domingo, 2 de junio de 2013

TELEDIRIXIDOS CO TDAH


Esta semana que acaba saíron publicadas nos medios escritos dúas novas que me interesan moitísimo por un motivo relacionado co meu día a día laboral. 

La Voz de Galicia informaba de que "El déficit de atención está detrás del 25 % del fracaso escolar" (always in spanish, of course!) nun artigo no que se falaba da futura LOMCE , de síntomas e de porcentaxes varias que confirmaban esta tese.
Pola contra, o xornal alemán Der Spiegel subraiaba que Leon Eisenberg, o psiquiatra que "descubriu" o TDAH (Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade), confesou antes de morrer que "era unha enfermidade ficiticia". 
E ben?

As persoas, pais, nais, fillos, xente en xeral é probable que non discriminen a información, que non lle den importancia ou que sinxelamente pasen de ler ditas novas. Erro grande.

Eu como mestre, psicopedagogo e persoa preocupada polo devir da nosa sociedade afírmome no que levo dicindo fai anos, é dicir, que temos un problema moi grande que é necesario dar a coñecer.

Vou por partes, entón, apoiándome en diferente bibliografía ("Troubles psicomoteurs chez l'enfant", "Diagnosis and management of ADHD in Primary care for school age children and adolescents", "Hiperactividad y trastornos de la personalidad", "Neurociencia del consumo y dependencia de substancias psicoactivas"…).
Este trastorno, o TDAH, aparece nas clasificacións da OMS (Organización Mundial da Saúde) como un "trastorno do comportamento e das emocións de comezo habitual na infancia e a adolescencia". As manifestacións que debe incluir son déficit de atención, hiperactividade e un grao inapropiado de impulsividade. Para poder ser diagnosticado, a CIE (Clasificación Estadística Internacional de Enfermidades e Problemas Relacionados coa Saúde) da OMS esixe, polo menos, a presenza de como pouco seis síntomas de inatención tres de hiperactividade e un de impulsividade. O quid da cuestión? Que estes criterios raramente se cumpren no diagnóstico clínico usual do síndrome.
Pros e contras unifícanse nun "contra" ben grande. Explícome. A favor están, sobre todo, os datos empíricos, esto son estudos e probas. Neste ámbito, a goleada é maior que a do Bayern ao Barça. Cada vez , máis estudos din que o maior peso teno a perspectiva biolóxica e o seu tratamento, ata o punto que a Asociación Americana de Medicina chegou a afirmar en 1998 que o TDAH é "un dos trastornos mellor investigados na medicina e o conxunto de datos da súa validez é de moito máis peso que o de moitas outras enfermidades médicas".
Resulta canto menos chocante que esta asociación afirme isto cando se o cadro que presenta está moi lonxe de demostrar a base xenética do síndrome… a non ser que se confunda esta, de forma moi interesada, coa "carga familiar".
Por outra parte, un aspecto moi importante. Quen financia estes estudos alarmantes? Fai falta que conteste? Sí? As farmacéuticas! Claro! Isto vai así! E non menos importante, quen vai financiar estudos alternativos fiables en contra deste poder? Evidente! Os estudos independentes non existen.
Outra pregunta: Quen publica e interpreta os datos? Sí señores! Pensade en intereses do capital e iredes ben encamiñados. Feinstein, catedrático de psiquiatría da Stanford University di que "a maioría dos últimos catedráticos de psiquiatría infantil en Estados Unidos recibiron directas e decisivas axudas da industria para confeccionar a súa carreira de publicacións e progreso académico". Triste pero real. Nada que non saibamos… ou non?
Que quede claro antes de continuar que todo isto non quere dicir que non existan nenos hiperactivos e con trastornos de atención, non, quere dicir, claramente, que non existen na proporción que se nos vende. O que sí existe é a enorme, esaxerada e perigosa proporción de nenos medicados por este síndrome. 
Aquí, en España, existen potentes equipos adicados á detección e diagnóstico temperá deste tipo de trastornos que tampouco están financiados pola administración pública. Por quen entón? Xa o sabedes.
Falemos desa parte do tratamento que tanto me preocupa. Non me refiro á intervención psicolóxica, psicopedagóxica ou psicosocial (que pode ser individual e familiar). Falo do tratamento farmacolóxico que debería ser empregado só en casos puntuais onde a conducta sexa extrema. Tratamento farmacolóxico. Que? Pois é a introducción masiva ou crónica de fármacos en cerebros dos que temos moi pouca información (salvo a súa dinámica e plasticidade). De que falamos? De ningunha tontería amigos, de anfetaminas. E con estas sustancias xa se sabe…
Non está nada claro que estas sustancias non produzan tolerancia e dependencia en casos predispostos. Bioquímicamente as "pastillitas" do diaño son moi similares ás que posteriormente se proporcionan para desfrutar en clubes nocturnos. Eu pregúntome se estes nenos non terán maior propensión a empregar outras drogas ou fármacos psicoactivos máis tarde? E agora, as farmacéuticas subvencionarán estudos para saber isto? Jojojojo, por suposto que non! Non están tolas!
Estaremos falando do paso directo da "droga da infancia" á "droga da adolescencia"? A miña resposta é afirmativa.

As Big-Pharma gánanlle a partida á intelixencia humana e ao sentido crítico e racional… ou o que é o mesmo a intelixencia comercial vence á individual na batalla da saúde.

Quen ten a culpa? Pois está repartida. Fundamentalmente as farmacéuticas (a súa maldade e falta de "todo" é bestial), mais un pouco tamén a teñen todos os que xogan a isto, desde os responsables dos equipos pedagóxicos dos centros, ata os médicos que receitan con soltura ou os propios pais e nais que incluso "solicitan" esa axuda química. Non esaxero, remítome ao meu día a día. Prefiro non dar datos exactos da salvaxe porcentaxe de moitos centros educativos. Mellor sí, vou dar un. De dezanove alumnos dunha clase de primaria, oito son usuarios da pílula máxica. 

Eu estou sendo derrotado, teño que admitilo… pero quero loitar. Eu son dos que pego ata coa espada chantada entre as costelas… ata o último alento. Vos? Queredes loitar?

No hay comentarios:

Publicar un comentario