domingo, 3 de marzo de 2013

CONTRASTES BASEADOS EN FEITOS REAIS


Era unha mañá de sábado. Fai anos. En Foz. Rebuscaba entre as revistas da miña libraría habitual. Algo de música. Ao meu lado, un veciño coñecido da vila que non teño a intención de nomear, olleaba a prensa deportiva. Collín finalmente aquela que traía na portada a Yo La Tengo e que viña acompañada dun disco bastante chulo dun selo canadiense. O señor, abriu o Marca pola parte central e fixo o mesmo co Sport pero pousándoo sobre o outro aberto. Logo, pechou e dobrou á metade. Fomos xuntos a onde a dependenta. Dinlle a revista e paguei os meus 5 euros e dez céntimos. El dixo: "Cóbrame o Marca nena!". Non lembro o prezo do seu "xornal". Dúas informacións deportivas (antagónicas, por certo) polo prezo de un. Un tipo listo, pensarán algúns. Un cutre, penso eu. Roubar por pouco máis dun euro! Emporcallarse barato! Enfangarse por merda e media. O PRINCIPIO DOS MALES.


Estes días saía publicado nos medios de comunicación unha información que fai manter a esperanza no ser humano. Un "sin teito" estadounidense de Kansas City, chamado Billy Ray Harris (sería convinte que este nome soase moi alto… non sei a que agardan para poñerlle o seu nome a unha rúa da cidade…), devolveulle un anel de moito valor a unha señora despois de que a xoia caera no sombreiro do indixente por erro. Foi uns días despois cando a señora volveu ao lugar e o bo home alí estaba agardando a vela para entregarllo. Moi agradecida, ela e o seu cónxuxe fixeron unha colleita e benéfica e en dez días tiñan xa reunidos 140000 dólares de seis mil donantes diferentes. Harris declarou que estaba moi contento coa súa nova situación pero que sentía que non o merecía. "Non entendo que mundo é este no que, por facer o correcto, se sorprendan e te premien". UN EXEMPLO A SEGUIR.

No hay comentarios:

Publicar un comentario