lunes, 4 de abril de 2011

QUERO SER DEAN MARTIN

Moita xente, cando lle preguntan quen querería ser ou a quen lles gustaría parecerse dubidan… ou simplemente escollen a alguén que gañe moitos cartos. Son habituais respostas do tipo Cristiano Ronaldo, Madonna, Messi, Bono (o de U2 , non o político), Beyoncé, Brad Pitt, Clooney, Pau Gasol, Jon Kortajarena, Rafa Nadal, Julia Roberts, John Lennon, Fernando Alonso, Lady Gaga, Tiger Woods (ou este xa non… ou sí… ou eu que sei), a princesa Leticia, Gandhi, Mick Jagger, Angela Merkel… Alguén quere ser… non sei, Jordi Estadella? Ou Jordi Hurtado? Non vexo moitas respostas deste tipo. Hai persoas que din a verdade cando lles preguntan e hai outras que se deixan levar, un pouco, por excentricidades moi pensadas para dar que falar ou para mostrar certa inquietude cultural que realmente non experimentan. Sexa como fora, cada un pode facer o que lle dé a gana e dicir o que queira, non vou ser eu quen xulgue a ninguén, por suposto que non. Nas revistas do corazón, vemos en ocasións entrevistas a famosos (por calquer motivo, aínda que case sempre, non polo seu traballo) que respostan a esta pregunta. Non lembro agora mesmo casos concretos pero non me costa imaxinar o que contestarían algúns e algunhas.




Por exemplo, Guti. Aposto o dedo meñique do pé esquerdo (que fai moitos anos que me morreu) a que lle gustaría lucirse e diría algo así como Nelson Mandela. Con esto conseguiría dar unha imaxe comprometida coa igualdade social e os dereitos humanos, deixaría por un momento ao marxe a súa reputación de festeiro e manifestaría un coñecemento da historia (que en realidade se cinguiría a ver o filme “Invictus”).

Joaquín Reyes, en cambio, está claro que diría a parida do século. O que xa me costa máis é saber se se decantaría por Yola Berrocal (por poder tocar e asfixiarse coas súas propias tetas) ou por Chuck Norris (por ser capaz de acabar, na ficción e na realidade, cun exército asiático a pesares de ter a avirollada máis demencial do star system e unha barba que parece moqueta).


Estou seguro do que contestaría Belén Esteban. “Si volviese a nacer me gustaría ser… (dous segundos para darse importancia nese ritmo televisivo no que parece que transcurre toda a súa vida e pechar os ollos como só ela sabe facer)… yo misma”. Ñaaaaaaaaasssss!!!! Que pesada e previsible eres miña filla! Sempre poñendo en valor a túa loita constante coa vida e esa capacidade ilimitada de sufrimento. Nin que os demáis estivésemos no orgasmo cada segundo. Juan Manuel de Prada (coa súa pedancia habitual e a súa ultracultura que taladra o escroto) diría, citando a algún filósofo grego que “quien pretende ser quién no es, permite a su destino elegir el revés”. Se limparas as gafas! E a ver se un día destes compras unha camisa que che dé para meter por dentro. Na sección de roupa de home non probes, vai mellor á de fogar.

A filla da Preysler, despois duns segundos (bastantes, e neste caso, non por facerse a interesante senón porque se daría conta nese momento de que en vez de levar o iphone na man leva un plátano) decantaríase por ser súa nai. O entrevistador diría que eso non vale (como cando xogando ao culé de pequenos, non valían furos) e esixiría outra resposta. Ela, despois de dicir sete veces “…no sé… no sé…” diría unha a boleo que probablemente sería Nati Abascal. “Me encanta… es supersimpática… jaja… y tiene un estilazo… creo que ella y mi madre son de las mujeres más elegantes de este país”.

Adiviñades quen contestaría “No sé quién me gustaría… pero sí sé quién no me gustaría ser!”? Efectivamente! Jorge Javier Vázquez. E deixaríao ahí no aire para que cada quen interpretese ao gusto. Poderían ser Patricia Conde, Carles Francino ou algún político (ou xornalista) que esa semana lle chamase maricón publicamente ao socialista madrileño Zerolo.

O Gran (gran) Wyoming continuaría afiliado ao seu amor eterno (pero non cansino) a José María Aznar, o expresidente do goberno coa parede abdominal máis lograda e traballada da historia. Melloraría a súa elección cunha rectificación a tempo, escollendo ser o bigote de Aznar que, por certo vai desaparecendo como unha sopa no prato ata ter a cualidade da invisibilidade presencial.


Pola súa parte, o do Partido Popular, posteriormente a deixar ben clariño que el está orgulloso de todas as cousas que fixo (porque as fixo con convicción e pensando no interese xeral) afirmaría que lle gustaría ser simplemente unha persoa que axudase á xente e que dese solucións aos problemas actuais… para rematar cun “Justamente lo que no hace el señor Zapatero”. Despois amosaría eses preciosos dentes de papamadeira que algún rompería dun martelazo.

E Zapatero quen diría? Quen sabe? Ao mellor, “Me gustaría ser el presidente del gobierno que hizo que, con el apoyo de la ciudadanía, la crisis fuese un mal recuerdo que cimentase las bases de un funcionamiento económico y social más igualitario y justo para todos… Buenas noches y buena suerte!” E sorte é o que fai falta para sair do burato… que cos cen euros que me quitaches do meu soldo só poido ir tres venres ao mes a comprar á Fnac en vez de catro.

Serrat diría sen cortarse un pelo que Messi. Non esconde o seu barcelonismo e chegou a admitir que os Sábados non merece a pena buscar bo cine, boa literatura nin boa música porque xoga o seu equipo.

A elección pode facerse en función do éxito profesional, do éxito co sexo oposto, do campo no que se triunfe, do diñeiro que se posúa, do poder que se teña, das experiencias vividas… e todo esto sempre con xente coñecida porque aos anónimos non os coñecemos. Aínda que é certo que tamén está ben ser un familiar que admiramos, un amigo, etc. O normal é elixir a alguén popular. Independentemente do que pensen os demáis, e de que mole ser un mesmo, tamén ten que estar ben ter sido outra persoa. Pode ser que a pregunta correcta sexa ‘Quen che gustaría ser se non poideses ser ti mesmo?’


Eu quixen ser Michael Jordan, Michael Jackson, Eddie Vedder, Castelao e agora gustaríame ser Dean Martin. Se me fixeran esa pregunta, a miña resposta sería Dean Martin, de verdade, é unha persoaxe que me encanta. O único que me fodería é que é estadounidense pero pago a peaxe. Dean Martin. Sabedes quen é, verdade? Axúdanvos as fotos? Dean Martin naceu en 1917 en Steubenville (Ohio) nunha familia de inmigrantes italianos. A escola nunca chamou o seu interese e eso fixo que comezase a ganarse a vida como peón, empregado de gasolineira, crupier de casino e ata como boxeador (o seu alcume era “Kid Crocetti” debido ao seu nome real Dino Paul Crocetti). Simultaneamente deixábase ver nos clubes nocturnos como cantante compaxinando música e humor. Nunha das súas actuacións, coincidiu con Jerry Lewis (que tamén intentaba ganarse a vida) e non tardaron en facerse amigos e parella profesional. Debutaron na radio e no 49 ficharon pola Paramount. Despois duns cantos filmes de éxito, iniciaron as súas carreiras en solitario. Dean seguiu triunfando con pelis de tinte humorístico e tamén dramático, á vez que colleitou éxitos musicais con temas como “Volare”, “When You’re Smiling”, “That’s Amore” ou “Everybody Loves Somebody”. En 1940 casou con Betty McDonald e en 1949 con Jane Biegger. A partir dos 50 comeza o mambo e fórmase o “Clan Sinatra”, máis coñecido como o “Rat Pack” (“Banda das Ratas”), amantes da festa e da boa vida e sempre relacionados, dalgunha maneira, coa mafia. Para min, musicalmente son do mellor. Frank Sinatra, Sammy Davis Jr. e Dean Martin. Vaia trío! Ser un dos membros do Rat Pack non ten prezo. A veces, uníanselles outros dous, Peter Lawford (actor) e Joey Bishop (comediante) co que pasaban a ser un quinteto de luxo. No 1990 morreu Davies, o 25 de Decembro de 1995 en Beverly Hills finou Martin e no 1998 Sinatra pero a súa lenda e modo de vida seguen moi vivos. A súa música foi, sen lugar a dúbidas, como unha man ganadora no póker de Las Vegas, ese lugar que os viu facer historia. Dean Martin, un tipo de pobo, coma min, foi un dos tipos con máis clase que vin na miña vida. Dino… ese quero ser eu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario