domingo, 8 de junio de 2014

HIGH CLASS

Floiz era campión do mundo de todo. Arrasara nos últimos Xogos Olímpicos en taekwondo. Era o líder indiscutible actual en xadrez e na súa última partida ganáralle ao noruego Magnus Carlsen montado sobre un ordenador. El só, gañara o mundial de fútbol... e o de baloncesto. Nos campionatos de vela do Mediterráneo conseguira o ouro sen que o polo lle collera unha soa engurra. Fora elixido o home máis influínte do mundo... e tamén o máis sexi. En esquí de fondo, quedara primeiro individual e por equipos... como en ximnasia artística e natación sincronizada. Das competicións que organiza Red Bull, repasara a todos, xa sexa co "turbito" vermello en saltos desde acantilados ou facendo acrobacias con motos. En Fórmula 1 gañou co seu coche persoal, un Lexus 4x4. Triunfara tamén en Eurvisión, na OTI e no Festival de Benidorm. Como xogador de Póker, gañou todas as edicións dos últimos cinco anos. Pulverizou os récords mundiais de maratón, 100m., e 4x100 (en solitario). Desafiou ao tipo do programa da televisión "Crónicas Carnívoras" e deixouno vomitando, co prato sen acabar, sempre.

Pero a semana pasada, veu ao Torneo "Vaiche Boa Vilanova!" e saiu amplamente derrotado. Tratábase de pasar de todo durante un día, de amosarse tranquilo, sen pamplinas, pero sendo amable, un cabaleiro, adaptándose ás diferentes situacións e persoas. Manter conversas con monxas, pagar rondas de trinta persoas, ir pasaear a vellas, facer rutas comarcais de bus, tomar doce cafés, doce cervexas, doce cubatas, cear dúas veces, comer outras tantas... e todo iso pasando de todo, sen darse importancia, como quen mexa contra unha parede. O gañador foi un tal David Rodríguez, máis coñecido como "A Negra". Un severo correctivo para Floiz e o nacemento doutra estrela no firmamento "high class".

No hay comentarios:

Publicar un comentario