domingo, 29 de enero de 2012

O PRACER DAS PEQUENAS COUSAS

O pracer das pequenas cousas. É unha frase bonita, verdade? Cinco palabras ben chulas que din moito sen un esforzo estético excesivo. Falan por sí solas. O pracer das pequenas cousas.

Ultimamente (e este adverbio ocupa bastante espazo de tempo, varios anos), os momentos nos que máis desfruto, son aqueles nos que me quedo na casa só ou acompañado (mellor) e da sinxeleza dun plan de cea e filme sae algo xenial.

Un exemplo. Son as nove da noite (ou da tarde, nunca sei se ese período do día pertence a un ou a outro) dun Venres calquera, a luz da cociña encendida, e poñamos Carla e máis eu abrindo e pechando a nevera, abrindo e pechando estantes, sacando os ingredientes que imos necesitar para preparar o que nos levaremos á boca. Unha morcilla recentemente traída de Burgos, unha barra de pan de leña, queixo brie, queixo de cabra, tomates Kumato, cebola, noces, cecina, marmelada, pementos e bonito en conserva. Todo listo para ser cociñado.

Ese momento no que a cociña se convirte en protagonista é un dos momentos máis importantes porque se produce unha interacción entre os membros durante a labor culinaria. Tanto se é unha soa persoa a que o fai, como se son as dúas, as pequenas e pouco relevantes charlas, as discusións idiotas, os roces, as palmadiñas no cú, os bicos, as bromas… son como un quecemento antes do momento cume. En pouco tempo, tres tipos de tostas diferentes enrriba da mesa (catro por cada tipo), unha boa botella de viño doce francés (moi difícil de conseguir) e un postre, ou fin de festa mellor dito, que despois vos presento. Despois, un minuto para salivar mentres eliximos o filme a ver de entre todos os do moble da tele… poñamos que falo de "Las Invasiones Bárbaras" de Denys Arcand (Oscar no 2004 na categoría de Mellor Filme Estranxeiro).

Ao mesmo tempo que un se deleita cunha historia divertida (e esto non é algo contradictorio) e marabillosa sobre a vida dun profesor universitario a piques de ser devorado por un cáncer, apréciase a importancia e mérito dunha boa mesa.

Menú:
1. Tosta de morcilla de Burgos sobre queixo brie e reducción de vinagre de Módena. (2 unidades por persoa).
2. Tosta de pementos verdes e vermellos (asados coa lentitude de quen non ten présa) e bonito en conserva caseiro. (2 unidades por persoa).
3. Tosta de queixo de cabra e cecina aderezada con cebola caramelizada. (2 unidades por persoa).

Postre-fin de festa:
1. Un xeneroso rulo de cabra cun golpe leve de forno sobre o que chove unha rica e temperada marmelada de tomate. (1 unidade por persoa).

Bebida:
1. Auga fría da miña xarra purificadora.
2. Unha botella de Clos Dady 2007 da Denominación de Orixe Sauternes (un estupendo viño doce francés elaborado con uva semillon / sauvignon e muscadelle que se serve moi frío).

Comendo… bebendo… o tempo vai transcurrindo… o filme vai avanzando… os pratos van quedando baleiros… as copas aínda non… son a sobremesa perfecta… de sentados no sofá pasamos a unha posición tumbada na que os corpos se entrelazan baixo un par de cálidas mantas. Un momento difícilmente mellorable (sí optimamente culminado ou completado cando acaba a peli), uns instantes máxicos de verdade, unha sensación total, un benestar máximo, algo doado de conseguir.

O post-momento guai tamén é moi pracenteiro. Chega ese momento no que despois dunhas horas, o sono non che deixa continuar e decides serenamente ir para a cama durmir sabendo que o farás ben porque ao día seguinte non hai cousa urxente que facer, será Sábado e outro momento xenial chegará, o do tranquilo, pausado almorzo de dez da mañá. Croissants, tostadas con marmeladas varias e mantequillas, chocolate quente e o insulso pero anestesiante mando a distancia.

O mellor de todo esto, é que este plan pode variarse tanto en menú como en complemento audiovisual. Quen di ver unha peli (que queda moi ben), di ver un partido de fútbol… e quen di un partido de fútbol, di ver o Barça contra alguén a quen lle apeteza perder. E se apagamos a tele, temos centos de discos de música para elixir… imaxinade un "Love Supreme" de John Coltrane, un "Isla" de Portico Quartet, un "Gemini" de Wild Nothing ou un "Declaration of Dependence" de Kings of Convenience. E tamén temos libros que ler ("Gaveta de Papeis" de Peixoto, "Ultraviolencia" de Noguera…) ou cómics ("Watchmen", "A man do diaño"…). .. por non falar de revistas como Rockdelux, Tendencias, Bolanda (da focega Pomba do Arco) ou a Cuore (tan útil para esas necesarias visitas ao baño). E falando da comida, podemos meter un lixeiro magret de pato, unha vichyssoise (crema de porros), un revolto de erizos e foie gras, uns sandwiches especiais, un coulant, un iogurte caseiro con froitas… sinxelamente, ao gusto… todo ao gusto.

Que bonitas as pequenas cousas! Que pracer o das pequenas cousas!

2 comentarios: