domingo, 29 de diciembre de 2013

"INDIFFERENCE"




Pearl Jam. A banda que máis me gusta. Eddie Vedder, Jeff Ament, Mike McCrady, Stone Gossard e Matt Cameron.
O romance comezou no instituto, en 3º de BUP, cando, non lembro como nin por medio de quen, caeu nas miñas mans unha copia pirata do "Vitalogy" (1994). Eu tiña dezaseis anos e o meu mundo deu unhas cantas voltas. Foi a miña incursión no terreo Seattle, que logo me levaría a Soundgarden, Mudhoney e Alice in Chains. Nunca a Nirvana. Aquel disco, con "Better Man" (a miña favorita), "Spin The Black Circle", "Last Exit", "Nothingman", "Not For You" ou "Corduroy" abriume un camiño que estiven moi gostoso de camiñar. Non pasou moito o tempo e funme facendo co "Vs." (1993), "No Code" (1996), "Ten" (1991), "Yield" (1998)… e así ata ir convertíndome en home con eles.
Estaban ahí, comigo, cando o baloncesto era o que máis me ilusionaba, en Foz, cando facía trasnadas, cando me namorei por primeira vez (e por segunda, terceira…), en Lugo, cando me fun para a universidade, en Coruña, en festas, na intimidade, na miña habitación de Londres, de novo en Lugo, cando aprobei as oposicións, en Carballo, cando comecei a traballar, outra vez en Coruña, e agora en Pontevedra. Sempre. Nunca os abandonei… nin eles a min. Non importa o que chegue, nin o moito que me gusten eses novos descubrimentos, eles serán sempre os meus favoritos. Fidelidade natural, lle chamo.

Ben Harper. Un músico meu. 
Estudaba Psicopedagoxía en Coruña e vivía un momento bastante inquedo. Deixei da gastar diñeiro en sair os xoves universitarios e compraba un par de discos á semana. Facíao na tenda que tiña Discos Gong no Centro Comercial de Los Rosales. Lembro que o camiño de ida e de volta andando (uns vinte minutos cada un), xunto ao tempo que pasaba revolvendo, eran dunha felicidade máxima. Facía sol, era primavera, os días notábanse xa máis longos. Achegábase o momento dos exames finais e as saídas convertíanse en tomas moi necesarias de aire fresco. Debía levar media hora buscando, acostumaba empezar polo final, pola "Z". Parara na "G" e collera o "Bring It On" (1998) de Gomez. Ao chegar á "B" descubrín a Ben Harper e o seu "The Will To Live" (1997). Era unha época na que non se podían probar os discos, ou sexa que só quedaba a intuición e o criterio de clasificación por estilo musical que tivesen na tenda. Tamén o comprei. 
Foi moi emocionante, chegar ao piso, pecharme na habitación e poñelo no meu radio-cd Grundig. A canción "Roses From My Friends" meteuse dentro de min e non volveu a sair. Así comezou outro romance no musical.

Moitos homes teñen esa estúpida fantasía sexual de facer un trío con dúas mulleres (como se non chegase con deixar satisfeita a unha!). Non tiven o pracer de saber o que se sinte en tal asunto, mais sei o que é desfrutar dun trío no plano musical. Pearl Jam, Ben Harper e máis eu. Eles no escenario, eu no sofá. 
"Indifference" é un agasallo persoal que me fixeron eles mesmos. 
A primeira vez que a escoitei (e vin) foi no DVD "Live At The Garden", é dicir, nun concerto desde o Madison Square Garden de New York o 8 de xuño de 2003. Co escenario case a escuras, negro e unhas leves pero tremendamente atmosféricas luces verdes. A voz de Eddie Vedder e a de Ben Harper mesturadas, un algodón manchado co sangue dos sentimentos. Unha batería delicada, un baixo que mece e unha guitarra que aliena. 

Sinxelamente inmellorable.





"i will light the match this mornin', so i won't be alone
watch as she lies silent, for soon light will be gone
i will stand arms outstretched, pretend i'm free to roam
i will make my way, through, one more day in hell...
how much difference does it make
how much difference does it make...
i will hold the candle till it burns up my arm
i'll keep takin' punches until their will grows tired
i will stare the sun down until my eyes go blind
hey i won't change direction, and i won't change my mind
how much difference does it make
how much difference does it make..
how much difference...
i'll swallow poison, until i grow immune
i will scream my lungs out till it fills this room
how much difference
how much difference
how much difference does it make
how much difference does it make…"

No hay comentarios:

Publicar un comentario