domingo, 16 de diciembre de 2012

COMO FINXIR ATENCIÓN


Nas conversas que mantemos habitualmente é moi importante causar a sensación no interlocutor de que estamos atendendo… máis que nada para que non se sinta só neste mundo tan terrible. Debe parecer que nos interesa moito o que nos conta aínda que se trate das memeces máis grandes que xamais escoitáramos.

Por isto, temos que ter moi presentes toda unha serie de recursos que nos permitirán conectarnos á outra persoa cando, en realidade, estemos pensando en outros asuntos como que facer de cea, se o coche che quedou aberto, as tetas da que tes enfronte ou se o Barça xoga o sábado ou o domingo.

Os asentimentos coa cabeza son xa un clásico. Veña para arriba e para abaixo constantemente! Aínda que é recomendable, de cando en vez, introducir ese lixeiro asentimento, máis ladeado e coas cellas máis enconadas que amosa lixeira dúbida… é como un punto e coma.

Tamén está ben eso de mirar fixamente aos ollos sen moverse e soltar un "joooder!" cada corenta segundos.

Non hai que esquecer ese movemento que indica leve pausa, tirando un case nada da cabeza para atrás e arqueando as cellas… ven a ser como un "non jodas?".

Ademais da cara, as pernas son vitais para o engano e compre ter sempre moi presente ese cruzamento das mesmas que outorgan unha atención desmesurada.

Apoiar a man na queixada crea tamén un efecto similar, á par que denota un interese realmente falso.

Expresións como "bueno…", "xa!", "diossss!" ou "home…" poden sernos de grande axuda acompañadas dos xestos anteriores.

Para non caer no exceso debemos igualmente cortar algunha vez ao falante con cousas normais como un toque no cóbado que avisa de que deixe pasar a alguén, tapar a boca para dicirlle que hai unha tiaza ao lado ou pedir outra ronda.

Non hai que preocuparse por se en algunha ocasión estas estratexias fallan, xa que a persoa coa que falamos estará tan ensimismada que non se decatará… estará pensando nas seguintes frases coas que entolearnos...

No hay comentarios:

Publicar un comentario