Estes eran algúns dos titulares das principias editoriais deportivas, opinións de particulares, comentarios e demáis reaccións post-partido. E comezo con elas porque mostran, dalgunha maneira, o sentir da globalidade, o que me dá pé para facer as seguintes reflexións.

Quero apuntar de inicio que eu xoguei toda a vida a baloncesto pero o fútbol encántame, son moi futbolero, e creo que teño o dereito de mostrar a miña opinión (por se acaso se irritan os donos do balón de extremidade inferior). Medrei desfrutando cos enfrontamentos Madrid-Barça e Barça-Madrid, en Copa, Champions e Liga, e admito que o sigo facendo (basicamente porque o meu equipo gaña) pero de moi distinta forma. Os clásicos non o son porque sí, sono porque os que se miden na batalla son dignos desa batalla. Lembrades eses Chicago Bulls-Utah Jazz? Os Bulls-Phoenix Suns? Os Celtics-Lakers? Os antigos Barça-Madrid? Os Francia-España de balonmano? Os Sampras-Agassi? Os Federer-Nadal? Os Pedrosa-Lorenzo? Os Kárpov-Kaspárov? Eu sí.

Agora mesmo, o Real Madrid non está sendo un rival digno, independentemente de marcadores e resultados e, non ser é diferente a non poder selo. O Real está confundindo algo tan básico como é a súa propia identidade. Pérdese en pensar como xogarlle ao Barça, sen decatarse que nin eles mesmos saben a que xogan. Non teñen confianza en si mesmos… para nada! A confianza non se mostra, con todos os respetos, contra o Sporting, móstrase nos momentos importantes (o Sporting, en cambio, sí a demostrou o ano pasado gañando no Bernabeu). Costa moito ver, sinceramente, como siareiros madridistas acepten eso de "Ao Barça non se lle pode xogar de ti a ti". Como? Que? O Barça é un equipo de ensoño, dacordo, pero sexamos serios, soamente son uns futbolistas de moito talento facéndoo o mellor que saben. E precisamente esa é a diferencia máxima, o Madrid son xogadores de moito talento que non o fan o mellor que saben. Ou agora querédesme dicir que C. Ronaldo (do que falarei logo) é especialista en correr dun lado para o outro defendendo? O equipo madrileño ten un equipazo e pode gañarlle ao Barça… e manda carallo que sexa eu quen teña que dicir esto.

Non quero ser pesado pero é que non hai nada máis real, o Barça é un equipo que cre en si mesmo, cun proxecto asentado desde abaixo, cunha filosofía, sí, son un equipo e non un conxunto de estrelas soamente (houbo Barça's que pecaban desto outro). Cren no que fan porque saben que é o mellor que poden facer. O Real Madrid, pola contra, está perdido en encontrar "LA SOLUCIÓN FINAL", o que se traduce por coser a hostias ao Barça e por facer algo que dista moito do que debe entenderse por fútbol. Quen ten a culpa? Eu véxoo claro. José Mourinho. Non vou entrar en se é bo ou mal adestrador, non creo que faiga falta, ten un curriculum que o avala, agora ben, non é ese superhome que moitos cren… e se non estades dacordo contestádeme a esta pregunta: Sería peor o Madrid con calquer outro adestrador? E agora… podería ser mellor con algún outro? Eu respondo "Non" e "Sí" respectivamente. O que eu creo, vou ser franco, é que Mourinho non está facendo o seu traballo… e nesto tedes que concordar comigo os que credes que é moi bo… porque confiades en que pode facelo mellor, non? Alguén pode explicarme de que forma preparou os enfrontamentos directos? Que capacidade de reacción e corrección tivo? Que tipo de análises fixo? Hai adestradores que cos seus equipos fixeron suar ao Barça… e son moito máis modestos e menos recoñecidos a nivel mundial. O que pasa é que tamén pode que sexan máis traballadores… ou polo menos, traballan mellor… que é do que se trata. Tamén pode ser que pensen máis en todo o que representa un equipo (xogadores, directiva, staff técnico, afición…) e menos en si mesmos.

Mourinho pensa demasiado na súa propia figura, nesa persoaxe que autocreou, cun ego desmedido, amante da polémica, acaparadora dos flashes, carne de titulares, ese "Special One" ("o elixido", "o único" na traducción real), apodo que recibiu na súa etapa inglesa e que lle fixo esquecer a súa verdadeira identidade (con toda seguridade, moito máis interesante que a actual). Cando vivín en Londres, nese tempo, xa vivín todo esto que está pasando agora, as mesmas protestas, as mesmas polémicas, os mesmos conflictos, todo. Non ten máis recursos o portugués? Mourinho adora ser o centro de atención, por encima de todo. É o seu alimento, a súa droga. Despois do encontro copeiro, dixo esa famosa frase de "Las victorias tienen muchos padres, las derrotas sólo uno". Non lle falta parte de razón pero no seu caso non é certa. Con el, o éxito ten un nome: Mourinho, e o fracaso, ten o mesmo porque acapara toda a atención. Quere e gústalle estar por encima dos xogadores. El sí é un amante do teatro. Proxecta (en forma de acusacións) nos demáis os seus propios handicaps. Ademáis, é unha frase victimista, como el a di. É unha entoación irónica do "mea culpa" no sentido de 'teña eu a culpa ou non, botádema a min porque son moi forte e poido soportala' exculpando dunha forma non real aos xogadores. Insinúa o contrario do que di. Sempre. Quere mostrar que é tan seguro, que se esquece de que hai xente que xa ten collida a medida, xente que xa coñece a súa estratexia. Moitas veces, as súas caras durante os xogos revelan sensacións e emocións contrarias ás que quere vender.

A xente di, os xogadores están con Mourinho a morte, é un parapeto para eles, un escudo humano ante as críticas, dao todo, sabe manexar aos medios, tenlle a medida tomada ao Barça. Vou comentario por comentario. Primeiro, que os xogadores están con el, xa deixei clara a miña postura de que non é así, non todos, tan só os que non son capaces de ver o que está mal. Segundo, non é ningún escudo, son as ansias por ser sempre o que está no candeleiro, por ser a estrela (curiosa forma en que el ou os medios lle dan a volta á tortilla). Terceiro, non o dá todo, non traballa o que debería. Non vos parece sospeitoso que a maioría das persoas (fundamentalmente madridistas) pensen que fai todo ben? É que non se para a xente a custionar cousas? Onde queda a conciencia crítica? Ou trátase de apoiar a morte aínda que lle meta o dedo no ollo despois do partido ao adestrador rival? Esto que é… o patio do Martínez Otero? Cuarto, que sabe manexar aos medios? Deixa que me aforque anda! Xusto! Moitísimo! Non me jodades! Son os medios os que saben manexar a Mourinho. Do que non se dá conta, é de que os que ten enfronte son moito máis intelixentes ca el e que o utilizan para dar titulares as empresas nas que traballan. Parece que os aficionados tampouco ven esto… pero en fin, esto non me extraña tanto. Este tipo de cousas, lémbranme a cando, no contexto do ligoteo, un tipo se gaña a fama de ter labia por enganar a catro tontas desas as que lles din "quérote" a primeira noite e caen rendidas. E o xefazo, paseándose por ahí co peito cheo, pensando que é un crack. Non! A cuestión é o nível intelectual desas mozas! Depende da liga na que se xogue! depende de quen tes enfronte! Habería tías formadas e listas que se darían conta no segundo 10 que a quen teñen enfronte é a un capullo que non sabe facer a "o" cun canuto. Pois eso mesmo, para moitas persoas Mourinho é manexado e para outras é el quen manexa. Bendita diferencia! E quinto, case non merece ser comentada, se eso é terlle tomada a medida a un equipo, o Holocausto nazi é un invento dos xudeos.

Unha das peores cousas (e ao mesmo tempo postiva) para este equipo é que unha parte importante dos xogadores saben realmente que este non é o camiño. Falo de Casillas, Xabi Alonso e Sergio Ramos sobre todo… pero hai bastantes máis. Nótaselles moito na súa linguaxe xestual… e a veces oral. Outra cousa é a postura ante os medios que sempre ten que ser de defensa do proxecto, basicamente porque o contrario, suporía unha grave ruptura que provocaría unha importante crise institucional. Deso todos son conscientes. Querédesme dicir que os xogadores do Madrid (co ego lóxico que teñen) non saben que son o suficientemente bos como para gañar a Xavi, Messi, Iniesta, Puyol e compañía? Por favor! Que Ronaldo tirou un tiro e marcou un gol. Que é un puto crack!

O madrid contra o Barça non xoga ao contraataque, por deus, xoga a pecharse atrás, facer tres contras e veña dar paos. Sexamos realistas! Como pode ser que confíe eu máis neles que o seu propio adestrador? Non o entendo. Casillas, Ramos, Arbeloa, Marcelo, Xabi Alonso, Khedira, Granero, Kaká, Higuaín, Özil, Di María, Benzema, C. Ronaldo… estes tipos non saben xogar a esto? Apaga e ímonos logo! Son xogadorazos en todos os sentidos. Son fóras de serie e demóstrano cando lles deixan. Non hai que gañarlle ao Barça, hai que deixarlles facer o que saben, joder!

Quero falar neste punto de Cristiano Ronaldo, tan odiado, abucheado incluso no último partido ligueiro por baixa forma. Ben, pois para min, sempre dá o máximo, sempre, equivocarase ou acertará pero é un competidor nato. Creo que non se lle pode poñer unha pega. Que queremos, que meta todo o que tira? Que a colla na defensa, recorra o campo enteiro e se meta dentro da portería que defenden Pinto ou Valdés? Veña home! Neste último clásico, non parou de correr detrás da pelota, para nada… pero claro, era a creativa misión que lle encomendou Mourinho (e agora permitan que me ría). Fun deportista e amante do traballo duro polo que sei cando alguén se esforza e cando non. Nótase a leguas de distancia. Tal como xoga o Madrid, Ronaldo non pode facer máis. Dito queda. Das súas saídas de tono fora do campo non falo, cada un ten a súa forma de ser e unhas gustarannos máis que outras. Para min, é un profesional excelente. E por certo, ningunha actitude reprobable nos clásicos (con todo o que pasou… que ata Arbeloa, Alonso e Íker perderon os nervios).

Mención aparte merece Carles Puyol… o meu preferido. Nin balóns de ouro, nin recoñecementos dos media, nin gorras de Gucci nin paridas do negocio. Fútbol! Fútbol señores! Sair ao campo a gañar! Xogando limpo, con deportividade, conciliando, ensinando… e con trinta e tantos. Lembro o seu primer partido, o primeiro que o vín xogar, desde ese mesmo momento souben o que significaba ese tío. O que vale, vale. E punto. Forza, carácter, velocidade, colocación, poucos pases perdidos, liderazgo, raza, sentimento, respeto, lateral, central… o mellor defensa do mundo.

A Casillas quero nomealo, simplemente, non fai falta dicir máis. O mellor porteiro da historia, boísimo, dá gusto velo. Alguén me pode dicir os erros que tivo este xogador en toda a súa carreira? Moi difícil conseguir o que este.

E deixo para o final o máis lamentable, o que máis me cabrea, o que máis rabia me dá: Pepe e eses cantos siareiros que cantaron "Messi, Messi, Messi subnormaaaaaaal". O do defensa portugués é un caso aparte. Hai xogadores duros, teatreiros, rabeóns pero este… este é de xuzgado de garda. Cantas máis ten que facer para que o expulsen da nosa liga? Directamente, eh! Para fóra! Sen concesións. Sen perdóns. Só faltaba agora que se desculpase e listo. Para fóra digo! Son dos que pensa que a facultade de pedir perdón anúlase cando este perdón se ten que estar pedindo reiteradamente, sistematicamente. O que ten valor é deixar de facer esa cousas polas que pedir perdón. E bueno… Pepe non fai nin unha cousa nin a outra. Para fóra! Xa se beneficiou bastante do fútbol, ou sexa que se vaia para o seu pobo, monte unha tenda de deportes e aprenda a sumar, a ler, en definitva, que se matricule nunha escola e volva a empezar de cero.

A afición que cantou eso de Messi. Que vergoña! Son dos que non lle ven sentido a ese tipo de cousas… sen mirar a cor da afición. Critícoo pase onde pase. Tampouco me gusta eso de "¡Ese portugués, hijo puta es!". Nada. Unha cousa é insultar ou impropiar con xeneralidades tipo "Animal!" se fas unha animalda (como Pepe) e outra moi distinta son ese tipo de cousas que degradan máis ao que insulta e que desnudan e firen profundamente ao foco da inxuria. Non me gustan nada as persoas, para empezar, que empregan a palabra "subnormal" para descalificar… desde pequeno o odio, con todas as miñas forzas. É un signo de debilidade agochado na que eles cren é unha superioridade. "Subnormal"! Con que intención? Por que Messi fala pouco? Por que non é moi lúcido? Por algunha limitación que eu descoñezo? Non sei, non teño o prazer de tratar con el para sabelo. Ademáis, opta Messi ao Nobel de algo? Investiga en algunha universidade? Sae no programa de Punset falando de neurociencia? Reúnese con Fernando Arrabal para debatir temas filosóficos? Reuníase no Café Gijón cos intelectuais da época? Non, verdade? Messi é xogador de fútbol… e non o fai mal… burro no campo non é, verdade? Haberá logo que chamarlle a Stephen Hawking "paralítico de merda"… ou a Trueba "virollo que non sabe mirar"… en fin… moi de mala hostia me pon. Pero, un momento, vaiamos ao que eles poden entender por "subnormal". Seguro que pensan en ese insulto de "burro", "tonto", "retrasado" (outra palabra bonita que seguro empregan moito). Ben… pois haber… eses que cantaban, estou seguro que poden identificarse con varios estereotipos que agora vos digo. Por unha parte, tipos que malviven en Madrid gañando mil euros (ou menos) ao mes, que ven o partido fumando porros de costas ao campo, deixándose levar por cánticos que aprenden semanalmente de memoria cando non foron capaces nin de memorizar os contidos para obter o graduado, que pagaron cento cincuenta euros por unha entrada que lles fará comer pasta o que queda de mes (sen sequera poder gastar en salsa de tomate) ou, o que é peor, que a compraron na reventa por setecentos e non lles quedan aforros para pagar o seguro anual do coche, e que cando saen do campo acaban pelexándose cos que tiñan ao lado por discrepancias na causa da derrota. Segundo o entenden eles… esto non é ser "subnormal"? E por outra parte, están eses capullos de camisa coa CH comprada en El Corte Inglés, con pantalóns chinos marrón claro, cunhas New Balance que os fan sentir tres centímetros máis altos, con papás que compran La Gaceta e ven El Gato al Agua, con butaca cómoda, que se cren que porque o seu soldo sexa de tres mil euros para arriba son ricos sen reparar en que traballan o dobre de horas do que deben, que fan tanto a pelota aos seus xefes que a boca se lles está convertindo nun chocho e que asistir ao Santiago Bernabéu é a triste evasión (e única forma de sentirse neste mundo) que teñen ante a súa ridícula vida persoal. Os primeiros deberían tatuar na fronte "Soy un capullo y me encanta comer mierda". Os segundos, darse conta de que Messi é baixo, non moi guapo, provén dunha familia humilde, como eles pensan é burro, e con todo esto, gaña nun ano máis do que eles en vinte vidas traballando sen parar… oh, deuses do Barrio de Salamanca!

Acabo manifestando que, pese a todo o anterior, a eliminatoria segue aberta… e só porque a marabilla do deporte o permite. Que quedan noventa minutos por xogar e que espero, sen demasiado convencimento, volver a vivir clásicos que merezan a pena, clásicos nos que os dous xoguen como poden, clásicos dignos, clásicos con ocasións por ambas partes, clásicos emocionantes, clásicos nos que se poida dicir que o teu equipo xogou mellor sen mentir, clásicos nos que non se busquen escusas, clásicos de verdade… clásicos.

VIVA O FÚTBOL!





P.D.: É importante darse conta de que o deporte baséase no xogo, na disputa, na competición e en intentar ser o mellor… non só en gañar (que tamén). Hai unha diferencia entre ser o mellor e gañar e que creo que moita xente non comprende. Moitas veces ambas cuestións van unidas. Outras non. Cando non é así, existen dous tipos de deportistas: os que prefiren gañar e os que prefiren saberse os mellores. Se tivese que elixir, eu prefiro estar cos segundos, prefiro ser o mellor. Un exemplo: Nunha ocasión, nun partido, o equipo rival tardaba e íasenos dar a victoria por non presentación do contrincante. En vez de aceptar, agardamos e xogamos o partido. Perdimos. Uns pensarán que é unha pardillada, como se di, eu non o creo. A min gústame a disputa… aínda que perda. Gústame medirme ao rival… deso se trata, non? ESO É O DEPORTE, así é como eu o entendo… o resto só é NEGOCIO.

P.D.1: En relación co anterior punto… sería o mesmo Rafa Nadal (tanto para el mesmo como para o público) se en lugar de gañarlle tantos títulos seguidos XOGANDO a Federer llos gañase con retiradas por lesión ou por non presentarse? O que importa é medirse xustamente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario