domingo, 30 de junio de 2013

AQUELLO DEL GUSTO


Chegou, coma todos os segundos sábados de mes, ao quiosco de debaixo da súa casa. Foi á relativamente ampla sección de revistas e folleou uns cantos exemplares. Números de arquitetura, de deseño, de deportes, de música, de cine, de tendencias…

"¿Buscas algo? - lle preguntou o dependente hippie-heavy con "sotaque" arxentino. 
"Non, nada, estou botando unha ollada" - contestou. 

Logo de examinar ben as opcións colleu a 'Qué leer' de Gillian Flynn na portada, Deixou a Rockdelux, non atopaba interese nos contidos dese mes. Tentouno a Cuore cun especial sobre a non depilación das famosas. Tentador… pero non, gracias!

Achegouse ao mostrador e cando pousou as revistas chegou a pregunta:
"¿Te gusta leer, chico?". "Sí, claro!" respostou. 

O quiosqueiro rebuscou nun estante que tiña á altura das costas e agarrou un libraco como quen apaña un polbo nunha poza. 
"¡Toma! El último de Dan Brown… será lo mejor que has leído en tu vida…" - o trastazo contra a mesa derrubaría a un touro.


Transcurriron uns dez segundos (eternos) ata que puido reaccionar e nese tempo analizou a frase. Unha frase "sobrada", que reflexaba unha superioridade " de percorrido lector", tamén de evidente mal gusto… ou de falta do mesmo. O mellor? - pensou. Comezou a ver nunha dimensión interior rexida pola memoria algunhas das portadas das súas lecturas: "Viaje al fin de la noche" de Céline, "Cecais hai unha luz" de Manuel María, "Las correcciones" de Franzen, "El cielo a medio hacer" de Tranströmer, "Walden" de Thoreau, "El incongruente" de Gómez de la Serna, "Os dous de sempre" de Castelao, "Grandes Esperanzas" de Dickens, "Krazy Kat" de Herriman, "Verano" de Coetzee, "Stone Junction" de Dodge… así, pasando pola mente como as opcións do iPod pola pantalla do aparato.

"Dan Brown? Non, gracias! Non me gusta…" - arranxou sen explicacións, comentario que foi devolto cunha mirada de estrañeza desfavorable. 

Fíxolle sentirse como un extraterrestre literario cando, en realidade,  A Terra estaba invadida por marcianos que convertiran a ese "escribidor" en supervendas. Preferiría que lle cagasen cincuenta pombas encima antes que ler tal bosta de letras. Incluso prefería que lle dera con el na cara. Pero que se podía agardar dunha persoa que tiña alí comezado cun marcapáxinas de 'Bob Esponja' "Apocalipsis Z"? 

Non puido evitar facerlle unha pregunta ao quiosqueiro atrevido.
"Gústache Melendi, verdade?" - abriu os ollos crendo coñecer a réplica.
"Pués sí, me encanta. Ese tío sabe tocar".

Sen conseguir resetear os seus pensamentos pagou e foise sen atender ao cambio. 
Mentres subía no ascensor, unha serie de nomes seguían perseguíndoo… Bukowski, Junot Díaz, Dostoyevski, Pessoa, Palahniuk, Hesse, Rosalía, Szymborska, Jardiel Poncela, Ford, Peixoto, Millás, Cortázar, Foster Wallace…

No hay comentarios:

Publicar un comentario