domingo, 26 de mayo de 2013

AQUÍ, ONDE VIVO


O venres da fin de semana pasada, despois dunha comida na casa coa miña moza e unha amiga, decidimos achegarnos ao Festival do Norte de Vilagarcía de Arousa (no que eu antes nunca estivera, por certo).

No cartel dese día, Pedrito Diablo y Los Cadaveras, Tórtel, Jane Joyd, Sr. Chinarro, Guadalupe Plata, The Primitives, Xoel López, La Habitación Roja, Triángulo de Amor Bizarro, Dorian, Miqui Puig dj e Faber.

Por partes. Tiña moitas ganas de ver, sobre todo, a Jane Joyd, Tórtel e Guadalupe Plata. Pois non me deu tempo de experimentar aos dous primeiros, cando cheguei (tarde) estaba a piques de comezar Sr. Chinarro. Putada! Cando asimilaba o acontecido atopeime con tres amigos que facía tempo que non vía. Ledicia! O sevillano e compaña empezaban o concerto (cun case cheo) no medio de serios problemas de son que perduraron ao longo da actuación. Mal! No descanso e cambio de palco, puxémonos ao día, unhas fotos e cousas do estilo. Turno de Guadalupe Plata. Non houbo queixa! Trío divertido de blues psicodélico, directo e con querencia por sons clásicos afroamericanos. Os seguintes? The Primitives. Quenes? O mesmo me preguntei eu. Son unha banda de Coventry formada en 1985 que teñen un deses hitazos que todos coñecemos ("Crash"). Pese a que a sensación de que non lograba prestar a atención necesaria ao escenario me invadía, recoñezo que tiñan máis caracter que a maioría dos que por alí pasaron. Charlas e os primeiros efectos das cervexas entrando pola porta no grupo. (Suspiro). Pouco despois, Xoel López. Non é que sexa algo que me interese moito, mais a verdade é que foi interesante a viaxe que me provocou pola memoria, subindo no coche do meu compañeiro de piso camiño do Campus de Elviña, con Deluxe no radio-cd. La Habitación Roja, outros que non atraen a miña atención pero que teñen letras interesantes segundo me fixo ver un compañeiro. A atención seguíame fallando por desinterese e por conversas que nunca remataban. E chegaron Triángulo de Amor Bizarro. Ben! Coma sempre! No seu estilo vocal críptico e musicalmente ruidista. Isa Cea é atractiva tocando, bastante. Pasaron e arrasaron. Visitas ao mexadoiros. (Alivio). Pechaban a sesión nese escenario Dorian, ou o que para min é o mesmo, ninguén. Incluso a suorosa e consecuentemente cheirenta "A cualquier otra parte" soou como unha cona arañada por un gato. Tocou comer unha hamburguesa dun posto portugués (?) de comida rápida (fast food para os que non entenden galego). Moi rica! Volta ao palco onde tocara o señor Antonio Luque por non irnos para a casa sen ración de pinchadiscos. Erro moi grande! Agardaba por nós Miqui Puig dj, do que non tiña ningunha referencia anterior e do que non esperaba nada. Pero o que alí fixo foi peor que nada. Moveuse por terreos de fango e merda de gaivota nunha "cousa" entre a caricatura, a vergoña allea e a estafa consentida. Silencios entre canción e canción, xestos televisivos máis pasados de moda que as bragas marróns, horterismo e mal gusto, botonciños e trebellos que non emitían efecto ningún… como diría aqueloutro, "unha mieeeeeeeeerda!". Miqui Peido dj. Creo que miña sobriña de nove anos aos pratos, coas teclas de "play" e "stop" faría pasalo mellor ao persoal (polo menos pincharía Vampire Weekend, Terbutalina, SBTRKT ou Haim). E co noxo entre os osos fomos para o piso dunha das amigas. Gracias!

En conclusión, a nivel musical un día de festival moi xustiño e no que se refire á parte humana, boa compaña, charlas interesantes e ganas de repetir. 

En canto ao título deste post, preguntarédesvos (se hai algún lector por ahí…) a que ven iso de "Aquí, onde vivo". Moi doado. Explícome. Pareceume realmente mal (e non é por ser pesado) que ningunha das bandas galegas que vin fixera alusión ningunha ao día no que estábamos, o Día das Letras Galegas, das nosas, das dos galegos. Nin unha soa referencia. Nin unha soa versión dunha peza galega… poñamos de Andrés do Barro, por exemplo. É tan difícil preparar algo dúas semanas antes? Musicar a Rosalía? Ou a Lois Pereiro? Ou a Vidal Bolaño? Non debe ser interesante, mola máis ser portada da Rockdelux (non cabe dúbida) ou facer unha caravana americana (que ollo, mólame a idea). Pero é que nin unha soa palabra en galego tampouco, nin por parte da organización nin pola destas bandas de aquí. O único "Boas noites!" que escoitei foi o de Jorge Martí e Pau Roca de La Habitación Roja. Gracias!

Uns días despois, durante a semana, lin en algures que Elba Fernández, líder de Jane Joyd, adicara o seu recital ás Letras. Non poido quererte máis señorita Joyd! I love you! A nosa Sufjan Stevens-Soledad Vélez-Bon Iver particular…

Un único xesto que me fai crer que segue habendo músicos comprometidos coa nosa cultura (e aqueles outros que se comprometen parece que son ignorados polos organizadores).

Que pena de país!

No hay comentarios:

Publicar un comentario