domingo, 2 de diciembre de 2012

CEGUEIRA PARCIAL


Unha lúcida (coma sempre!) reflexión de Noam Chomsky reflexa o cinismo do mundo occidental en canto á focalización da atención.
Despois duns bombardeos na cidade de Oklahoma, os estadounidenses en particular e o mundo superdesenvolto en xeral arderon en ira polo que se consideraba un acto atroz de terrorismo. Os titulares dos principais medios estatais dicían: "A cidade de Oklahoma parece Beirut"… e todos veña condear o suceso e deixarse levar pola pena que supoñía. Seguramente foi moi triste pero, acaso, non é máis triste que Beirut tamén parece Beirut? E que Beirut sempre será Beirut?

É algo parecido ao que aconteceu co ataque ás Torres Xemelgas, que quedará fixado na nosa memoria como unha das maiores desastres que vivimos. Onde está o espazo na memoria colectiva para as tremendas masacres que os diferentes gobernos estadounidenses (sen necesidade de entrar en cores políticas) cometen sobre determinadas poboacións musulmanas? É que hai vidas que valen máis que outras?

Só un dato (porque podería dar moitos) que afonda no que digo. Desde a invasión de EEUU a Irak de 2003 ata decembro de 2011, van un total de 162.000 mortos dos cales un 79% eran civís. No 11S morreron 2986. 

Os moi numerosos e graves ataques mortais que sufriron Oriente Medio e América Latina de mans de gobernos estadounidenses para facerse co control económico do planeta son moi próximos ao infinito. Moitas mortes, moitas inxusticias. Para moitos, invisibles… ou esquecibles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario