domingo, 6 de marzo de 2011

ANTES MOLABA MÁIS

Antes molaba máis que ahora.
Non é un exercicio de snobismo, nin de melancolía, nin tan sequera é a falta de actualización, non, trátase dun sentimento, unha luz que recorre o corpo, un impulso eléctrico que afecta á pel, como un relámpago que avisa do trono que fai que todo temble, unha enerxía que te invade e que se queda contigo un tempo.
Supoño que é algo semellante ao que describía Billy Elliott cando explicaba o que sentía cando escoitaba música e bailaba, aquelo que fai que te eleves, voes e toques o ceo.
A música é algo importantísimo, tanto como un corazón no corpo dun home ou unha muller, latexando, bombeando sangue para que chegue ao cerebro, ás pernas, aos brazos ou á polla. É o motor da existencia dunha persoa, o que o fai moverse, o que o fai amar, o que o fai traballar, o que o fai chorar, o que o fai ir ao baño, o que o fai rir, o que o fai lembrar, o que o fai afundirse, o que o fai sair a flote, o que o fai ter fame… é polo tanto, unha forza, un bico, un instrumento, unha bágoa, unha ansia, un signo +, un signo -, unha situación, un suspiro, unha palmadiña nas costas e un alimento.
Creo que non pasa un só minuto dos cincocentos vintecinco mil seiscentos que ten un ano no que non teña a música na mente, nin un só momento no que non pense nela ou escoite algo, tanto consciente como inconscientemente. Fai pouco lin en algunha revista un artigo sobre un rapaz que levou a cabo un experimento persoal, non ter ningún contacto coa música nunha semana. Para elo comprou uns protectores auriculares (deses que usan os enxeñeiros e obreiros) para evitar o son indirecto. Compartía apartamento con outros dous rapaces polo que a tarefa foi moi complicada. Despois de describir o proceso, chegaba á conclusión de que se convertira nunha persoa diferente. Somos conscientes dese poder que ten a música? Creo que non. Non me gusta falar sen probas pero creo que a min, pasaríame algo moi parecido, transformaríame noutro ser e non sei en cal, tal que o protagonista de “La metamorfosis” de Kafka. Non sei se aparecería un día feito insecto na miña habitación, a dicir verdade prefiriría ser un can e se poido elixir, quédome con Luky, un palleiro marrón que foi meu veciño vinte anos. Non vou tan lonxe, non o quero levar ao extremo, váleme con preguntarme se sería igual se nunca caera nas miñas mans algún disco dos meus favoritos, deses que me marcaron, que me deron e que me dan moito.
Hoxe en día hai moitas bandas e moitos álbumes que me atraen, moitos, cousas desta época da información masiva, do tempo da sobredosis de nomes, da era do mercado artístico, na que cada día saen á rúa moitos novos nomes da música, da literatura, do cine… Sen entrar nun debate para diferenciar o comercial do non comercial, xa que
sería inútil (o noventa e sete por cento das cousas fanse para compartir e esa xenerosidade ten un prezo), sí é certo que avanzamos hacia un lugar confuso no que non é doado ter a necesaria conciencia crítica. Somos testigos a diario, da aparición de novos produtos de consumo hacia os que nos dirixen en función dunha imaxe, dunha persoalidade ou dun gusto determinado. Canta xente dirá que lle gusta Animal Collective (por exemplo) sen adicarlle máis que dúas ou tres escoitas só porque é indicador dun gusto concreto, de certo nivel cultural ou dun aire de diferencia que a todos nos atrae? E cando será o momento no que alguén diga que non molan e eso sexa o non vai máis? Quero dicir… somos ovellas ou realmente dicimos o que pensamos? Penso que nin nós mesmos o sabemos.
Seguramente haxa persoas que sexan sinceras e din sen medo o que sinten pero dame a impresión que eso é unha grande minoría. Outro exemplo, atreveríase moita xente a admitir que lle gusta, poñamos por caso, Rocío Durcal? Existen moitas Angélicas (unha das miñas irmás) que din libremente que a volven tola a Durcal, Marley e Dylan ao mesmo tempo e na mesma medida? Dame que non, aínda que poido equivocarme, que conste.




A min “Amante Bandido” foi un tema que me emocionaba e aínda é hoxe cando a pido se vou desfasar a un karaoke, ese inicio fai que baile co mesmo rollo ochenteiro de Bosé. A algún amigo pásalle o mesmo, verdade Poni? Verdade Manuel?
Con Juan Pardo e o seu “Bravo por la música” pasei moitas horas cantando no Opel Kadett branco 1.6 a gasolina mentres meus pais estaban de sobremesa na praia de Peizás. Alí estaba eu, agardando a facer a dixestión (esas dúas horas de merda) xogando a conducir en estático, movendo o volante como M.A. e veña “braaaaaaaaaavo pooooola múuuuuuuuuusicaaaaaaaaaaaaaaaaa… queeeeeeeee nos haaceeeeeeee máaaaaaaaaaaaaaaaagicooooos”.
E que me dicides de “Anduriña” de Juan y Junior, un himno aínda hoxe para o equipo de cadetes de basket que se reúne (e se reunirá sempre) unha vez cada verán para cear.
Fuxan os Ventos, os Tamara, Andrés do Barro (cintas de meus pais) foron os elixidos na miña etapa pandereteira, cos que descubrín o que era un carro de madeira, un boi, o verde de Galicia, as vías do tren e as miñas raices… que xa sabedes que sen elas non se pode voar.



Despois chegou a fase rapeira de meu primo Gus (no que eu me fixaba por unha noiva que tivera de Lugo e que a min me gustaba aínda que me levara seis anos, S.C. eran as súas iniciais) e o meu alucine con MC Hammer, Vanilla Ice, New Kids on the Block e todo por ahí. Coa serie “El Príncipe de Bel Air” e o meu entusiasmo enfrasqueime en “Code Red” de Jazzy Jeff & The Fresh Prince. Foi unha etapa de bailes de tesoira, rodar polo chan, gorras de lado, camisetas amplas e viva U.S.A.!


Michael Jackson é alguén superior para min, sempre recordo, cando de pequeno meu pai me preguntaba quen me gustaría ser, Jackson ou Jordan e, sendo un dos nenos máis alucinados co baloncesto que coñecín, contestaba que Jackson. Meu pai non o podía crer, como podía ser aquelo? Pois porque a música é inigualable. Imitaba os seus bailes, búscaba guantes como os seus, soñaba con ser un dos rapaces aos que convidaba a Neverland e rebentaba os nocellos contra os marcos das portas intentando que me saira o moonwalker. Hoxe en día, busco en YouTube “Billie Jean” ou “Beat it” para velo en acción e flipo coas versións que outros artistas (como Chris Cornell) fan dos seus temas.
Ao mesmo tempo cando íamos de viaxe, gustábame oir as cancións de Carlos Cano, de Gardel, Nat King Cole, Antonio Machín e dos Panchos. “María la Portuguesa”, “Si tú me dices ven”, “Dos gardenias” e quilómetros por diante, coa cara pegada á ventanilla onde poñía aquelo de Sekurit e non sei que máis. A miña familia nunca estivo tan unida.


Chegou o discman señores, regaláronmo e comecei a collerlle cd’s a miña irmá Paula. “Out of Time” de R.E.M. foi o primeiro, os poemas de Rosalía cantados por Amancio Prada o segundo e “Brothers in Arms” de Dire Straits o terceiro. Repeticións e máis repeticións.











No insti non caín en Nirvana, eso de levar tres camisetas (os tres pisos) por debaixo da sudadeira non era para min, eso xa llo deixei a Lluís (ou Llúis, nunca souben moi ben como se pronunciaba). A primeira vez que escoitei un cd deles enteiro foi aos dezaoito ou dezanove anos. Tampouco me entusiasmaba U2, aínda que recoñezo que algúns dos seus temas gustábanme. Nin Beatles, nin Rolling Stones. Chifleime co “Vitalogy” de Pearl Jam. Sempre o levaba nos desprazamentos cos Celtas (Clube Baloncesto Celtas de Foz), xunto ao “Automatic for the People”, “Murmur” e “Document” de R.E.M. (que María me comprara no Carrefour de Ribadeo), The Doors, “Nebraska” e “Born in the USA” de Springsteen, un de Mudhoney que non recordo o título, “Dangerous” de Michael, “Circus” e “Are You Gonna Go my Way” de Lenny Kravitz e algo de Prince só para desfrutar de “Purple Rain” (coa que chorei fai tres anos na voda de meu primo Che mentres bailaba con Carla).
Entre tanto Seattle e pop negro, descubrín “Yolanda” de Pablo Milanés (unha das mellores cancións de amor da historia), “Alevosía” de Aute e aquel doble cd con Silvio Rodríguez que era “Mano a Mano”. Non poido esquecer nesta etapa o recopilatorio “Generation Next” de Pepsi.




Cando me fun estudar a Lugo sumei The Black Crowes (“Amorica”) á miña discoteca, e Tom Petty, e Soundgarden (“Superunknown”), e Oasis con “Wonderwall” (perfecta), e New Radicals, e Melón Diesel (aqueles de Gibraltar), e “Urban Hymns” de The Verve, e máis R.E.M., e máis Pearl Jam, e The Clash, e “Poligamia” de Los Piratas, e “Hasta Luego” de Los Rodríguez, e Counting Crows, e Midge Ure coa mítica canción do anuncio de Swatch e todo o fantástico disco, e Marvin Gaye co rollo Motown, e a dupla Norah Jones e Diana Krall, e Staind (aquel “Break the Cycle”), e Blind Faith, e Taj Mahal, e Fat Boy Slim (figura que me flipou), e The Chemical Brothers (souben o que era vivir nunha cidade industrial), e Portishead, e o directo de Duncan Dhu no Teatro Victoria Eugenia, e Jorge Drexler, e The Flamig Lips, e Massive Attack, e New Order, e Everything But the Girl, e At the Drive In, e Red Hot Chili Peppers, e DJ Shadow, e Eels (aquel pop triste-alegre), e moitos máis.




Cando acabei a diplomatura fun estudar unha licenciatura a Coruña e ahí creo que comezou a subir moito o meu nivel de consumo (en horas e en euros) de música. “Amnesiac” e “The Bends” de Radiohead cos que movía seguido a cabeza e non o corpo. Todo o que había de Ben Harper, co que descubrín unha voz única e conquistadora, magnífica “Roses from my Friends”. O son fresco de Travis con aqueles instrumentos de corda e os singleazos. Gomez e o son americano desde as islas británicas. Incubus e o duro romanticismo. O doble “Being There” e os outros que o seguiron de Wilco foron un punto de inflexión. Tamén o foi ‘o meu’ Jeff Buckley, que se convertiu no meu solista preferido co álbume “Grace” (non hai xoia igual, é o mellor anel de pedida posible). “Screamadelica” de Primal Scream con ese pop bañado en ácido. A clase norteamericana da Velvet Underground & Nico e a desembocadura Lou Reed. O jazz da man de “A Love Supreme” de Coltrane, de “Undercurrent” de Jim Hall e Bill Evans, de “Porgy and Bess” de Miles Davis e de recopilatorios de Nina Simone e Chet Baker. A electrónica robótica afrancesada de Daft Punk. O frenetisno de Joy Division e as súas lendas nese ambiente Madchester. Un paraíso brasileiro con Caetano Veloso e Gilberto Gil. Imprescindible foi o “Pink Moon” de Nick Drake que facía certo eso de ‘bo se breve, dúas veces bo’. “Salitre 48” de Mr. Quique Gonzalez e o bautismo de Marlango. O maquinismo e aire artesanal de Beck. A burrada que foi “From Evey Sphere” de Ed Harcourt. O modernismo e fusión de M.I.A. O nacemento punk-rock de Delorean (que me enganchou para sempre e agora entusiasmame a súa electrónica). A atmosfera aburguesada dos grandes Echo & The Bunnymen e o seu “Ocean Rain”. Suede e o falsete sensual cheirando a sexo que pon a un quentísimo. O descubrimento dun continente mudo ata o momento da man de Salif Keita. Spiritualized e “Ladies and Gentleman We are Floated in the Space” como disco de cabeceira e logo virían os outros. E máis, e máis, e máis.











Logo fun un ano a vivir unha experiencia a Londres con Tanito e machaquei o disco homónimo de Maga todos os días no metro camiño ao traballo nun restaurante onde me namorei (seriamente) do mundo gastronómico. Traballei moitas horas ao ritmo de “My Life” de Julio Iglesias, do primeiro disco de Scissor Sisters, do “Big Calm” de Morcheeba, de moitos de Sinatra, do “Un Momento en el Sonido” de Vicente Amigo, das sesións de Kruder & Dorfmeister, e da maxia de Buena Vista Social Club. Alí comprei só tres cd’s, “Le fil” de Camille, “Bebel” de Bebel Gilberto, “Final Straw” de Snow Patrol (precioso soando naquela solitaria Noiteboa). Descubrín aos debutantes, por aquel entonces, Bloc Party e o rompedor “Silent Alarm” (que anos despois viviría en vivo no ‘pasado por auga’ Festival de Paredes de Coura) a Death From Above 1979 ou a Razorlight cun primeiro álbume moi ilusionante. Foi na capital británica tamén, onde a música en directo cobraba importancia (vital) para min coa asistencia a dous espectáculos: Johnny Greenwood e Thom Yorke coa London Symphonetta, e Death in Vegas, o primeiro no Royal Festival Hall e o segundo, no Barbican Center.

Coa miña volta á terra, perdín a cabeza e entusiameime cos festivais e coas actuacións en vivo (que me dura ata hoxe en día), Festival do Sudoeste, Paredes de Coura, SinSal, teatros, etc.


Fun preparar as oposicións de mestre a Lugo (outra vez na cidade das murallas) e foi alí onde vin gañar ao Barça liga e Champions mentres lle daba a José González, a Clap Your Hands Say Yeah, a Yeah Yeah Yeahs, a Antony & The Johnsons, a Wolf Parade, ao primeiro de Arcade Fire, aos multi-multi Broken Social Scene, a Wendo Kolosoy, a Femi Kuti, a TV On The Radio, a Two Gallants, a Michael Nyman, a The Streets (e veña facerlle o amor a Carla con “The Original Pirate Material” mañá, tarde e noite), a Micah P. Hinson, a Smog e logo a Bill Callahan en solitario, a LCD Soundsystem, a Maximo Park, ao rap de marca de Kanye West e outras cousiñas que non lembro polas sobredosis de estudo que me metía.








A partir de ahí, un ano en Carballo dando clase e unha nova etapa en Coruña que chega ata agora e que me fixo consumidor compulsivo de todos os estilos musicais, moito jazz, moito folk de Portugal, África, Estados Unidos e Reino Unido, moita contemporánea, moita electrónica, moito rock, moito pop…
Catro anos nos que me quedo (sobre todo) cuns cantos discos e bandas que vos comento.
Grupos con varios discos fundamentais para min como Vampire Weekend, Dodos, Ray Lamontagne, Damien Jurado, The Black Keys, The National, Band of Horses, Black Rebel Motorcycle Club, Liars, Beirut, Sufjan Stevens, Rodrigo Leão, Ludovico Einaudi, Ryuichi Sakamoto, Ali Farka Touré, The Walkmen, Zé Afonso, Caribou, The Roots, Four Tet, Lou Barlow, Grizzly Bear, Deerhunter, Centro-Matic, e claro Animal Collective, máis a maioría dos que levo dicindo ao longo do texto. Fastídiame (non sabedes canto) esquecer algúns pero se me poño fanme falta seis folios máis.
Fóra destes, hai máis de trescentos discos actuais que me encantan como: “Home” de Peter Broderick, “Isla” de Portico Quartet, “Cattacombs” de Cass McCombs, o de Aufgang, “Fur and Gold” de Bat for Lashes, “The Reminder” de Feist, “Mirrored” de Battles, “Teen Dream” de Beach House, “Berlin Calling” de Paul Kalkbrenner, “Untrue” de Burial, “Ambivalence Avenue” de Bibio, “For Emma, For Ever Ago” de Bon Iver, “15 Again” de Cassius, “Año Santo” de Triángulo de Amor Bizarro, “Allegranza” de El Guincho, “Big Echo” de The Morning Benders, “In Ghost Colours” de Cut Copy, “Magic Chairs” de Efterklang, “Lungs” de Florence & The Machine, o de Fool’s Gold, “Tarot Sport” de Fuck Buttons, “Get Color” de Health, “Primary Colours” de The Horrors, “The Warning” de Hot Chip, o de Instituto Mexicano del Sonido, o de Jack Peñate, “Post-Nothing” de Japandroids, “Slow Dance” de Jeremy Jay, “Farewell” de Sean Riley and The Slowriders, “+” de Justice, “The Boxer” de Kele, “Midnight Boom” de The Kills, “Assume Crash Position” de Konono Nº1, “Black Noise” de Pantha du Prince, o de Sebastien Grainger, “Clinging to a Scheme” de The Radio Dept., o de The XX, “Fits” de White Denim, “All Hour Cymbals” de Yeasayer... e en definitiva, todos aqueles que reseño no meu outro blogue.

Foi este un repaso polo que levo vivido, por unha experiencia dun tercio de vida xa que culmina nun momento moi bo, os trinta anos que cumprirei este cinco de Maio. Estas bandas, esta música, di tanto de min como se estivese falando unha tarde enteira e seguramente non lle interese a ninguén pero o feito de escribilo gustoume moito. Fun pasando de escoitas puntuais a constantes, de consumos lixeiros a exploracións máis intensas, fun descubrindo partes da historia, da cultura, das sociedades, da vida en xeral.
O que boto un pouco de menos é aquela calma de antes cando escoitaba un cd (porque non tiña un cento agardando) e faime sentir que todo vai moi rápido. Eu intento ralentizalo todo ao máximo para experimentar, percibir e coñecer BEN o que descubro. Opóñome á velocidade actual da información, igual que Woody Allen cando dixo: “Fixen un curso de lectura rápida e lin ‘Guerra e Paz’ en vinte minutos. Vai de Rusia”.

Eu creo que os resultados importan moito pero non esquezamos os procesos, o camiño para conseguilos, que é onde se desfruta.

1 comentario: