domingo, 31 de agosto de 2014

(ANTI)NATIVO



"Estar" é un rapaz que pensa cada xesto que fai. Milimetricamente. Cun estudo físico que supón moitas horas diante do espello, na habitación ou no baño. Cun resultado que deixa ver certo éxito (ou non) entre o sexo contrario e decididamente pouca graza entre os seus compañeiros de xénero. "Estar" é media hora tocándose o pelo para coller o mellor punto da súa face. É vestir de forma sinxela para aparentar totalmente o contrario do que é. É pegarse unha ducha de pasividade e indiferencia na procura dun lugar ideolóxico que o etiquete como imbécil sen sabelo. "Estar" come pouco para parecerse a esas estrelas de rock pouco recoñecidas coas que soña. Faise o "colocado que controla"  coa segunda copa para demostrar que vive ao límite. Cando quere impresionar a alguén, queda para almorzar ben cedo porque sabe que iso de preparar unha cea xa non se leva.   E se pretende quedar de tipo interesante sube e baixa as cellas cando escoita unha conversa. "Estar" é serio e fai bromas que ninguén entende porque a excentricidade do surrealismo sempre molou. É poeta na intimidade pero fíltrao estratexicamente para que todo o mundo se entere. Non deixa que o lean para que a xente non vexa a merda que escribe. É o seu propio rapsodo na casa, tamén. Ten varios "proxectos musicais", como el os chama, e que en realidade son brincadeiras de pésimo gusto. Déixase ver alí onde corresponde e nunca onde non corresponde. Gústalle ser visto e que digan "aí ven este", aínda que espacia as súas visitas a locais ou concertos para tentar non resultar pesado. Obviamente non ten parella… que sentido tería entón todo isto? Ademais, así, sácalle partido a esa relación pasada (que non existe) coa que sufreu polo seu exceso de confianza. "Estar" cae ben na maioría das persoas e analiza en conciencia as cousas que ten que dicir. Pitchfork, Vice, Cahiers du Cinéma ou Vanidad están entre os seus básicos na rede, nunca confesables. Mantense ao día e traballa a memoria coma poucos. Con respecto a esta memoria, gústalle dar a impresión de que lle falla e fai pausas antes de dar referencias. Ten controlado que as de seis ou sete segundos mirando ao teito son as máis efectivas coas titis. "Estar" viaxa de vez en cando. A súa cidade preferida é Londres, mais non o di, demasiado comercial. Foi a Ibiza de marcha ata que se sentiu "masificado". Ao ano seguinte deixouse caer pola cara alternativa da illa. Ao seguinte pasouse a Formentera en busca dun novo aire. Ao seguinte a Menorca para pegarse baños cristalinos de Instagram. Ao seguinte a Cabo Verde porque alguén lle dixo na Escola de Idiomas algo da posta de ovos das tartarugas e pareceulle moi underground. Este ano vai ir a Madeira en Septiembre. De pequeno, "Estar" era bo rapaz pero tiña poucos amigos. Agora, ten moitos que matarían por el. 
Cada vez que o vexo, non sei como chamarlle, Sofá? Cartón Pedra? Neveira? Farola? Ibuprofeno? Casio? Ciencia Ficción? Dildo? Acerina? Budapest? Dry Martini? Renault Twingo? Abstracción? Concepto? Cirro? Monitor? Flexo? Cloro? Anestesia? Post-todo? Internet? Perífrase? Bang & Olufsen?
"Estar" é un pallaso que se define desde o primeiro segundo. Un tipo que deixou a naturalidade no traxe de mariñeiro da primeira comuñón. Un animal que se alimenta do amor dos seus e da comprensión do resto. "Estar" é estar e non ser.


No hay comentarios:

Publicar un comentario