domingo, 26 de enero de 2014

BREVES DESCRICIÓNS DE DETALLES PEQUENOS


1. Deixándose levar por unha imaxe podre de si mesmo, agarrou os collóns envoltos nuns jeans brutos.

2. Suábanlle as mans. O alento rebotáballe na pantalla do móbil e devolvíalle finos bafos de xenebra. Buscou o nome de Elena na E e chamou. Un tono. As cinco da mañá.

3. Tomaba un café e mirou ao lado. O Sol poñíase sobre o mar e non puido evitar fotografar o momento. Abriu Instagram, efecto Valencia e 207 likes.

4. Tres pezas de xeo apóianse estáticas no fondo dun vaso de cristal coa súa aparencia mate. Comeza a correr o líquido polas paredes, lentamente. Aparece o brillo, a flotación e achégase o fin.

5. Abriu o libro e atopouse cunha soa palabra escrita en negro, na soedade dunha folla en branco. "MILES". O apelido inglés? Ou o adverbio?

6. Dáballe volta aos espaguetes sobre o garfo e contra o prato. Atendíalle á tele ao mesmo tempo. Cando achegou o alimento, viu medio segundo antes de metelo na boca, que a ración era demasiado grande.

7. Non aguantou as ganas. Achegouse a unha parede e, deuse conta de que, a pesares da escuridade da noite e da rúa, podía ser visto mexando. A medida que saia o mexo quente, lembrou as veces que dixera en grupo o incívico que era o que estaba facendo.

8. Despediuse achegando a cara para ser bicado pero cos seus beizos agarimando o aire.

9. Bebeu un fondo trago de refresco frío directamente da botella. Aspirou, logo, os restos do seu espeso bigote.

10. Escoitou a sinal de chegada á seguinte parada. Pechou o libro e colocouno sobre as pernas dobradas para que o resto do vagón poidese ver o seu nivel cultural mentres agochaba o desagrado de ler en ruso.

11. As súas ansias por empregar unha nova palabra que aprendera nos coloquios da televisión, levárono a precipitarse: "Mañá non poido quedar. Vou ir a unha entelequia".

12. Desde a cola do súper, cruzou un par de intensas miradas cunha rapaza fermosa que facía a compra en chándal. Pensou en quitarse da fila. Tamén en que a súa muller o esperaba para facer a cea.

13. Desde que acababa a carreira de Fórmula 1 do domingo, só podía pensar na súa xefa berrándolle.

No hay comentarios:

Publicar un comentario