domingo, 10 de agosto de 2014

O HOME QUE LLE PROTESTABA AOS RADARES DE TRÁFICO


Desde pequeno, Prudencio nunca soubo asimilar o que non lle gustaba. Todo tiña que ser como el quería. Cando chegaba da escola e súa nai lle tiña peixe ao forno para xantar, xa había un problema. Se non lle compraban o xoguete de turno, tamén. Se, nos exames sacaba un 4 e agardaba un 6, follón montado. 

Pasaron os anos e meteuse de cheo na adolescencia. Tiraba por terra calquera plan da pandilla se non coincidía co del. "Democracia cero" lle comezaron a chamar cando non estaba presente. Cando xogaba co seu equipo de fútbol, tiña aos árbitros masacrados a insultos. Non había decisión que lle valera. Foi o xuvenil con máis tarxetas vermellas por protestar de todo o país. Pouca xente quería ter relacións con el.

Máis tarde, nesa etapa de pre-home, empezou a sair con Amada, unha moza da vila do lado que tiña máis paciencia que un mestre dunha unitaria. Aquelo non era unha parella, era un dictador cun corpo colgando. Todo se facía a partires de decisións unilaterais. Un inferno para a outra.

Na actualidade, é temido por todos e todas polo seu problemático carácter e polo xeito co que afronta calquera situación. En Correos tiveron que pechar as oficinas da vila media hora antes para que non lle dese tempo de ir despois do traballo. Nese traballo, el era o xefe, claro, ninguén podía estar por encima del. Tiña unha empresa de pancartas. Nas redes sociais non contaba case con amigos, apenas algunhas plataformas "contra algo". Botárano de Facebook e de Twitter por calumnias a terceiros. Nos supermercados ampliaran a súa oferta de produtos para que o "señorito" non tivera nada que dicir. Nas gasolineiras fuxían todos ao velo chegar porque se negaba a tirar o cigarro antes de chegar. A súa frase era "E por que puto motivo non vou poder fumar eu aquí?". Cando lía un libro, escribíalle mails aos autores para pedir explicacións sobre asuntos da trama que non lle gustaban.

Ultimamente, foi visto en actitudes ameazantes en algunhas estradas nacionais galegas. Parece ser que nunca admite a culpa cando lle salta o radar de tráfico. Vai tranquilamente no coche, poñamos a 90, nunha vía limitada a 60 e cando nota o fogonazo do flash, para o coche, vai hacia o sensor e veña protestar berrando. Que di? Pois cousas como "Non me colliches a min, cabrón! Era o de diante!", "Quéresme joder fillo de puta!", "Hoxe sí que non, eh! Hoxe iba ao que tiña quir", "Pero xa tas? Xa tas? Todo o puto día coa fotito?", "Nin foto, nin fota! Vaina pagar Cristo!", "Un día vouche pegar unha patada nos huevos…", "Non me quentes… xa é a terceira vez que cho digo…", "Pero que pasa? Non hai máis coches ou?" ou "No, no, vale, vale… ou sexa que vale todo, non? Pois espera pa siguiente… vasme ver polo carallo…"

No hay comentarios:

Publicar un comentario