domingo, 27 de enero de 2013

MR. A


Mr. A érguese con "She Just Like To Fight" de Four Tet soando no seu reloxo espertador. Pousa sempre, primeiro, o pé esquerdo no chan. Diríxese ao baño e mírase ao espello. Remexe a barba. Séntase no baño para mexar e así non deixar pingas no chan nin na tapa. Outra vez de pé, coa vexiga libre, comproba que a masa de cabelo facial é compacta, que non hai pelos que ameacen o "todos a unha". En caso contrario, coas tesoiras de costura, opera aquí e acolá. Sen roupa que quitar, pois está completamente espido, entra na ducha. Cinco minutos exactos son suficientes para lavarse. Champú arriba e repouso. Xel no resto. Aclara todo a un tempo. En quince segundos escurre. Abre a mampara e colle a toalla co seu nome bordado. Secado en sentido descendente, de arriba a abaixo. Pouco despois, no cuarto, escolle uns calzóns en función do tipo de luz que presenta o día. Cos calcetíns, algo parecido. Pantalóns estreitos. Camiseta. Camisa a cadros de franela.Para o final, o calzado. Botíns polo nocello. De volta no aseo, peite para a barba, cepillo e dentífrico para os dentes e mans para o cabelo húmido.Paseo á cociña. Café quente con dúas culleriñas de azucre mentres perde a mirada nas vistas desde a súa fiestra do salón. Respira fondo con cada trago e quenta as mans rodeando a taza de latón como quen agarima unha fermosa cara. Devolve a taza ao fregadeiro. Un pouco de auga para os pousos. Só falta poñer o abrigo de paño, algo que fai lentamente. Recolle o maletín e cólgao ao hombro. Antes de sair, escolle un libro. Por diante, un longo pero curto día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario