domingo, 25 de marzo de 2012

MEDO

Desde moi pequenos, os medios de comunicación, a familia, os amigos, a escola, o cine, o teatro, a literatura e a música incluso, a sociedade en xeral, ensinounos que hai que ter medo. Medo a determinadas cousas, determinadas persoas, determinadas ideas, determinados actos.

Eu fai moito que decidín non ter medo… ou, polo menos, non terllo a eso que dicían. Aínda así, sempre queda algo, segue habendo manifestacións impulsivas e, en consecuencia non controladas, desas consignas.

Que perigoso é o Bronx novaiorquino! Por non falar de repartir guías telefónicas en horario de noite en Queens (como dicía o protagonista masculino da cursi "El Bar Coyote"). Coidado cos ionquis da zona vella de ourense! Garda a carteira na Praza de España madrileña. Ollo cos moros en Lavapiés! A viguesa Rúa Torrecedeira é problemática. Non te fíes dos xitanos de Lugo! Atentos nas viaxes de metro! Non vaias a Brixton, non se che perdeu nada alí. Que violencia a dos compoñentes das maras do Salvador! Labañou é un barrio chungo! Se entras no Carqueixo, sairás sen dentes! Mellor non aparecer por Villa Fiorito! Non te fíes dos musulmáns! Hai que ter coidado con países como Irán! A que vas ir ás 3000 vivendas de Sevilla? Sen observador… fíxate nas pintas! Estén alerta! Eu estou farto de todo esto, e non digo que o anterior non sexa certo, tan só digo que me cansa xa.

Por que non falan sobre cal é o motivo de que exista perigo neses sitios? Por que non falan de como se abandoan determinadas zonas? Por que non admiten a súa culpa na marxinación de algunhas etnias e razas? Por que se concentra e focaliza (deliberadamente) a delincuencia en algunhas áreas? Por que se consinte todo esto? Por que os piratas africanos fan o que fan? Por que nós vivimos con máis cousas das que necesitamos?

Lembro algo. Na segunda metade da miña etapa londinense, despois de terme mudado do bohemio, tranquilo e encantador Belsize Park para o porco, pobre e problemático Kilburn Park (aínda que no límite mesmo co "posh" Maida Vale) tiña que camiñar dez minutos desde a parada de bus (o metro xa estaba pechado) ata o meu piso nun edificio no que un amigo e máis eu éramos os únicos brancos (o seguinte en tono hacia o negro era un mulato con gorra hip-hopera, botas Timberland e pantalóns XXL e cadeas de ouro). Sobre as dúas da mañá chegaba eu de traballar e tiña que pasar por unha zona moi escura, que baixaba do nível do chan. Nunha ocasión (e creo que só nunha), xusto nese tramo, vin a vinte metros enfronte miña e en sentido contrario, é dicir, vindo hacia min, a un home negro, de mediana idade, con gorro e bufanda (só asomaban os ollos). Acostumaba naquel tempo a levarme desde o restaurante unha botella de cervexa que ía bebendo polo camiño. Aínda que a acabara, quedábame co casco por se tiña que usalo. Non sei… era ese tipo de cousas que lle dan a un seguridade. De volta a ese instante de dúas persoas ante a falta de luz, agarrei con forza a "miña arma", cada vez máis forte a medida que nos aproximábamos. Non era habitual cruzarse con xente a esas horas e pensei que aquel tipo non viña de traballar coma min. Foron uns segundos moi longos nos que preparei a miña defensa ante un posible e hipotético ataque. Cando estábamos á mesma altura dixo algo así como "Hi, mate!" e seguimos os nosos camiños, sen mirar atrás (polo menos eu). Xa na cama, pensei en todo esto do medo social. Supoño que o que fixen é normal e máis vale estar prevido que quedarme sen carteira ou levar unha navallada pero algo non me gustou da miña actitude. O que quero dicir con esto é que nos preparan para desconfiar uns dos outros aos de abaixo, aos que non levamos Mercedes, nin Rolex, nin vivimos en South Kensington. Actuaría eu igual se en vez daquel negro me cruzara cun tipo traxeado? Pois non, seguro que non.

E agora doume conta de que a quen hai que ter medo é, sobre todo, aos tipos brancos con traxes caros comprados en New Bond Street ou na 5th Avenue. Teño que ter medo dos banqueiros de Lehman Brothers, Bear Stern, , dos responsables da aseguradora AIG, dos que favoreceron a desregulación do mercado financeiro, medo dos famosos "derivados", medo de Alan Greenspan, Henry Paulson, Ben Bernanke, Glen Hubbard e Timothy Geithner, medo de Reagan, Clinton e os Bush. medo de todos os neoliberais que nos meteron na crise, medo da politización económica, medo das hipotecas sub-prime, medo dos xornalistas que calaron coñecendo a verdade, medo de quen tapou a boca aos que vían vir este fin tan duro, medo deste sistema lexislativo que permite que estes criminais están libres, medo da explotación multinacional, medo ás axencias de calificación como Moody's, Fitch ou Standard & Poor's que seguen erre que erre con ese carallo de letras en forma de fume, medo á Reserva Federal Americana, medo a Jean-Claude Trichet, a Botín, medo a Enron, medo aos bancos de todo o mundo, medo neses neoliberais que seguen ao seu, medo aos social-demócratas que entran no xogo, medo ao DIÑEIRO.

No hay comentarios:

Publicar un comentario